Mamá, quero ser charlina

Se por algo se caracteriza a serie Fariña é por nos ofrecer unha imaxe da sociedade galega que, ata agora, estivo máis ou menos oculta ou silenciada. Galicia é algo máis que curas, nais e avoas que preparan comidas excesivas e xente boíña e algo papona con moito acento.

Galicia é, de sempre, un matriarcado no que as mulleres dispoñen e executan, sen que os homes perdan a sensación de que eles son os que realmente mandan. Porque o mundo, non nos enganemos, tal como a todos nos ensinan desde ben pequenos, aínda é deles e para eles.

As mulleres do clan Charlín son un exemplo dese matriarcado galego. No sexto capítulo escoitamos a Pilar, interpretada por unha magnífica Isabel Naveira, dicirlle á súa nai, outra espléndida Luisa Merelas: «Quiere que me case y que tenga hijos. Que ponga la mano para que mi marido me de cuartos para la compra. Eso le puede valer a usted. A mí no».

Imperdible é tamén a resposta da nai, a única que é quen de manter na cordura o brután do seu home e de preservar unida unha familia delincuente, pensando sempre no ben común. «¿Eso qué tiene de malo?».

Dous perfís, sen dúbida, nas antípodas, de dúas mulleres que, non obstante, se entenden á perfección entre si. Non lles queda outra. Cun patriarca na casa que reparte labazadas a quen lle cuestiona as consignas e dous irmáns, nenos grandes que xogan ás pistolas, non queda outra que resistir na sombra.

Non fai falta traficar con drogas. Galicia está chea de nais charlinas, irmás maiores charlinas e adolescentes charlinas. Mulleres que converten casas en fogares, que xestionan, loitan e executan como ninguén para ser mulleres independentes e que fuxen dun inferno para ser felices, co posto e sen medo a equivocarse.

Hai uns anos -non tantos- todas soñariamos con ser fermosas e desexadas como a panameña Camila, muller de Sito Miñanco. Hoxe as nenas, se puidesen ver Fariña, ben poderían dicirlle ás súas nais: «Mamá, eu quero ser charlina».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail