Cara conselleira,
Escríbolle esta carta coa esperanza de que a lea, malia saber que estes días ha de estar até arriba de traballo. Teño eu traballo e só dou clase en seis grupos, non quero imaxinar o ocupada que estará vostede, tendo a responsabilidade de sacar adiante todos os grupos de todos os niveis educativos. Con todo, permítame roubarlle cinco minutos do seu valioso tempo para responder á carta que me enviou o 2 de abril. Non respondín antes porque quixen aproveitar as vacacións para matinar no que lle quería dicir, espero que ese tempo de reflexión pagase a pena.
Non nos coñecemos, a pesar de que na carta que me enviou vostede reitera a súa intención de coñecerme, de darme as grazas polo meu traballo, unha aperta e non sei cantas mostras de afecto máis que non pode facer por mor do virus; ha de ser por iso que, hai hoxe un mes, cando os meus representantes sindicais foron pedir reunirse con vostede na Consellería para que lles aclarase as instrucións que afectaban a todo o profesorado galego, vostede mandou a policía para botalos, por protexelos do virus, maldito virus!
Cada vez que me chega un correo electrónico co encabezamento «Novas instrucións da Consellería», un calafrío percórreme o corpo e penso se non tería sido mellor dedicarme á política
Como non nos coñecemos, quero aproveitar a oportunidade que me brinda este medio para responder publicamente á súa carta. Teño que recoñecer que cando me chegou o correo electrónico dubidei se abrilo ou non. Vostede comprenderá que desde o día 12 de marzo levo recibidos uns cantos correos con instrucións da súa parte, e unha xa non sabe se vai ter que acudir ao centro a facer teletraballo desde o traballo, se acudir só no caso de que a equipa directiva, á que durante uns días lle caeu o marrón de decidir quen vai e quen non, así o requira, se non ten que ir a menos que sexa membro desa directiva e o centro en cuestión teña máis de 6 unidades, se non ten que ir baixo ningún concepto seguindo as instrucións do estado de alarma, se ten que facer todo desde a casa e avaliar o alumnado co que fixeron até a suspensión das clases, se ten que facer exames online para avaliar o alumnado ou se non avalialo en absoluto. Todas esas son instrucións que, ben por correo electrónico ou ben a través do corpo de inspectores, chegaron nas últimas 3 semanas, algunhas con menos dun día de diferenza, por iso comprenda, señora conselleira, que cada vez que me chega un correo electrónico co encabezamento «Novas instrucións da consellería», un calafrío percórreme o corpo e penso se non tería sido mellor dedicarme á política.
Con todo, púidome a curiosidade e acabei lendo a súa carta. A verdade é que esperaba que nela se atopasen as instrucións relativas á 3ª avaliación que, como sabe, comeza mañá, e que aínda non sabemos como se vai desenvolver, aínda que confío en que o xornal decano da prensa galega me avise puntualmente, o mesmo que me avisou cando se suspenderon as clases.
O que atopei, en troques, foi un emotivo texto de agradecemento. Está ben saber que para vostede somos un dos piares do ensino, eu diría que somos un piar máis que inestábel debido á alta temporalidade, e máis agora que decidiu vostede non substituír as baixas que se están a producir e mandou centos de substitutos á casa sen paro despois de se escornar todo o curso canda nós. Pregúntome quen asumirá as clases online de todos os profesores non substituídos, se cadra vostede coñece algún novidoso programa, Skynet mediante, que xere contidos, adapte medios, corrixa, resolva dúbidas, acompañe e tranquilice o alumnado nestes momentos sen necesidade de ter un ser humano do outro lado da pantalla. Se é así, noraboa, seguro que está moi preto de recibir un deses Global Teacher Bank-Sponsored Privatization Award dos que tanto gostan ultimamente os administradores do público.
Somos un piar máis que inestábel debido á alta temporalidade, e máis agora que decidiu non substituír as baixas que se están a producir e mandou centos de substitutos á casa sen paro
Tamén di na súa carta que está orgullosa de nós. Iso si que foi unha sorpresa, porque desde que comezou esta crise o único que recibín nos seus numerosos comunicados foron sospeitas. Sospeita de que os docentes non van facer o seu traballo se non os obrigan a acudir ao instituto, sospeita de que non van facer seguimento do alumnado se non se lles esixe que poñan unha nota numérica no boletín e sospeita de que non van querer traballar agora se non os ameazan con dar clase en xullo. Sospeita que, isto ben o sabe vostede, se transmite como feito contrastado a través da prensa amiga, e rapidamente se converte en ruxerruxe que impregna a nosa sociedade, desde as asociacións de nais e pais até os mesmos profesores que acaban sospeitando dos seus compañeiros porque, xa sabe vostede, non hai como sementar unha dúbida para que agromen os rumores.
Levamos moitos anos de desmantelamento sistemático do Ensino público, cos departamentos de orientación depauperados, co profesorado véndose na obriga de elixir entre priorizar o ensino do neno con dificultades motoras, o que vén doutro país ou o que ten un TEA
O que máis me conmoveu da súa carta foi o que respecta á atención á diversidade: xusto agora que cada profesor está facendo o que pode na súa casa, con medios precarios no mellor dos casos, acórdanlle a vostede as medidas de atención á diversidade e o alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Sabe que estamos aí, di, poñendo o noso gran de area. O malo é que as medidas de atención á diversidade requiren medios e investimento, non grans de area, e nós levamos moitos anos de desmantelamento sistemático do Ensino público, cos centros cada vez máis desprovistos de expertos en Audición e Linguaxe (AL) e Pedagoxía Terapéutica (PT), cos departamentos de orientación depauperados, co profesorado véndose obrigado a elixir entre priorizar o ensino do neno con dificultades motoras, o que vén doutro país e non fala o idioma ou o que ten un TEA, como se dunha triaxe da UCI se tratara, porque non hai recursos humanos nin materiais para atendelos a todos. Se nas aulas non nos deixar dar a atención que o alumnado merece, figúrese vostede na casa, coas desigualdades entre os estudantes máis acentuadas ca nunca. Menos mal que foi vostede previsora e decidiu mandar a cada centro un total de tres ordenadores portátiles para repartir entre aqueles alumnos que non teñen medios para seguiren as clases por Internet. No meu centro xa fixemos o reconto e son 30 os alumnos sen ordenador, sen conectividade, ou sen ningunha das dúas cousas. Faremos como cos PT e AL, rifarémolos a ver quen son os tres alumnos afortunados aos que lles toca aprender durante o confinamento.
Menos mal que foi previsora e mandou a cada centro tres portátiles para repartir entre o alumnado que non ten medios para seguir as clases por Internet. No meu fixemos o reconto e son 30 os alumnos sen ordenador, conectividade ou ningunha das dúas cousas
A súa carta, señora conselleira, chegou despois de tres semanas de instrucións unidireccionais, en pleno conflito aberto con moitos centros que se plantaron e se negaron a avaliar o alumnado nestas condicións, e xusto despois de que na prensa empezasen a aparecer críticas á súa xestión desta crise por parte da comunidade educativa, por iso moitos compañeiros e compañeiras a recibiron con suspicacia, supoño que, tras tantas negativas a falar connosco a través dos nosos representantes sindicais e a nos ter en conta nas decisións que nos atinxen, todos nos volvemos un chisco susceptibles.
Aproveito para dicirlle que non é o meu caso: eu, como di vostede na súa despedida, estou desexando vela axiña na aulas, ou no seu despacho da Consellaría, se ten a ben recibirnos algún día, ou se for necesario, nas rúas. E coma min moitos compañeiros e compañeiras. E non dubide que a próxima vez non faltaremos á cita.
Atentamente,
Patricia A. Janeiro
Profesora do ensino público.