O parque temático do abismo

Desenvolvendo a idea de Baudrillard sobre o «grado xerox de cultura», o crítico Fernando Castro fala da perversión do sentido na arte: «As formas de referencia teñen unha calidade abismal, como se o único terreo que coñeceramos fose o do lamazal».

Ese é o escenario electoral no que case todo o mundo, políticos e comentócratas, semellan moverse con comodidade anfibia. No lamazal, o que cómpre, a táctica presuntamente vitoriosa, é a do canonazo ou chupinazo. Que corra a bola, que choute o esférico, aínda que vaia parar ás verzas ou ao quinto carallo. Pola contra, ese é o efecto buscado, o éxito do disparo. A perversión do sentido. A súa calidade abismal. Que vaia parar ao quinto carallo.

Estamos no «grado xerox electoral». O visíbel é a pelourada. Iso garante comentarios. No son electoral, no da leria mediática, domina o zunido abismal da pelourada. Estas son as eleccións nas que os coiazos conforman a normalidade. Unha pelourada non escacha o marco, o frame. O que funciona como frame, como referencia, é xustamente a pelourada.

Non son tempos de argumento. O argumento, pola súa natureza, evita o abismo, non ten calidade abismal. Non peta nos fociños como pantallazo. E que pasará con quen tente competir con argumentos? Pois afundirase no abismo da noite electoral, apañando os balóns perdidos no quinto carallo. Pola contra, fartarémonos de ver triunfante, goberne ou non, ao neofascismo abismal. Xa teñen un patrimonio seguro: o parque temático do Abismo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail