A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou varios preceptos dun decreto da Xunta que permitían que empresas privadas ou entidades públicas pero á marxe da Administración autonómica, como colexios profesionais e universidades, participasen nos procedementos de avaliación ambiental pública de proxectos industriais.
As asociacións veciñais e ecoloxistas que se opoñen á instalación da planta de celulosa de Altri en Palas de Rei consideran que a decisión abre unha posibilidade para actuar contra o Goberno de Alfonso Rueda, que este mesmo venres publicou no Diario Oficial de Galicia a aprobación da declaración de impacto ambiental da fábrica.
A sentenza, que ten data do 7 de marzo pero que o TSXG deu a coñecer este xoves, corre a cargo da sección terceira da sala do contencioso-administrativo do TSXG e o seu relator é Luis Villares, exportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia e candidato á presidencia da Xunta por esa formación nas eleccións autonómicas de 2016.
En resposta a un recurso da Confederación Intersindical Galega (CIG), o tribunal considera contrarios á lei cinco preceptos que regulan a participación das chamadas entidades de colaboración ambiental nos procedementos de autorización de licenzas. Entre outros aspectos, eses artigos facultan a Administración autonómica para encomendarlles a valoración as alegacións presentadas aos proxectos e mesmo as análises técnicas dos expedientes sometidos a exame. No caso de Altri, a Xunta recibiu máis de 23.000 alegacións.
Oito meses antes de que Altri saíra á luz
A Xunta aprobou o decreto en xuño de 2023, só nove meses antes de que sacara a exposición pública o proxecto de Altri e a súa licenza ambiental. Agora, o TSXG considera que a norma é ilegal porque «externaliza toda a tramitación da avaliación ambiental e pona en mans da empresa privada […] sen previsión de ningunha reserva de control, supervisión ou dirección a favor dos órganos administrativos que teñen encomendada xenuinamente esta función dentro da(s) consellería(s) competentes».
«A colaboración que a Xunta demanda das entidades de colaboración ambiental», engaden os xuíces, «convértese nunha verdadeira privatización da tramitación da avaliación ambiental, que implica inescusablemente a translación a unha empresa privada de funcións que están reservadas a funcionarios públicos». Os maxistrados conclúen que, a teor dos preceptos anulados, esas entidades «non colaboran coa administración, senón que suplantan a administración durante nada menos que toda a tramitación da avaliación ambiental».

A conselleira de Medio Ambiente do Goberno autonómico, Ángeles Vázquez, asegurou tras coñecer o fallo que a anulación desa norma non afectará os permisos de Altri, subliñou que se trataba dun «malentendido» e que a sentenza «agora mesmo aínda non supón nada» porque a Xunta, sinalou, aínda non empezou a desenvolver o decreto parcialmente anulado. En canto á privatización da avaliación ambiental, Vázquez negou que esa sexa a pretensión do Executivo galego, que só quere, dixo, «axilizar» os procedementos e que estes non dependan só «do coñecemento dos funcionarios». «Moitas veces a universidade, os colexios… Van por diante e nós temos que ir parellos con todos eles».
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou a relevancia do fallo e subliñou que acaba coa práctica da Xunta de «comprar informes [de avaliación ambiental] no mercado para satisfacer os intereses espurios dalgunhas empresas», informa Europa Press. E lembrou que algúns dos informes relativos a Altri foron realizados dese modo e, que os funcionarios e funcionarias que os asinaron fixérono «a cegas» e presionados ou obrigados polos seus superiores.
Intereses de empresas privadas
«Están a substituír a imparcialidade dos empregados públicos por empresas privadas pagas que están ao servizo do seu lucro, non dos intereses xerais», denunciou o secretario xeral da CIG, que ten constancia de que iso sucedeu polo menos cun dos informes de Altri, o de captación de augas, que sería redactado por unha empresa externa.
O portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, celebrou tamén que o TSXG lembrase á Xunta «que os seus tamitaciones ambientais non son acordes á lei» e instou a Rueda a paralizar o proxecto de Altri e outros similares por «contaminantes, expoliadores do territorio e que poñen en perigo o futuro do sector primario».
«Están a substituír a imparcialidade dos empregados públicos por empresas privadas pagas que están ao servizo do seu lucro»
A sentenza do TSXG obrigará a revisar as tramitacións ambientais da Xunta desde xuño de 2023, o que tamén podería afectar o proxecto de reapertura da mina de Touro (A Coruña), outra explotación que durante anos contaminou o Ulla e a ría de Arousa e que o Executivo de Rueda pretende agora reabrir.
Precisamente, o fallo da sala do Contencioso do TSXG prodúcese só unha semana despois de que o mesmo tribunal suspendera o permiso concedido pola administración autonómica á empresa mineira que explota un xacemento de estaño e wolframio en San Fins, no municipio coruñés de Lousame, para verter augas residuais río abaixo.
Altri tamén prevé verter ao río Ulla 30 millóns de litros diarios de auga depurada, pero aínda contaminada, dos 46 millóns de litros que extraería do seu caudal cada 24 horas para cubrir as necesidades do seu proceso de fabricación de pasta de celulosa.