O soño eficaz da República

A esperanza republicana e a memoria do 14 de Abril pertence ao máis valioso patrimonio dos pobos de España e da humanidade. Non é unha efeméride do pasado, senón que se mantén como memoria fértil e un referente de excitación creativa, unha excepción luminosa e vangardista na «triste historia», un referente irredutíbel, malia a maquinaria pesada e incesante do esquecemento e a infame contramemoria.

Por iso falar hoxe de República non é falar do pasado senón dun presente recordado e á vez de exercer o máis humano dos dereitos, o dereito a soñar. E exercelo, ademais, de xeito eficaz. A memoria fértil republicana ten que xermolar nun novo republicanismo. Por máis que se silencie, por máis que se impoña o tabú monárquico é cada vez maior o clamor pola solución republicana para consolidar unha democracia avanzada. En España, a monarquía é un lastre, unha avaría permanente. Non é unha ponte cara ao foturo, senón un túnel que nos mantén nunha distopía reaccionaria, unha indecorosa «corte das milagres», vinculada co «círculo vicioso» da corrupción e o secretismo.

Propugnar un novo republicanismo, sempre inspirado na memoria do 14 de Abril, é unha chamada afastada de calquera propósito partidario. Trátase de impulsar de xeito libre, público, e sen complexos, a alternativa republicana como unha democracia avanzada en todos os ámbitos, para superar este ‘status quo’ encabezado por unha institución anacrónica, elitista, nada exemplar e rodeada de impunidade. A monarquía española é un problema para a democracia e a democracia, para avanzar, ten que liberar a monarquía de si mesma.

Para o novo republicanismo, a República significa benestar. Non como un desexo ou concepto retórico. O benestar ten que tomar corpo en cada unha das áreas da acción pública. Os orzamentos terán esa denominación, ese código de barras, do Benestar, e cada partida, cada gasto, estará destinado a reforzar os servizos públicos, satisfacer os dereitos básicos e a calidade ambiental. O benestar non pode estar ao arbitrio de operacións partidarias, nin da presión de lobbies ou oligarquías, nin pórse en risco por experimentos que xeren desigualdades. A República do Benestar blinda a cidadanía fronte á política do dano.

Para o novo republicanismo, a República significa «decencia común». A desexábel transición cara a unha democracia avanzada ten que ir acompañada dunha «corruptura», unha radical ruptura coa corrupción. Cada ámbito da xestión pública terá que ter paredes de cristal, con regulamentos legais que garantan a absoluta transparencia e impidan calquera trato de favor ou privilexio. Os pobos fracasan cando non son capaces de saír do «círculo vicioso», expulsivo, onde campan o privilexio e as desigualdades. Fronte a esta tara, unha sociedade de decencia común basease no «círculo virtuoso», inclusivo, onde non dominan xerarquías de berce ou herdanza.

Para o novo republicanismo, a República significa liberdade solidaria e colaborativa. O ordinario e cotián reciben a máxima distinción, sen pompa nin boato, no recoñecemento entre iguais. Este é o único protocolo de distinción republicano. Non existen blindaxes institucionais, mediáticos nin legais para os delitos persoais nin para a corrupción pública. A cabeza do Estado non se debe a clientelas nin corifeos senón á rendición de contas ante o ben común. Unha república onde a liberdade individual se exerce e reforza coas do resto dos seres humanos. Onde a solidariedade co refuxiado e o expatriado é un efecto chamada á Humanidade, unha esixencia moral irrenunciábel, e non pode ser tratada nin como delito nin estar ao acaso do oportunismo político. Onde o benestar material, a educación, a sanidade e a cultura se traducen en vidas dignas, autónomas e soberanas.

Para o novo republicanismo, a República é diversidade e pluralidade. Unha república de repúblicas, en Europa e no horizonte dunha federación mundial desexábel. Unha república de iguais e de soberanías compartidas, onde a unidade signifique defensa do común, da axuda mutua, das liberdades e dos dereitos.

Para o novo republicanismo, a República significa ecoloxía. Non só como unha necesidade esixida pola emerxencia climática, senón como a vértebra espinal de todo o proxecto común. Unha acción de goberno e un compromiso social histórico, entrelazado como internacional da supervivencia, que poña freo ao proceso de destrución do planeta para substituír o desbalde enlouquecido por unha abundancia do coñecemento, da economía honesta e as relacións colaborativas.

Para o novo republicanismo, a República significa feminismo. A loita por rematar coas desigualdades, coa guerra machista que sofre a muller en forma de feminicidios, coa trata e a escravitude, coas feridas mentais que causan os micromachismos, todo ese movemento de emancipación é un proceso que permite tecer unha sociedade diferente, máis xusta e máis libre, de natureza curadora para todas e todos. O que está cambiando o mundo en profundidade, o que máis molesta aos autoritarismos e ás maquinaras destrutivas, é o encontro fértil da ecoloxía e o feminismo, na vangarda da resistencia da xente máis vulnerábel.

Para o novo republicanismo, a República é pacifista e soberana. Cómpre desmontar pacientemente a patria armada pola matria de Gaia. Unha república onde a soberanía non se identifica con fronteiras amuralladas para os seres humanos e inexistentes para as trangalladas do capital. Que ironía que soamente o capitalismo deshonesto poida falar de «paraísos» na terra! Cómpre falar de soberanía, si, mais a soberanía real (con minúsculas, pero sen lindes) é, ante todo, alimentaria, tecnolóxica, científica e humanista. Porque a paz se cifra na defensa inalienábel dos dereitos humanos, dentro e fóra das fronteiras. E artellase nos dereitos sociais, no compromiso cívico e os coidados mutuos.

A República é un soño, si. Mais é un soño eficaz. Cada día nace máis republicano.

 

Asinan este texto os dous directores da revista Luzes, Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, e os membros do grupo de traballo «Abril Republicano»  da Fundación Luzes, Víctor Sampedro e José Manuel Sande.   

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail