Os opositores a Altri anuncian protestas e recursos xudiciais contra o permiso ambiental da celulosa

A Coruña.- A Plataforma Ulloa Viva, que agrupa as organizacións ecoloxistas e veciñais que se opoñen á fábrica de celulosa de Alti en Palas de Rei, anunciou recursos administrativos e xudiciais contra a decisión da Xunta de aprobar a declaración de impacto ambiental da factoría, primeiro paso para que a planta poida ser construída.

Ulloa Viva tamén convocou concentracións contra o proxecto este domingo ao mediodía en todas as localidades de Galicia. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa –o río Ulla, ao que Altri predende verter augas contaminadas derivadas da súa fabricación de celulosa, desemboca nese estuario– acusa o Goberno de Alfonso Rueda de «abandonar a súa obrigación legal de defender ao sector do mar».

As organizacións que se opoñen á factoría consideran «unha falta de respecto» á cidadanía que a Xunta leve un ano posicionándose a favor do proxecto no canto de ser «garante da imparcialidade», e lamentaron que coa aprobación da declaración de impacto ambiental, a Administración de Rueda deixase de lado a protección do interese xeral para defender «os intereses dunha empresa».

Reaxuste de informes

Nun comunicado emitido pouco despois de que o Diario Oficial de Galicia publicara a decisión da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade, que dirixe María José Echevarría Moreno, Ulloa Viva denunciou o «axuste (ou reaxuste) de informes sectoriais» á posición previa da Xunta de autorizar si ou si o proxecto.

Imaxe da manifestación do pasado domingo 26 de maio en Palas contra a celulosa de Altri / Fotro: Ulloa Viva

Tamén alega que os cambios sobre a súa redacción inicial dan lugar a un procedemento administrativo, ao seu xuízo, «viciado, parcialmente externalizado, e que sempre estivo sobredeterminado pola previa decisión política de autorizar a macrocelulosa».

Nese sentido, a plataforma lamenta que algúns documentos que foron achegados ao expediente da declaración ambiental teñan data de 5 marzo, o mesmo día en que Echevarría Moreno asinou a resolución de aprobación, que se deu un «cambiazo» co informe de avaliación dos parámetros das verteduras de Altri, e que hai informes sectoriais «inicialmente críticos ou discrepantes» que agora aparecen como favorables á planta.

Mobilización social

«O que ocorreu a nivel administrativo é inadmisible e as normas foron adecuándose ao proxecto garantindo que saíse adiante custe o que custe», critica Ulloa Viva, cuxa portavoz, Marta Gontá, confiou con todo na capacidade da mobilización social para impedir que a celulosa se constrúa. «Este proxecto ímolo parar pola vía administrativa ou xudicial, porque non queremos este nivel de contaminación á beira dos nosos fillos e fillas», dixo.

A portavoz de nacional do BNG e líder da oposición no Parlamento autonómico, Ana Pontón, acusou a Xunta de «vestir de carácter técnico» unha decisión política, e asegurou que a autorización ambiental da fábrica constitúe «a maior traizón de Alfonso Rueda a Galicia». «Trátase dunha bomba ambiental que pon en perigo non só os 8.000 postos de traballo de xente que vive do mar e da terra na Ulloa e en Arousa, senón tamén para o desenvolvemento económico do noso país», sinalou.

«Este proxecto ímolo parar pola vía administrativa ou xudicial, porque non queremos este nivel de contaminación á beira dos nosos fillos e fillas»,

Pontón anunciou o apoio do seu partido ás mobilizacións sociais contra un proxecto que, subliñou, supón «unha hipoteca para o futuro de Galicia», e anunciou tamén «unha batalla política, democrática e, se fai falta, legal, contra unha agresión a Galicia que ten poucos precedentes».

Dúbidas sen reposta

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou a falta de transparencia do Goberno galego e lamentou que a resolución «non despexe dúbidas fundamentais sobre este proxecto». Segundo Besteiro, a Xunta segue sen ofrecer respostas claras sobre o impacto real do proxecto.

«A súa sustentabilidade non só no aspecto ambiental, senón tamén no social e no económico, están en dúbida, pero a Xunta eludiu todas as nosas preguntas e evitou respondelas con datos cribles», sentenciou Besteiro, quen alertou de que a pesar dos anuncios iniciais sobre a creación de emprego –Altri chegou a dicir que crearía miles de postos de traballo, cando finalmente non serán máis de 500–, as cifras manexadas polo propio Executivo autonómico foron reducíndose progresivamente, «deixando en evidencia a falta de seriedade» do proxecto.

Sumar Galicia e Podemos, que non teñen representación no Parlamento autonómico, tamén manifestaron a súa oposición a Altri. Sumar reclamou un referendo na Ulloa, e a súa portavoz no Congreso, Verónica Barbero, acusou a Rueda de «vender Galicia á multinacional». «Será un desastre ambiental que carrexará consecuencias non só para a contorna natural, senón tamén para a saúde das persoas».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail