O manto de solpor electoral cae sobre Plux

Quedan dúas semanas para as eleccións europeas e Place Luxemburgo semella deprimida, carente da forza e o espírito que bombean os centos de bolseiros e traballadores do Parlamento Europeo e das moitas oficinas arredor.

A coñecida como Place Lux en Bruxelas é un dos corazóns do seu barrio europeo. Unha praza fronte aos catro mastodónticos edificios do Parlamento Europeo, semellando un foro romano no que hoxe miles de europeos dan forma ás leis da UE. A fin de lexislatura comunitaria hai semanas que apagou este foro, a Eurocámara pechou a súa actividade, centos de persoas remataron os seus traballos e outros tantos agardan pola renovación que traerán as eleccións europeas.

Place Lux xa non é Plux, como lle chaman os asiduos dos xoves, cando pola tarde o Parlamento e a toda a súa burbulla pechan as portas e a praza se convirte nunha gran festa, coas terrazas de todos os bares colonizando o badoquiños, o tráfico pechado e as diferentes músicas golpeando na noite. Os solpores de Plux viven na depresión da campaña.


O que non se vive no foro romano bruxelés é o medo ao crecemento da extrema dereita nalgúns países. Asúmese que vai acontecer, que a gran crise económica vénnos de deixar unha nova realidade política e social, que existe máis fragmentación, maiores desigualdades e unha quebra xeracional onde os menores de 40 non temos o noso futuro sequera minimamente garantido. É a herdanza que nos deixaron os pais da actual UE, os nosos pais e nais.

Mais, o que non se vive en Plux son as mentiras sobre a UE. Será moi estraño atopar a alguén, aínda que o solpor xa teña pasado e a música leve horas soando, que defenda mensaxes erróneas sobre o proxecto europeo. Velaquí algunhas escoitadas nestas últimas semanas de campaña electoral.

Bruxelas rouba a soberanía dos Estados, lanzan dende Vox créndose contraculturais e rompedoras, cando só están a importar argumentos enganosos sobre a UE empregados hai anos en Francia ou os Países Baixos, tamén no Reino Unido polos defensores do Brexit.

Minten, xa que son eses mesmos Estados e pobos os que lles dan as competencias á Bruxelas, como as exclusivas en canto ao comercio exterior da UE, rexistrado nun Tratado de Lisboa asinado por todos os países. E así Bruxelas negocia os polémicos tratados de libre comercio cos Estados Unidos ou Canadá. Culpen os partidos que votan, non a Bruxelas.

Os comicios europeos serán un referendo entre aqueles «partidos que queren roubar a soberanía a España e os partidos que queren Estados que cooperen voluntariamente», espetou o falanxista Jorge Buxadé no recente debate electoral, replicando os berros da familia francesa Le Pen.

Se algo é a UE, é unha organización de cooperación política entre países, partidos, movementos sociais, mundo empresarial, cidadáns… En todas as súas dimensións. Como cando 25 países apoian diplomaticamente as reclamacións de Irlanda e España fronte ao Reino Unido para que o Brexit non provoque un caos na fronteira da illa celta ou non converta ao Peñón máis aínda nun buraco negro de evasión fiscal, mafias e contrabando.

427 millóns de persoas poden votar e pouco máis dun 40% adoita facelo. O candidato do partido que gañe debería ocupar a Presidencia da Comisión Europea. El ou ela, para escoller o seu Colexio, o que suceda ao actual equipo Juncker, entrevistará ao comisario que cada goberno da UE propón de seu. E así sumarán 28

Hai cooperación no bloqueo de Irlanda, Luxemburgo ou os Países Baixos a unha harmonización impositiva para as empresas, e así este países seguen a ofrecer acordos especiais a multinacionais como Apple, Google ou Fiat grazas aos que «branquean» nas súas facendas o negocio de toda Europa. Poucos, moi poucos cidadáns deses tres países cuestionan esta competencia fiscal; nin en Chipre ou Romanía, outros dous países laxos fiscalmente.

Pide Cs reformar a euroorden, e algún partido máis tamén coa boca pequena, e ameaza con non votar o vindeiro comisario de Xustiza europeo se non defende a medida. A mensaxe é un feitizo para evitar a fuga de votos cara a extrema dereita e tapar o fracaso xudicial e político da tentativa de bloquear a Carles Puigdemont como candidato nas europeas.

Guste ou non, a euroorden serve para que os xuíces comparen distintos códigos penais entre os países da UE. É o contrario a permitir un campo aberto aos delincuentes, como se vén de presentar no «caso Puigdemont». A euroorden permite ás policías e fiscalías dun socio comunitario ir ante á xustiza doutro e reclamar a unha persoa, amosándolle o delito imputado e a súa equivalencia nese país. E, por suposto, os xuíces deben estudalo e ditaminar, que para iso vivimos en Estados de Dereito. A euroorden, gusto ou non, é un exemplo máis da cooperación na UE.

Praza de Luxemburgo.

A mesma que viviremos na noite do 26 de maio ao coñecer os resultados das eleccións europeas. 427 millóns de persoas poden votar e pouco máis dun 40% adoita facelo. O candidato do partido que gañe debería ocupar a Presidencia da Comisión Europea. El ou ela, para escoller o seu Colexio, o que suceda ao actual equipo Juncker, entrevistará ao comisario que cada goberno da UE propón de seu. E así sumarán 28. Farao segundo a importancia de cada Estado, as valías profesionais desas persoas ou os contrapesos políticos e xeográficos dentro da UE.

Unha cooperación, e non os berros dalgúns, que volverá a encher os solpores de Place Luxemburgo a partir de xuño.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail