Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Asediado a preguntas polos periodistas de Madrid sobre os seus plans sucesorios, O Noso Alberto fixo unha cousa ben e outra mal para sacudirse a presión, darlle unha patada a seguir á pelota das súas intencións e manter en fila os medios coma se fose o Frautista de Herbón.
A que fixo ben foi apelar á responsabilidade que ten e debe gardar como militante do Partido Popular. É moi bonito sentirse responsable, sempre hai que estar a favor da xente que asume que ter a condición de fontaneiro, ministro, mestre, cura ou influencer te fai responsable do que dis e do que fas; xa nolo explicou Coco en Barrio Sésamo a toda a nosa xeración.
Galicia non é unha escusa, nin un recurso, nin unha coartada, nin unha desculpa, nin unha xustificación, nin unha evasiva, nin un subterfuxio, nin un pretexto, nin un escape, nin un rodeo, nin unha saída de emerxencia
A que fixo rematadamente mal foi empregar a súa condición de presidente de Galicia para eludir respostar, seguir magreando a bola e seguir facéndose de querer. Galicia non é unha escusa, nin un recurso, nin unha coartada, nin unha desculpa, nin unha xustificación, nin unha evasiva, nin un subterfuxio, nin un pretexto, nin un escape, nin un rodeo, nin unha saída de emerxencia. Galicia é unha nación que merece respecto porque lle levou centos de anos gañalo. Non pode ser rebaixada á condición de vaca ou de capote segundo lle conveña a un militante do Partido Popular, por moi responsable que se sinta da súa militancia. Galicia necesita ter un presidente, non un toureiro.
Se para presentarse e gañar O Noso Alberto precisa tempo, facerse de rogar para que llo pidan máis e máis militantes do PP prostrados de xeonllos e veñan a milleiros en procesión facendo o Camiño, ou que María Dolores de Cospedal lle xure que non vai andar argallando ás súas costas no partido, ou que Soraya Sáenz de Santamaría lle prometa que non lle vai facer a cama o tempo que estea de líder do PP sen ser parlamentario, paréceme ben que practique a ambigüidade, ande a facerse o misterioso e se dedique a xogar ás agachadas cos xornalistas.
Pero que non diga que o fai por responsabilidade co cargo ou co país, ou por amor a Galicia. Faino por el e porque lle convén. Galicia só vai ser un dano colateral.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán