«Usted debería saber»: o ensaio de Manuel Monge que rastrexa a herdanza franquista da democracia española

A Coruña.- Hai libros que aspiran a explicar o pasado e outros que buscan intervir no presente. Usted debería saber. La historia secuestrada de la monarquía. 90 años con Franco (Edicións Laiovento, 2026), o novo ensaio do sociólogo e historiador coruñés Manuel Monge, pertence sen disimulo á segunda categoría. O propio autor defíneo no prólogo como un «panfleto pedagóxico», unha ferramenta de combate intelectual concibida para discutir os relatos oficiais sobre a ditadura, a transición e a monarquía parlamentaria.

Mestre, sociólogo, expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, exconcelleiro do BNG na cidade e unha das voces máis persistentes do memorialismo galego, Monge constrúe unha obra de máis de trinta capítulos na que conecta a represión franquista, a continuidade de determinadas elites políticas e económicas e a pervivencia da Coroa como institución nacida directamente da vontade de Francisco Franco. A súa aproximación non é unicamente académica: durante a ditadura, o autor foi preso político e pasou polo cárcere de Basauri (Biscaia) en 1968 e polo cárcere da Coruña en 1972, experiencias que axudan a explicar o compromiso que atravesa toda a súa traxectoria.

Un exemplar do ensaio de Manuel Monge

«O libro xurdiu de dous elementos», explica o autor. «Primeiro, a enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas de 2025 que di que a unha boa parte da poboación española non lle importaría unha ditadura, que non distingue entre democracia e ditadura, demostra que non aproveitamos estes últimos 50 anos para explicar ás novas xeracións o que realmente supuxo a barbarie do franquismo. O segundo elemento foron as memorias de Juan Carlos de Borbón, coas que intenta normalizar o feito de que o seu reinado e o réxime do 78 son herdeiros da vontade de Franco, manifestando sen ningún rubor a súa admiración persoal e política polo ditador».

Descoñecemento histórico

Esa preocupación polo descoñecemento histórico atravesa todo o volume. Monge comeza lembrando que a Lei de Memoria Democrática recoñece expresamente o golpe militar do 18 de xullo de 1936 como un ataque contra un goberno lexítimo e democrático. A partir desa premisa desenvolve unha tese contundente: a democracia española non constituíu unha ruptura plena coa ditadura, senón unha transición condicionada por estruturas, poderes e actores procedentes do franquismo.

O primeiro capítulo desmonta algunhas das interpretacións que, a xuízo do autor, serviron durante décadas para xustificar ou relativizar a sublevación militar. Entre elas figura a expresión utilizada por Alberto Núñez Feijóo para definir a Guerra Civil como unha «pelexa entre avós», unha formulación que Monge considera representativa dos intentos por diluír as responsabilidades históricas do golpe de Estado.

Manuel Monge: «Non aproveitamos estes últimos 50 anos para explicar ás novas xeracións o que realmente supuxo a barbarie do franquismo»

O ensaio dedica boa parte das súas páxinas a documentar a magnitude da represión franquista. Tras a sublevación contra a República foron asasinadas entre 130.000 e 150.000 persoas mediante execucións sumarias, unha cifra que o autor compara coas represións exercidas polos réximes nazi e fascista en Alemaña e Italia. Segundo recolle a obra, en xaneiro de 1940 había 270.000 persoas recluídas en cárceres e campos de concentración franquistas, mentres outras fontes elevan ata 363.000 as persoas privadas de liberdade a finais de 1939.

As cifras continúan nas décadas posteriores. Monge lembra que polo menos 50.000 persoas foron executadas durante a posguerra, entre elas o presidente da Generalitat, Lluís Companys, ademais de dirixentes republicanos como Julián Besteiro, Juan Peiró ou Ricardo Zabalza. O custo demográfico da guerra e da inmediata posguerra, engade, supuxo a perda de aproximadamente 600.000 persoas no censo e o exilio doutras 200.000 que nunca regresaron.

Dimensión internacional

O libro tamén subliña a dimensión internacional do exilio republicano. En marzo de 1939 había 275.000 españois internados en campos franceses e arredor de 40.000 foron trasladados á forza a Alemaña para traballar na industria de guerra. Miles remataron en campos de concentración nazis. Só en Mauthausen (Austria) morreron preto de 5.000 dos 7.000 republicanos españois que pasaron por aquel complexo de exterminio.

A represión alcanzou igualmente o ensino e a Administración pública. Unha lei aprobada en febreiro de 1939 permitiu expulsar miles de funcionarios considerados desafectos ao réxime. Entre eles figuraban 60.000 mestres e profesores, substituídos por persoas afíns á ditadura. Uns 5.000 gardas civís foron apartados dos seus postos por non apoiar expresamente a barbarie.

Manuel Monge, co seu libro, xunto ao monumento ao alcalde franquista Alfonso Molina no centro da Coruña / J. O.

O núcleo político do libro non se atopa unicamente na análise da violencia franquista. Monge sostén que a cuestión decisiva é a continuidade institucional derivada daquel golpe. «O punto de partida é que aquí houbo un golpe de Estado militar ilegal. Está na Lei de Memoria Democrática. Todo o que derivou institucionalmente de aí debe ser considerado ilegal: alcaldes, ministros, deputados, altos cargos… Foron ilegais. Pero seguimos honrándoos cos seus nomes en miles de rúas de todo o Estado; títulos honorarios de concellos e deputacións, onde os seus retratos seguen lucindo nas zonas nobres desas institucións; medallas e honras de varios ministerios que se publicaron no Boletín Oficial do Estado e que non foron revogadas…».

Desde esa perspectiva, a monarquía ocupa un lugar central. O autor insiste en que a Coroa arrastra un «virus de orixe» porque foi Franco quen designou persoalmente a Juan Carlos de Borbón como sucesor. Varios capítulos examinan o xuramento de fidelidade ao réxime realizado polo futuro rei, as súas relacións co ditador e as sombras que rodean a versión oficial do proceso de democratización.

Felipe VI

A crítica esténdese tamén ao reinado de Felipe VI. Aínda que o actual monarca aparece menos desenvolvido ca o seu pai, Monge considera que a institución mantén intactos os mecanismos de protección e inviolabilidade que, ao seu xuízo, dificultan a rendición de contas e o escrutinio democrático.

A investigación dedica así mesmo unha atención especial á corrupción vinculada á Casa Real. As contas opacas, as comisións, a fortuna acumulada por Juan Carlos I, o caso Nóos e as relacións do emérito con figuras como Corinna Larsen son presentados como expresións dunha cultura de impunidade cuxa raíz estaría na propia configuración política da transición.

A fortuna corrupta acumulada por Juan Carlos de Borbón e o caso Nóos, entre outros elementos, preséntanse no ensaio como expresións da cultura de impunidade deseñada na transición.

En paralelo, o ensaio rastrexa a continuidade das carreiras políticas de determinadas elites xurdidas do franquismo. Manuel Fraga aparece como unha figura recorrente. Monge lembra o seu papel dentro da ditadura e cuestiona os relatos que presentan o fundador do Partido Popular exclusivamente como un dos arquitectos da democracia. A partir desa xenealoxía, o autor enlaza a historia do franquismo coa evolución posterior do PP, desde José María Aznar ata Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e o seu sucesor en Galicia, o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A dimensión galega do libro resulta especialmente relevante. Monge rexeita a idea de que en Galicia houbese unha guerra civil en sentido estrito. O que existiu, sostén, foi un proceso sistemático de exterminio político executado tras o triunfo inmediato da sublevación militar. Apoiado en investigacións académicas, cifra en máis de 13.000 as vítimas directas da represión en Galicia entre asasinados, encarcerados e represaliados.

Asasinados en Galicia

Segundo os datos recollidos na obra a partir do Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces, 8.767 persoas foron sometidas a proceso xudicial en Galicia, das cales 3.566 foron condenadas a penas de prisión. Outras 4.699 foron asasinadas: 1.466 mediante execución de sentenza e 3.233 tras os chamados «paseos». A elas sumaríanse milleiros de desaparecidos, encarcerados irregularmente, deportados ou represaliados fóra de Galicia.

A entrevista para esta información tivo lugar nunha cafetería do centro da Coruña situada fronte á rúa adicada a Ambrosio Feijóo Pardiñas. O detalle non é menor. Feijóo Pardiñas presidiu tribunais militares que ditaron sentenzas de morte contra republicanos como o alférez Germán Riopedre López, o médico Manuel Calvelo ou o obreiro Manuel Sánchez Ayerbe. Tamén condenou inicialmente a morte á activista republicana Isabel Ríos, aínda que a súa pena acabaría sendo conmutada por cadea perpetua.

Busto de Francisco Franco no Museo Militar da Coruña / J. O.

Tras a conversa, Monge camiñou uns 200 metros ata o monumento dedicado a Alfonso Molina, alcalde franquista da cidade e integrante do seu círculo político máis íntimo, para facer a fotografía que acompaña esta peza. Á volta, xa baixo a placa da rúa dedicada a Feijóo Pardiñas, produciuse un encontro inesperado con Carlos Negreira Soto, alcalde da Coruña polo PP entre 2011 e 2015. Saúdanse cordialmente e, cando Monge lle explica a Negreira que estaba presentando ao xornalista o seu novo libro, cun exemplar na man, o exalcalde sorrí e di: «Ti non paras!». «Non, non paro, nin pararei!», responde con ironía o historiador.

A escena resulta significativa porque Monge e Negreira protagonizaron anos atrás un dos debates máis ilustrativos das disputas sobre memoria histórica en Galicia. O primeiro lembra no libro como, durante a inauguración do memorial ás vítimas do franquismo promovido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica en 2010, Negreira condicionou a participación do PP a que figurasen os nomes de todas as vítimas, incluídas as do bando franquista. O memorial recollía arredor de 600 persoas asasinadas polos sublevados. Monge respondeu daquela pedíndolle a Negreira que identificase as supostas vítimas ausentes da listaxe de homenaxeados. «Non pasou ningún nome», escribe.

A falsa «teoría do empate»

O episodio sérvelle para cuestionar o que denomina a falsa «teoría do empate»: a idea de que a violencia franquista e a violencia republicana foron fenómenos equivalentes. Para o autor, esa interpretación persegue diluír responsabilidades históricas e consolidar unha visión equidistante dos feitos ocorridos tras a sublevación militar.

Ao longo de case cincocentas páxinas, Usted debería saber mantén unha vontade explícita de confrontación política. Monge non pretende ocultar a súa posición ideolóxica nin a súa defensa do republicanismo. Tampouco aspira a unha neutralidade académica convencional. O seu obxectivo é outro: proporcionar argumentos documentais para discutir o relato dominante sobre a transición e sobre o papel da monarquía na democracia española.

O resultado é unha obra incómoda para quen considera pechado o debate sobre a herdanza do franquismo. Noventa anos despois do golpe de 1936 e medio século despois da morte de Franco, Manuel Monge sostén que as preguntas fundamentais seguen abertas. E que boa parte das tensións políticas actuais —desde as disputas sobre memoria democrática ata o auxe da extrema dereita— non poden comprenderse sen revisar criticamente os alicerces sobre os que se construíu o sistema xurdido en 1978.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail