Esta semana continuamos a nosa travesía co patrocinio de PuntoGal na compaña da Cris Terceiro de Viaxantas. Que seremos desta volta, turistas ou viaxeiras? Realmente hai algunha diferenza entre estes dous termos ou é pretensioso pensar que cando viaxamos somos diferentes da imaxe estereotipada de turista que habita no noso imaxinario colectivo?
Tanto a idea de viaxeira como a de turista cambiaron ao longo da historia. Na actualidade, os traxectos que realizamos para chegar ao noso destino non adoitan ser concibidos como parte da viaxe en si mesma, senón simplemente coma un medio para acadar un fin. Porén, hai unhas cantas décadas viaxar era un luxo dispoñible para moi poucas persoas, as estancias eran moito máis longas para amortizar o gasto do propio transporte e o itinerario era unha parte enriquecedora da viaxe. Ademais, existe un importante salto xeracional en canto á percepción que se ten das viaxes: unhas simples vacacións ou un investimento para o o futuro?
Agora que podemos viaxar con maior facilidade seremos máis difíciles de impresionar? Esmorecería esa maxia de atopar algo novo, único e sorprendente en cada lugar que visitamos despois de ter visto outros moitos anteriormente?
O dito popular afirma que se pode curar a idiotice mediante as viaxes e a lectura, pero nada máis lonxe da realidade. Podes ir a un lugar e que ese lugar non pase por ti, porque non entendas nada do que ves, por descoñecemento da lingua e da cultura, e mesmo porque os teus propios prexuízos non che permitan interpretar de xeito correcto outras realidades.
Por último, reflexionamos sobre o impacto que teñen as nosas viaxes sobre os lugares que visitamos e sobre nós mesmas: falamos de xentifricación, aumento de prezos, cambios nos modelos económicos, danos no patrimonio, saúde mental, desconexión e fuxida do cotiá.
E por suposto, non podíamos rematar esta travesía sen darvos recomendacións dos nosos destinos favoritas para viaxar.
Última parada, non esquezades recoller as vosas pertenzas antes de baixar deste episodio das Womansplainers!