A transición enerxética de Feijóo: de querer encher Galicia de muíños a demonizar as renovables

A Coruña– O relato do Partido Popular atribuíndo o apagamento do pasado 28 de abril á mala xestión do boom das enerxías renovables non cadra coa praxe da acción de goberno do seu líder. Segundo sosteñen a oposición e as organizacións ecoloxistas e veciñais, Alberto Núñez Feijóo foi nos seus últimos anos en Galicia o principal valedor das industrias eléctricas que promoven os parques de muíños na comunidade, pese ao rexeitamento cidadán á súa proliferación indiscriminada.

Cando Feijóo accedeu á presidencia da Xunta en 2009, Galicia tiña unha potencia eólica instalada –a capacidade de xeración de electricidade a partir desa fonte– duns 3.200 megavatios. Hoxe supera os 4.000, máis que Andalucía (3.700), que a triplica en superficie e poboación, e só por baixo de Castela e León (case 7.300 megavatios), Aragón (5.700) e Castela A Mancha (5.000). É certo que 800 megavatios non son unha esaxeración, pero sucede que hai centenares de novos proxectos que sumarían máis de dez veces esa cantidade e que están á espera de autorización da Administración autonómica ou recorridos nos tribunais.

Como os xa existentes, a maioría ou case a práctica totalidade deses novos parques estarían destinados a producir enerxía para o seu uso fóra de Galicia, especialmente en Madrid, sen un só muíño no seu territorio pero que consome unha cantidade de electricidade equivalente ao 97% de toda a produción eólica estatal. Aínda así, o presidente do PP cre que a fraxilidade do sistema español está nas renovables, unha premisa baixo a que xustifica as súas críticas ao Goberno e a suposta necesidade de prorrogar a vida útil das centrais nucleares.

«O Partido Popular defende unha cousa e a súa contraria dependendo de cando e onde lle convén utilizar un ou outro discurso», sinala Belén Rodríguez, secretaria executiva da Asociación para Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). «Aquí [por Galicia] promove de maneira caótica os proxectos eólicos e en Madrid defende que as renovables non son adecuadas para transicionar e que hai que apostar pola enerxía nuclear. É incoherente», subliña.

«Un desenvolvemento eólico ordenado»

A portavoz de Adega asegura que levan anos pedindo «un desenvolvemento eólico ordenado», e que aínda que defenden a enerxía eólica, non son partidarios «do modelo actual, masivo e caótico e que non está avalado nin desde o punto de vista ambiental nin desde a perspectiva social». Rodríguez lembra ademais que o 28A «as centrais nucleares non serviron para evitar o apagamento: ao PP pasaríalle exactamente o mesmo se estivese no Goberno».

O PP rexeita ese argumento alegando que se ese día as nucleares estaban desconectadas do sistema foi por decisión de Red Eléctrica, e tamén nega que exista contradición algunha no discurso de Feijóo. A vicesecretaria de Medio Ambiente, Mobilidade e Sustentabilidade da súa executiva, Paloma Martín, explica que a súa proposta segue sendo «avanzar en renovables pero con enerxías de apoio, como a nuclear, que garantan a estabilidade do sistema». «É exactamente o que figura no plan enerxético que Feijóo lle entregou a Pedro Sánchez en 2022 e nas iniciativas que fomos presentando desde entón no Congreso e no Senado», engade.

Aeroxerador nun parque eólico das Pontes / J. O.

Martín detalla que a enerxía solar ten capacidade de produción durante unhas 2.000 horas ao ano e a eólica unhas 3.500 horas. «Necesitamos encher os ocos [un ano ten 3.760 horas] con esas outras enerxías de apoio, incluída a nuclear, apostando pola neutralidade tecnolóxica e por un mix diversificado», matiza. Tamén critica que o Goberno de Sánchez «demonizara fontes como a nuclear e a hidroeléctrica para consentir a fotovoltaica e a eólica», aínda que obvia que esta última tamén foi a que promoveu Feijóo en Galicia, e que das catro comunidades con máis aeroxeradores do Estado, en cinco goberna o seu partido.

Para a oposición en Galicia, a aposta do PP pola enerxía eólica ten máis que ver coa súa defensa dos intereses da grande industria eléctrica que con ningún compromiso ambiental. De feito, os gobernos na Xunta de Feijóo e do seu sucesor, Alfonso Rueda, incumpriron reiteradamente a obrigación derivada da lexislación europea de establecer figuras de protección sobre boa parte do territorio, que impoñerían normas máis estritas para impedir ou mitigar o enorme impacto ambiental dos parques –a nova xeración de aereoxeradores permite alturas de máis de 150 metros–.

«Non é compromiso ambiental, senón puro negocio», sostén Luis Bará, viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento autonómico, quen lembra que Galicia só ten un 12% da súa superficie incluída en Rede Natura, cando todas as demais superan o 20% e catro delas, o 30%. Bará opina que o cambio de posición do expresidente da Xunta e líder do PP sobre as renovables «é puro oportunismo, puro partidismo».

O viceportavoz nacionalista, cuxo partido leva anos reclamando que os consumidores galegos paguen unha tarifa eléctrica rebaixada que compense o impacto ambiental e sobre a riqueza paisaxística e cultural do seu país que teñen os megaxeradores e as explotacións hidroeléctricas, engade que a este súmase o das infraestruturas de evacuación de enerxía desde Galicia cara á meseta. Eses enormes tendidos de centos de quilómetros que atravesan o país de oeste a leste non só agravan esa afección, senón que engaden un custo económico real para os usuarios.

Luis Bará, portavoz do BNG: «A suposta aposta polas enerxías renovables non é compromiso ambiental, senón puro negocio»

«As redes de transporte son moi caras de manter, pero pouco eficaces porque se perde moita electricidade. E quen as sostemos, porque o pagamos na factura da luz, somos os consumidores. Así que os galegos non só non nos beneficiamos por producir enerxía para o resto, senón que se nos penaliza porque tamén temos que pagar o seu transporte fóra de Galicia».

En canto ao empresariado local, o presidente da Asociación Eólica de Galicia, Manuel Pazo, considera que culpar os produtores tanto do apagamento do 28A como da suposta fraxilidade do sistema enerxético español «non ten sentido»: «Quen nos queira demonizar está a equivocarse. O día do apagamento a produción eólica estaba a ser só do 10% e, con respecto á transición enerxética, hai países en Europa, como Reino Unido, que a están executando cara ás fontes renovables de maneira moito máis rápida e intensa».

9.000 megawatts pendentes de licenza

Sobre a proliferación de parques de aeroxeradores en Galicia durante os últimos 15 anos de gobernos do PP, Pazo advirte de que nese tempo só houbo ese incremento de 800 megavatios, cando noutras comunidades esa cifra é a do aumento anual. E resta importancia a que en Galicia haxa preto de 9.000 megawatts pendentes de licenza, a maioría presentados durante os mandatos de Feijóo, porque ao seu xuízo, «só se aprobarán un 15% ou un 20%». «No resto de España sucede o mesmo: hai 30.000 megawatts de potencia instalada e proxectos presentados por máis de 60.000».

Desde o punto de vista do patrimonio histórico e cultural, si hai críticas ao desenvolvemento eólico que Feijóo promoveu durante os seus anos na a Xunta. «Hai unha invasión desmedida de proxectos, dado que no país xa están implantados centos de parques», apunta David Pérez, arqueólogo que realizou estudos profesionais para a avaliación do impacto de varios parques sobre a riqueza histórica local. «Dá a impresión que desde Madrid se reparten o territorio como facían os países europeos coas colonias en África», advirte.

Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia: «Quen queira demonizar a industria eólica está a equivocarse»

Pérez tamén é secretario da asoaciación veciñal mancomunada que xestiona o Monte Grande de Bande, en Ourense, un espazo natural parte da reserva transfronteiriza da biosfera Gerês-Xurés no que hai catalogados 40 xacementos arqueolóxicos con petróglifos, mámoas e túmulos funerarios megalíticos. Alí, a compañía Greenalia –a mesma que se asociou a Altri para construír unha macrocelulosa en Palas de Rei– tratou de construír outro megaparque eólico.

«Nós apostamos polo uso diversificado do monte e queremos que o noso xere riqueza e emprego para o futuro, de xeito que asente habitantes e free o despoboamento», relata o arqueólogo. «Son partidario de apostar polas enerxías renovables, pero non a calquera prezo nin de que as exploten desde fóra. Gustaríame que se xerase enerxía para a nosa comarca para que a luz lles saia gratis aos seus habitantes», narra, para concluír: «É niso no que traballamos na directiva de Monte Grande de Bande: en poñer a riqueza que xera o monte ao servizo e beneficio dos veciños e veciñas».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail