«Ditador, como vostedes lle chaman»

«El dictador!!». Así, coa súa habitual ortografía creativa, referíase en outubro pasado a deputada do PP Ana Vázquez Blanco (aka Ana de Bande) ao presidente do Goberno. Apenas uns días antes, a voceira do seu grupo, Cuca Gamarra xa lle dedicara ese mesmo epíteto. Por se alguén esqueceu esta personaxe, que nas últimas temporadas non aparece moito, Cuca era a moderada que viña substituír o doberman Cayetana para escenificar o xiro ao centro do PP pre-ayusazo.

Concepción Gamarra Ruiz-Clavijo, máis coñecida como Cuca Gamarra.

Para demostrar esa moderación, Gamarra non tardou en corrixirse: non era tanto que Pedro Sánchez fose un ditador como que «as súas condutas son ditatoriais». Unha fuxida cara adiante máis propia dun patio de colexio («Profe, eu non lle chamei idiota, eu dixen que facía idioteces…») que xa non engana a ninguén dende Forrest Gump: «Parvo é o que fai parvadas». Ergo, quen fai idioteces é idiota e quen amosa condutas ditatoriais, un ditador. Polo menos, dende a perspectiva de quen fala.

Vista a facilidade coa que empregan o termo dende a bancada da dereita, non deixa de resultar sorprendente o que lles custa chamarllo a alguén que encarna como poucos o significado da palabra, a saber: «individuo que asume todos os poderes do Estado sen restrición nin posibilidades de ser controlado, xeralmente pola forza».

Recibo de aportación «voluntaria» á Xunta pro Pazo do Caudillo.

Polas dúbidas, falo de Franco. Sánchez, guste máis ou menos, non chegou ao goberno pola forza –nin por unha moción de censura: gañou dúas eleccións despois daquilo–; non ten todos os poderes do Estado –non hai máis que ver o sindiós do poder xudicial– e calquera acordo lexislativo na Cámara cústalle unha longa negociación cos que queren romper España.

A substitución do Emérito polo Preparao fai que xa ninguén se poida referir a Franco con aquel precioso eufemismo que era «o anterior Xefe do Estado», como cando Baltar Jr fala do «anterior presidente da Deputación». A Núñez Feijóo aínda non hai moito se lle escapaba chamarlle «o xeneral». Paga a pena lembrar a frase completa: «Os galegos, que entregaron o Pazo (de Meirás) ao xeneral Franco, merecen retomar a propiedade». Fin de la cita. Hoxe estamos co de «ditador», pero esa acepción do verbo «entregar» tamén merecería un artigo de por si…

«Neste goberno, neste grupo parlamentario, poden estar absolutamente seguros de que temos cero débeda moral ou política co franquismo; ou co ditador, como vostedes lle chaman».

A frase é do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez. «Vostedes» son os deputados do BNG, Luís Bará, e do PSOE, Pablo Arangüena. O «ditador» é Francisco Franco, un home que algo sabe desas condutas ditatoriais: acadou o poder pola forza, erguéndose contra un goberno lexítimo e democrático; impuxo un réxime de terror nas zonas conquistadas, impulsando unha política de represión xenocida planificada para eliminar calquera tipo de disidencia; implantou un sistema autoritario durante case 40 anos –ata que morreu na cama– sen eleccións democráticas, sen liberdade de pensamento e sen respecto aos dereitos humanos; un réxime do que aínda hoxe seguimos a sufrir moitas das súas consecuencias, aínda que haxa quen –sen atreverse a chamarlle ditadura– asegura que non ten ningunha débeda moral ou política con el. Nin sequera militando nun partido político fundado por un exministro franquista e cun líder espiritual –Aznar– que se opuxo no seu día a esa mesma carta magna á que agora se abrazan os nazis para que nos informativos da tele lles poñan o rótulo de «constitucionalistas» ata cando aparecen cantando o «Cara al sol».

Calquera demócrata –e xuro que eu sempre pensei que Román Rodríguez o era– sentiríase interpelado por ese «ditador, como vostedes o chaman».

Si, conselleiro: eu a Franco chámolle ditador.

A pregunta importante é: como lle chama vostede?

Elixa ben a resposta, non vaia ser que teñamos que repensar iso de que o Parlamento de Galicia é unha cámara sen presenza da ultradereita. Pero non se preocupe; en caso de dúbida, sempre poden definirse como constitucionalistas (guiño, guiño).

Seguro que así non erramos.

(O de abaixo é un coñecido fragmento da película que Román Rodríguez identifica como O Gran; ou O Gran Ditador, como seguramente vostedes a chaman)

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail