A auga que se move

No seu single do 2020 California, Chappell Roan canta: «Vén sacarme de California / Non hai follas marróns / Boto de menos as estacións en Missouri / A miña vila moribunda». 

Os Países Baixos é unha terra excepcionalmente chá. As miñas amigas e mais eu faciamos moito a mesma broma sempre que viamos un montón de terra nunha obra ou algo «Highest point in the Netherlands!» («Punto máis alto dos Países Baixos!»). A primeira vez que volvín dos Países Baixos despois de marchar estudar alá con 18 anos, vinme tan acubillada polos montes que a sensación era ata física, como se levara moitas mantas enriba. 

O segundo día na casa saín dar unha volta. Vivo moi preto do río Ulla, e ese inverno levaba moita auga. Nada máis me parei a observar a auga desde a ponte (a nosa ponte, que antes era amarela pero que pintamos entre todes de verde cando se encheu de óxido), bágoas grandes, como as dos debuxos animados, comezaron a caerme pola cara. Non podía parar e non podía comprender o seu porqué, pero mirando a forza da auga do Ulla, tiven a mesma resposta física que vendo o final de Titanic por primeira vez.

Comprendín as bágoas da ponte verde dous anos máis tarde, paseando pola cidade neerlandesa de Groningen cun amigo. «A auga neste país non se move», observou el. «En plan, a auga dos canais está sempre estancada. Quieta. Dá igual se estás aquí ou en Amsterdam ou onde sexa».

Sendo eu como son unha persoa dada ao dramatismo e á nostalxia, considero que o feito de que o meu corpo tivera unha resposta fisiolóxica ante o río Ulla foi un claro indicativo de que estaba destinada a volver. A Malva de 18 anos vía o feito de marchar como algo case inevitable, algo que facía todo aquel que podía. Marcha quen pode porque quedar é, dalgunha forma, un desperdicio do teu potencial. Cando volvín, moitas persoas da miña contorna tratárono como unha derrota. Como un desperdicio. Un abandono do meu potencial. Eu mesma tardei un tempo en deixar de velo así. A canción de Chappell Roan segue: «Pensei que eu sería importante en California / Faríavos sentir orgulloses / E pensar que case o consigo / Pero decepcioneivos». Eu non fun importante nos Países Baixos e non fixen sentir orgullose a ninguén. Volvín máis perdida que nunca e arrastrando un saco de soños rotos e aspiracións frustradas. Marchei alá buscando ser alguén que eu non era e volvín triste, confundida e enfadada, pero puiden volver. Que privilexio, poder volver. Necesitaba que alguén me sacara de Groninguen. Alí a auga non se move. Botaba de menos o Ulla.

Canal en Groningen.

Non creo que sexa capaz de volver marchar así. Non por tanto tempo, polo menos. As miñas raíces están aquí, e beben da auga de inverno que leva o río Ulla, e das sobremesas eternas coa miña nai, e das palabras bonitas das miñas amigas, e das risas das miñas primas, e das bromas sen gracia do meu irmán. As miñas raíces apodrecen coa auga estancada de Groningen. Noutros sitios morro de sede.

A Galiza non é o lugar perfecto baixo ningunha métrica, e non creo que poida dicir que me sinta orgullosa de ser galega. Tocoume vivir aquí, e ser de aquí converteuse nunha parte tan importante de min que me convertín nunha planta exquisita, desas que necesitan atención constante, o clima adoitado e a cantidade de auga correcta.

Volvín e atopei un camiño para min, porque resulta que non tiña un; tiña moitos. Vivir dignamente na terra propia non debería ser un privilexio, pero son consciente todos os días de que a miña boa fortuna me permitiu volver. E todos os días de inverno, de camiño a un traballo que me gusta, paro na ponte verde para mirar a auga do río Ulla e penso: «Estou na casa».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail