15 medios piden ao CIS que pregunte pola Monarquía

Estimado José Félix Tezanos, presidente do CIS,

Os 15 medios dixitais que subscribimos esta carta facémoslle chegar a nosa petición conxunta para que valore a posibilidade de incluír a Monarquía nalgún dos próximos barómetros de opinión que elabora e publica periodicamente o Centro de Investigacións Sociolóxicas.

Pasaron cinco anos desde a última vez que o CIS preguntou pola Monarquía. Foi na sondaxe de abril de 2015. Facía practicamente un ano da abdicación de Juan Carlos I e da proclamación do Felipe VI. Desde entón, a Xefatura do Estado quedou excluída das enquisas do CIS. Cremos necesario que a xefatura do Estado volva figurar nos barómetros de opinión, sobre todo tendo en conta os acontecementos ocorridos en España durante este tempo, algúns deles moi graves e vinculados directamente á Coroa.

Serviría á súa vez como primeiro test de opinión pública ao que se somete o novo reinado deste século, baixo a figura de Felipe VI. O monarca foi protagonista e testemuña dunha profunda crise política, social e constitucional, con tres eleccións xerais en catro anos, o referendo en Cataluña, o  procés e o posterior xuízo aos seus líderes, e todas e todos coñecemos a profunda repercusión que tivo o discurso do rei 3 de outubro, en pleno conflito territorial. En suma, Felipe VI viviu en primeira persoa co resto da cidadanía avatares varios, o último, unha pandemia global que en España veu acompañada dunha investigación xudicial e de  gravísimas acusacións de corrupción contra o anterior Xefe do Estado.

Cremos que as institucións, ademais de ser democráticas, transparentes e limpas, deben estar sometidas á valoración, o exame e a crítica por parte da cidadanía. No caso da Monarquía, non dispoñemos do voto para pulsar e expresar a nosa opinión, polo que resulta indispensable realizar enquisas de opinión fiables e rigorosas.

Por todo iso, pensamos que o momento é idóneo para que o CIS faga unha enquisa monográfica sobre o tema. En termos democráticos non é de recibo que siga demorándose. As institucións deben coñecer a opinión dos seus representados para mellorar no posible a súa actuación.

Estimado presidente do CIS, confiamos en que teña en conta esta petición, que lanzamos desde o respecto ao organismo que preside, desde a máis firme convicción democrática e en nome dos millóns de persoas que len cada día os medios aos que representamos.

Quedamos á espera dunha pronta resposta e agradecemos a súa atención.

AraCatalunya Plural, Crític, CTXT, Carne Cruda, Cuartopoder, Diario 16, El Plural, El Salto, La Marea, La Voz del Sur, Luzes, Nueva Tribuna, Pikara Magazine, Praza Pública, Público.

Un saúdo,

14 de xullo 2020

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail