As residencias privadas galegas: caos antes da COVID-19

As empregadas das residencias privadas denunciaron ante os medios as súas condicións laborais e a situación dos usuarios pola crise sanitaria. Ante iso, a dirección da empresa non tardou en ameazalas, dicíndolles que tomarían medidas e que «rodarían cabezas».

O azoute do coronavirus nas residencias galegas, na súa maior parte propiedade do grupo DomusVi, provocou que a Xunta interviñese en dous centros, un en Cangas e outro en Barreiro (Vigo). Desta maneira, o Sergas equipou a estas instalacións de medios e persoal. As traballadoras veteranas das residencias xa levan anos criticando as súas condicións as cales se viron prexudicadas pola COVID-19, cando non tiveron protocolos a seguir, nin actuacións, nin equipamento.

Falaron e iso custoulles as ameazas por parte da dirección da empresa segundo contan fontes do centro a Luzes: «dixéronnos que ían rodar cabezas». Non é a primeira vez que sofren ameazas. Unha extraballadora de DomusVi en Cangas, que agora tivo que volver ao centro a través do Sergas, conta que a empresa roubaba días libres ao persoal nas carteleiras tendo que facer ata 12 días seguidos traballando. Nos documentos figuraban quendas como «compensación de festivos» cando eran días libres. Todo terminou nun xuízo e o xerente obrigou ás traballadoras a que renunciasen a eses días asegurando que non impoñería a carteleira, que ao final aplicou.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

As traballadoras en DomusVi teñen que asinar unha cláusula de confidencialidade. Con todo, como agora acceden ao centro a través da Xunta non están obrigadas a asinala. «Non penso volver na vida, dáme vergoña dicir que estiven a traballar aí», conta unha delas, que estivo a traballar 3 anos en Cangas. Agora recoñece que coa intervención do Sergas a situación mellorou, pero que queda reflectida a falta de persoal, «non chegariamos ata aquí». En Galicia hai 30 centros repartidos por toda a Comunidade e cada un conta con 150 prazas.

Unha traballadora da residencia de Chantada (Lugo) despedida tras 15 anos traballando por diversos encontróns coa súa xefa orientados ás queixas do funcionamento da compañía, conta que só hai dous auxiliares nas quendas de noite, sen enfermeira nin médico. En virtude do convenio que DomusVi ten coa Xunta, cada certo tempo deben visitar o centro os inspectores, pero esta traballadora conta que «sempre avisaban» antes de ir e que se preparaba todo para cando chegase.

As traballadoras corroboran que DomusVi non esixe formación para contratar a persoal. A enfermeira de Cangas conta que «ninguén quere traballar alí. Chega alguén ao centro, proba un ou dous días traballando e vaise». Desta forma e para aforrar diñeiro, o centro contrata a estudantes de enfermería como bolseiras, de maneira que lle sae máis barato á compañía, pagando unha parte a Xunta de Galicia.

Paulino Campos, o presidente da Federación Galega de Residencias e de Dependencias (REDE) explica que estas traballadoras non chegan a tempo para realizar todos os traballos, xa que para mobilizar a alguén se necesitan dúas persoas, en ocasións con consecuencias graves que terminaron en urxencias. Ademais, sostén que as traballadoras vense forzadas a traballar dez días seguidos sen ningún tipo de libranza cando o convenio colectivo radica que nos sete primeiros días teñen que descansar unha xornada e media. «A tan pouca xente non lle dá tempo a vixiar ben a todas as persoas».

Así mesmo, conta a traballadora de Chantada a Luzes que no seu centro non había nin esponxas para lavar os residentes, que as curas pasaban días sen facerse e que había anciáns coas pernas machucadas por «movelos mal». E en canto á comida, asegura que «sempre faltaba». Di que había días que ceaban un lisco de queixo con xamón, ou toda a comida triturada do mediodía. Un día, relata, «as familias plantáronse diante da xefa e ela chamou á Garda Civil dicindo que a estaban ameazando».

Como consecuencia da precariedade nas residencias, en Cangas, naceu o grupo chamado Vellez Digna para loitar en contra da vulneración dos anciáns nas residencias de maiores. Algunhas familias sacan aos seus familiares dos centros, pero, ao ser prazas públicas, as listas son moi longas con mesmo 4 anos de espera para poder conseguir sitio.

Desde a fundación REDE puxeron reclamacións, onde inspección de Política Social é «responsable de todo» porque «vira a cabeza para outro lado». Paulino Campos asegura que as investigacións non se fixeron con criterios de xustiza ou igualdade no traballo: «vímonos desamparados, teñen en consideración a posición da empresa». Agora presentaron ante a Fiscalía unha denuncia da «situación neglixente e de abandono que se vive neste momento tan delicado nas residencias galegas, practicamente as do grupo DomusVi». Campos denuncia tamén o «secuestro» das cifras nas residencias, xa que o Sergas non anuncia os falecidos por cada centro. A oposición xa pediu a Feijóo que aclare os datos e que interveña en todas as residencias.


Este artículo publicouse en orixe en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail