Os pais da descapitalización de Galicia

Unha multinacional de hoteis e cruceiros de luxo leva as rendas do maior estaleiro privado de España sen que teña, abertamente admite, vocación algunha de construír barcos. Por unha das marcas máis reputadas do fenómeno da moda made in Galicia pagáronse na poxa final da súa liquidación só 362.000 euros. A comunidade máis aforradora de España perdeu nos últimos dez anos as súas tres principais entidades financeiras e enfróntase nos dez seguintes a unha transición enerxética acelerada sen alternativas, de momento, para as comarcas que viven do carbón e co 80% do negocio en mans de empresas foráneas. Hai tamén un inverno demográfico na economía galega. Si, nacen proxectos, pero reprodúcense poucos e envellecen mal moitos, tanto ou máis que a xeración dos seus antigos directivos descendida dos ceos por obra e graza dunha ambición moi mal entendida.

Emilio Botín encargou ao seu entón vicepresidente e man dereita no Banco Santander a chamada que fixo saltar polo aire o orgullo de tres todopoderosos e a autoestima da economía galega. A media tarde do xoves 23 de setembro de 2005, apenas 24 horas antes da cita para asinar o acordo, Matías Rodríguez Inciarte comunica ao equipo elixido por Amancio Ortega, Julio Fernández Gayoso e Jacinto Rey –para negociar a compra do 22% do capital de Unión Fenosa controlado pola entidade–, que o prezo da acción acaba de subir de 30 a 32 euros. Os tres néganse a revisar a oferta que días antes selaran nunha reunión secreta en Porto. Xa non se fían do presidente do xigante financeiro español, pasmados polo xiro inesperado nos acontecementos que leva tamén por diante o número dous de Inditex.

A José María Castellano ofrecéranlle a Presidencia da compañía enerxética de costas a Ortega. O enfrontamento entre ambos provocou o divorcio do frutífero tándem que levantou o maior imperio mundial da moda a partir dunha tenda de batas. En lugar da «regaleguización» de Unión Fenosa, a gran noticia daquel 23 de setembro foi a espantada de Castellano, que esa mesma fin de semana vingouse posando para o xornal El Mundo sen escatimar reproches. «Podíase pechar con máis axilidade, en menos tempo –criticou–. Ao final, entran outros a negociar e levan a operación».

Os «outros» foron realmente un. Florentino Pérez pagou a acción a 33 euros e deixou un dos epicentros da produción da enerxía en Europa fóra da etapa máis efervescente do sector. Era o novo nicho de ouro, refuxio da agonía do ladrillo. ACS chegou a acumular o 45% do capital ata que en xuño de 2008 entregou a eléctrica a Gas Natural pola metade do que lle custou. Das orixes galegas non quedou nin o nome cando unha década despois o seu novo dono a rebautizou como Naturgy. Ese mesmo día, o presidente, Francisco Reynés, advertiu antes de sentar na Xunta xeral de Accionistas que a central de Meirama tiña os días contados se o investimento de 100 millóns de euros para adaptala á nova directiva de emisións industriais da UE «non se pode recuperar» polo auxe das fontes renovables e o sobrecusto non asumible dos dereitos de CO2.

Endesa arrastrou os pés para confirmar o secreto a voces tamén da sentenza a morte da súa planta das Pontes, líder da xeración con carbón en España. A compañía do grupo italiano Enel presentou a solicitude formal de cesamento de actividade o 27 de decembro do pasado 2019, acompañada do Plan Futur-e para «promover o desenvolvemento de actividades económicas e xeración de emprego» na zona. Lonxe de avanzar na revitalización da comarca con medidas concretas, a presión de traballadores, auxiliares, concellos afectados e Xunta abriu o camiño a enrocarse nas probas para queimar outros combustibles.

Central térmica de Meirama.

En que situación estaría Galicia na transición enerxética se a historia das empresas do sector fose outra distinta? A enerxía é o paradigma das consecuencias da descapitalización en sectores estratéxicos e de como as decisións que se toman en Madrid ou noutro país marcan o día a día dun territorio. Non hai outro negocio máis monopolizado por empresas foráneas. Concentran o 82% da facturación, segundo os datos que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE), e un terzo das vendas totais da industria, que perdeu 210 empresas autóctonas desde 2014, fronte á nova vintena de firmas dirixidas desde o resto de España.

O rumbo do naval

O buque de ultraluxo Evrima descansa na bancada do estaleiro Hijos de Barreras (Vigo) co «mesmo estilo de vida lento» que o seu novo dono, The Ritz-Carlton Yacht Collection, promociona para as futuras travesías do cruceiro. «A vida a bordo é relaxada e casual, cunha sensación de liberdade e flexibilidade», asegura a corporación con sede en Malta. Cando? Ninguén sabe a data. O proxecto pon outra vez na picota o maior estaleiro privado de España. O único relaxado e flexible son as obras do superiate polos pagos pendentes ás auxiliares despois do seu segundo concurso de acredores.

Indemne da reconversión do naval nos anos 80 baixo o paraugas do Instituto Nacional de Industria, o Goberno presidido por José María Aznar vendeu Hijos de Barreras en xuño de 1998 a Navieira Odiel, Albacora e o empresario José García Costas por 750 millóns das antigas pesetas. «Non cambiaría case nada do proceso, foi perfecto», defendía o presidente do estaleiro, José Francisco González Viñas, no décimo aniversario da privatización. Pouco despois marchou. A realidade era outra. A desastrosa xestión derivou nunha primeira quebra en 2011 cunha débeda de 62 millóns de euros, arrastrando a 300 empresas de subcontratas e 2000 empregados.

A ampliación de capital puxo en bandexa a entrada da petroleira mexicana Pemex como máximo accionista, un movemento agora baixo a lupa da Fiscalía do país polos casos de corrupción do exdirector, Emilio Lozoya. El e o xefe do executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, avanzaron tras a rúbrica do «acordo estratéxico» unha choiva de contratos na antesala das eleccións autonómicas de 2012 para a suposta resurrección do naval. «O éxito de Barreras é o de Galicia, a Xunta e o presidente», eloxiou José García Costas, socio minoritario durante décadas e máximo executivo do estaleiro ata a súa forzada saída hai un ano. Sen rastro dos floteis de Pemex, cun fracaso dos gordos polo errado proxecto de dous cruceiros para a norueguesa Havila Kystruten e os graves problemas dos sobrecustos do Evrima, a instalación entrou noutro concurso de acredores e The Ritz-Carlton, que non se cansa de repetir que a súa vocación non é construír barcos, é o seu novo propietario.

Cosendo feridas durante décadas

O naval é un «bo exemplo» da falta de rumbo para moitas grandes compañías galegas truncadas polo atraso tecnolóxico, os malabarismos cos riscos e a metamorfose do mercado no último medio século, como detallan o catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago, Xoán Carmona Badía, e o profesor e investigador Adrián Dios Vicente, no libro Mortalidade empresarial en Galicia, 1972-2008. Factores de impacto e xestión do risco que acaban de presentar co apoio da Fundación Inade. Máis raro pareceulles que tamén o téxtil fose unha vítima tan representativa porque «é a época precisamente na que aparece o sector da confección moderna en Galicia». «Pero é que en períodos de reestruturación hai gañadores e perdedores –subliñou Carmona na presentación– e a idea é que aquí houbo moitos perdedores».

Tantos como todas as empresas e talleres, moitas cooperativas de costureiras foron devorados pola deslocalización. Das 11 empresas de moda con máis de 100 traballadores nos 36 anos analizados por Badía e Dios, só unha chegou viva a 2008. Desde entón e sen discriminar tamaño, outras 670, tres de cada dez, non aguantaron a reconversión do sector, cada vez máis comercial e menos industrial a imaxe e semellanza do fenómeno Inditex. Nese mesmo período, o volume de manufacturas téxtiles importadas –sobre todo desde Turquía, Portugal, China, Italia, Marrocos, Bangladesh e Paquistán– creceu case un 200%.

Cointega-Clúster Téxtil Moda de Galicia traballa para tecer colaboracións entre as firmas, a inmensa maioría pemes, para salvalas do precipicio do coronavirus e non perder o enorme valor de marcas que levan moitísimos anos no mercado. Está aínda moi próximo o sucedido con Caramelo e Antonio Pernas. Despois de tres Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), dous concursos de acredores e millóns en axudas públicas de Sodiga e do Igape en alianza con Manuel Jove, en 2016 foi a liquidación e a insignia, símbolo do boom da moda galega nos anos 80, adxudicouse por só 362.000 euros a Transfleet, unha compañía de telecomunicacións.

A peor das fusións

A deterioración da marca foi, precisamente, o que máis preocupaba a Juan Carlos Escotet cando gañou a poxa por NCG o 18 de decembro de 2013. Nunha cea cun reducido grupo de xornalistas na súa casa nos arredores de Caracas (Venezuela) a principios dese mes para darse a coñecer, o dono de Banesco desvelou que a súa baza para medirse cos grandes bancos españois e fondos internacionais especializados en pescar en ríos revoltos era ir a por todas desde o principio e deixar sen marxe de mellora ao resto nunha eventual segunda rolda. Conseguiuno: 1003 millóns de euros a prazos por case a metade do mercado financeiro galego. Xusto seis meses despois naceu Abanca, o nome elixido para romper coa tortuosa traxectoria da fusión das caixas galegas.

Fotos: Ó. Corral, C. Pardellas e CC

«A quen ía dirixido?», contestou, impasible, o exdirector xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, cando lle leron, durante a súa comparecencia o 21 de xuño de 2013 na comisión de investigación das caixas no Parlamento galego, as conclusións do informe de Supervisión do Banco de España que declaraba «inviable» a entidade en 2009 pola «desafortunada expansión» e a dependencia inmobiliaria. Mirada perdida. Fío de voz. Cero xestos. Non quedaba rastro daquel banqueiro adicto a dar leccións sobre o bo e o malo, estandarte xunto ao seu colega do sur, Julio Fernández Gayoso, dunha época de usos e costumes no poder máis típica do século XIX que do XX. Poucos en Galicia decidían tanto coma eles.

O que foi presidente de Caixanova fartouse de dicir na súa cita no Hórreo que a integración foi a única opción polo veto da Xunta a calquera outra. Era iso «ou a morte instantánea». Gayoso lembrou a promesa incumprida por parte das autoridades reguladoras da venda da rede exterior de Caixa Galicia para alixeirar os moitos lastres cos que naceu Novacaixagalicia por culpa dos máis de 800 millóns de euros pendentes de sanear na caixa de Méndez, despois incluso dos 1.162 millóns de euros de axudas iniciais do FROB e de reducir ao mínimo os recursos propios para limpar. Necesitáronse 9.000 millóns de fondos públicos para rescatar aquela entidade que Feijóo e a súa daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, forzaron ao amparo dunha suposta due diligence de KPMG, que en verdade era un «diagnóstico acelerado» sobre a fusión que aconsellaba a absorción de Caixa Galicia por Caixanova.

«A única razón pola que o FROB interveu foi pola situación económico-financeira na que se atopaba en 2010 Caixa Galicia antes de que se producise a fusión», sinala a Audiencia Nacional en dous autos do pasado outubro relativos a unha das operacións inmobiliarias investigadas por Anticorrupción en Caixanova que, remarcan os tres maxistrados da Sala do Penal, «nunca tería sido intervida se non se vise obrigada a fusionarse con Caixa Galicia».

Ademais das vendas de R (hoxe Eukaltel), Geriatros (no holding francés Domus Vi) e o resto de xoias participadas –incluídos os bancos Gallego e Etcheverría, o que, xunto coa desaparición do Pastor dentro do Popular e logo o Santander, borrou o mapa financeiro do país con maior taxa de aforro do Estado–, o fracaso da unión colocou a Galicia durante boa parte da reestruturación financeira á cabeza da seca de crédito ao tecido produtivo. Entre 2009 e 2014 caeu case o 40%, uns 26.400 millóns de euros.

Veciños de lonxe

Xove foi pioneiro en ter piscina municipal climatizada en Galicia. E un equipo de natación importante. E unha orquestra de cámara con axudas para a compra de instrumentos. E premios para os estudantes con mellor nota ao acabar o instituto. O de Cervo está nos postos altos da clasificación en Produto Interior Bruto (PIB) per cápita grazas aos impostos locais que paga Alcoa, o banco particular dos dous concellos. «A Mariña non se entende sen ela e a empresa tampouco se entende sen A Mariña», conta Orestes Currás, fillo «sociolóxico e demográfico» da industria do aluminio coma moitos outros da súa xeración no norte de Lugo.

Ao xornalista, reporteiro da delegación de TVE en Galicia, cústalle deixar os sentimentos de lado cando ten que informar da delicada situación que atravesa a comarca pola decisión da multinacional norteamericana de pechar. Como o sábado 11 de outubro, cando centos de alumnos de secundaria saíron á rúa pedindo unha solución. «Sentín unha gran dor de corazón porque podería ser eu», lembra. «Neste tempo que tanto se fala de asintomáticos, o asintomático da Mariña é que nunha provincia relevante aínda no sector lácteo non haxa, desde Viveiro a Burela, a área de influencia de Alcoa, nin unha granxa de leite», explica. Iso e «un pouco de pesca» debuxan unha comarca onde a industria demostrou ser un antídoto para o despoboamento. Alcoa é para A Mariña como PSA para Vigo? «Si e non, porque no norte de Lugo non hai outra vaca que dea tanto leite coma o aluminio», responde Currás. «Nin nunca se planificou –engade– que facer se deixaba de dar».

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) prohibiu a Alcoa apagar as cubas de San Cibrao. Iso só sucedeu durante o naufraxio do Casón en 1987, cando o persoal da entón pública Alúmina-Aluminio fuxiu das instalacións, lugar elixido para almacenar os 5000 bidóns e sacos de produtos químicos inflamables do buque. Parece que esta vez a multinacional non dará marcha atrás, aferrándose ás perdas de 2018 e 2019, aínda que moitos cren que a verdadeira descapitalización da factoría son os vinte anos que van desde a súa privatización sen apenas investimento novo. ¿Como é posible que unha empresa destas dimensións e que sempre presumiu da altísima calidade do aluminio de San Cibrao careza a estas alturas dun plan de continxencia para a balsa de 87 hectáreas cos lodos xerados nos seus procesos a piques de desbordar, por exemplo?  A resposta está no seu cuartel xeral de Pittsburgh, en Pensilvania, ou na Bolsa de Nova York, a 5300 quilómetros de distancia dunha comarca da que segue presumindo na súa web corporativa de «estreitos vínculos» e un «profundo compromiso coas relacións a longo prazo» para ser «un bo veciño».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail