A comunidade ten o segundo maior índice de envellecemento do Estado e o número de concellos con menos de mil habitantes duplicouse desde o 2010
Galicia leva case dúas décadas sometida a un proceso de envellecemento e perda de poboación que se acelerou durante o últimos trece anos de gobernos do Partido Popular, cuxas políticas para frear esa sangría, segundo a oposición, foron inexistentes ou inoperantes. Alberto Núñez Feijóo deixa unha Galicia en proceso de baleirado, especialmente nas zonas interiores, incluídas algunhas cidades e vilas medianas.
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) e do Instituo Nacional de Estatística (INE), a comunidade perdeu no últimos dez anos unha poboación de máis de 102.000 persoas. É dicir, máis que todas as que habitan na cidade de Santiago.
A porcentaxe de galegos e galegas maiores de 65 anos supera en máis de dez puntos á de mozos menores de vinte, e o índice de envellecemento, que mide a proporción entre ese primeiro tramo de idade e o de menores de dezaseis, alcanza o 207,32%. É o segundo máis alto de todo o Estado, só por detrás de Asturias, 78 puntos por encima da media nacional (129).
Galicia alcanzou a súa cifra récord de habitantes -preto de 2,8 millóns- no 2010, un ano despois de que Feijóo chegara á presidencia da Xunta, e desde entón foi caendo a un ritmo de 10.000 persoas ao ano, con picos de ata 16.000 menos nun só exercicio. Sería absurdo atribuír a esa coincidendia un carácter causal, pero a oposición cre que o Goberno galego non fixo nada desde entón para reverter o problema.
Durante a campaña electoral do 2009, Feijóo asegurou que a crise demográfica era unha das súas maiores preocupacións e prometeu medidas para atallala. Trece anos despois, estas consistiron na creación dun Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, creado no ano 2016 e que a día de hoxe nin sequera conta con páxina web, e unha Lei de Impulso Demográfico aprobada o ano pasado que según Feijóo supoñía unha verdadeira estratexia “transversal e a longo prazo”, pero que segundo a oposición era e é papel mollado.
Olalla Rodil, deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), lembra o Observatorio de Dinamización Demográfica presentou en xullo do 2018 un informe sobre as perspectivas demográficas de Galicia que recollía «Yn bo diagnóstico da situación». Pero, ao seu xuízo, a nova lei non deu contunidade a ese traballo porque non afronta a resolución dos problemas estruturais detectados e queda “nun compendio de boas intencións e políticas natalistas fracasadas”.
«Está ben que se contemple a gratuidade da educación de cero a tres anos porque garante o dereito dos nenos á educación e o dos seus proxenitores á conciliación, pero non vai servir para que nazan máis nenos», di a deputada, quen alerta tamén da escasa utilidade das axudas fiscais. «Ninguén decide ter fillos mirando a declaracón da renda».
Ademais Rodil lamenta que a nova lexislación non teña en conta factores como a incidencia da emigración, unha realidade que en Galicia leva lastrando o crecemento da poboación desde finais do século XIX, e que se institucionalizou «como algo negativo». «O aumento da esperanza de vida é unha conquista social enorme, e o que temos que lograr é garantir o benestar e os dereitos de quen chega a esas idades», apunta.
Para Marina Ortega, deputada autonómica do PSOE, a Lei de Impulso Demográfico «é unha norma baleira de contido, repleta de expresións como ‘hai que apostar por’, ‘temos que encamiñarnos a’… Pero sen ningunha medida concreta nin compromiso financeiro algún».
«O día en que a aprobaron felicitei ao equipo de márketing de Feijóo por colocar tan ben a idea de que Galicia era a primeira comunidade española en ter unha lei como esa, cando en realidade non di nada», engade. «Como exemplo do engano, basta comprobar que os orzamentos do 2021, o ano en que a aprobaron, contemplaban recortes nos investimentos destinados a mocidade e a fixar poboación no rural, que son dúas partidas claves para o reto demográfico».
Ortega advirte tamén de que non é só que os gobernos de Feijóo non fixesen nada para evitar a sangría demográfica -máis de 189.000 persoas deixaron a comunidade entre o 2011 e o 2020-, senón que as súas políticas incentivaron a fuxida das áreas máis desfavorecidas. «Están a pechar centros escolares e desmantelando hospitais, deixando sen servizos a zonas rurais onde ademais permiten que a banca peche oficinas e sas ubstitúa por caixeiros automáticos», sinala.
A deputada tamén critica que Feijóo use a situación demográfica de Galicia «como arma contra o Goberno, se este é do PSOE, para esixir máis financiamento, cando logo eses fondos non se invisten precisamente en resolver os problemas».
Dos 330 muncipios de Galicia, 261 perderon poboación nos útimos dez anos. Preto de corenta, o 12% do total, xa teñen menos de 1000 habitantes -no 2009 eran dezaoito-. Un deles é Verea, na comarca de Terras de Celanova, no suroeste de Ourense, que pasou de 1.516 habitantes no ano 2000 a 1.238 no 2010 e a 914 no 2021.
O alcalde é José Antonio Pérez Valado, do BNG, que accedeu ao Goberno local no 2019 despois de lustros de mandatos do PP. O ano pasado o padrón municipal rexistrou un aumento de rexistrados por primeira vez en catorce exercicios: dous habitantes máis. «Pode soar anecdótico, pero significa que empezamos a conter a caída», expón.
Verea ten máis poboación maior de 65 anos que entre un e 64, entre eles 42 nenos en idade escolar. O alcalde explica que o Concello tomou medidas para atraer habitantes como poñer en marcha vivenda social de alugueiro, axudas por alumeamento e para material escolar e un servizo de conciliación gratuíto con actividades extraescolares para que as nais e os pais que traballan polas tardes poidan deixar alí aos seus fillos.
O rexedor engade que tan importante como atraer poblacion é mantela, especialmente as persoas maiores, que se ven case forzadas a deixar a súa localidade e mudarse a un núcleo veciño máis grande, como Celanova, se quedan sen acceso aos servizos básicos que necesitan. «Os maiores de 75 anos precisan un acceso fácil ao médico e á farmacia. Por iso puxemos en marcha un servizo de transporte público gratuíto», di.
O alcalde, con todo, recoñece que se trata «de medidas paliativas». «Nós somos moi pequenos, e para atraer a máis poboación en idade de ter fillos necesitamos que o resto de institucións se impliquen, en especial a Xunta», conclúe.