Galicia 2050. Utopía ou distopía?

«De non coñecer que lugar ocuparán na sociedade, cal será o seu status social e económico, nin as súas habilidades e talentos persoais… daquela as persoas aceptarían unha estratexia distributiva que mellorase ao máximo a posición das menos afortunadas».
J. Rawls (1971).

Este non é un manifesto comunista, mais tampouco socialdemócrata. É un manifesto en pro da utopía dunha «sociedade decente». Aquela na que a calidade de vida das persoas non dependa do país, a xeración, a rexión, a familia, o xénero ou a herdanza xenética que a un lle toque. Avishai Margalit escribe: «a sociedade decente encarna o socialismo de Orwell».

Resumo aquí unha alternativa fronte a distopía á que nos conduce a rampante sociedade de mercado, tanto en Galicia como mundo adiante. Unha alternativa que non se limita a civilizar o capitalismo, ou a salvalo de si mesmo como quería Keynes. Obxectivos, eses, que eran o asunto da socialdemocracia ata que esta foi abducida polo centrismo neoliberal dun mercado libre de friccións. Pois, hoxe, ser socialdemócrata está cualificado de «esquerdista». Que llelo pregunten a Ken Loach e a milleiros de militantes expulsados do Partido Laborista por tomar en serio tal socialdemocracia.

Por iso, a miña crítica ao sistema dunha sociedade de mercado, polas súas consecuencias distópicas, ten que ser, ao tempo, unha aposta antisistema en favor dunha sociedade decente, por ver se así deixa de estar no mundo das utopías. Só daquela a sociedade de mercado, centrada na procura obsesiva do crecemento do PIB, lle deixaría paso a unha sociedade decente, centrada no logro de máis desenvolvemento social con menos crecemento.

Ao cabo, a cousa vai de dispor para todos dun tempo crecente anticonsumista, fóra da competitividade, de tempo social e non salarial, no que o altruísmo, a xenerosidade, a solidariedade, a reciprocidade, a empatía, a confianza ou o civismo medran e se fortalecen na práctica social (cooperativa ou procomún, en moitos casos).

Imaxe da moderna metrópole de Shenzen, a cidade tecnolóxica chinesa, antiga vila de pescadores, na que naceron xigantes como Huawei ou Tencent. Foto: Denys Nevozhai en Unsplash.
UTOPÍA E DISTOPÍA
NO MUNDO

Cara ao ano 2050 penso que Galicia seguirá a ser un pequeno finisterrae atlántico, pero nun mundo xa non centrado neste océano, porque xa o mundo actual ferve cara ao Pacífico. Polo peso demográfico e pola actividade económica. E aí Chimérica vai ser o dilema central. A escala mundial imaxino, daquela, dúas derivas.

A primeira delas, sería a deriva conflitiva do imperio declinante dos Estados Unidos fronte ao xigante emerxente chinés, tripulada polas multinacionais e grupos financeiros globais respectivos. Estes profundarán na igualación á baixa das condicións de vida e traballo nos países máis ricos, mentres provocan ondas migratorias masivas tratadas como exército de reserva da man de obra mundial, convivindo coa liberdade plena de circulación dun capital dividido da súa sociedade. A esta gobernarana poderes plutocráticos posdemocráticos, liderados por demagogos de toda caste e apoiados por unha cidadanía a cada paso máis aparvada e individualista; consumista por riba de calquera outra consideración.

A segunda deriva imaxinada, sería a dunha partillada soberanía nacional con varias áreas de influencia, que compartan unha nova estrutura democrática de gobernanza a escala mundial. Subordinando os mercados e os grupos financeiros a un contrato social global incluínte (no fiscal, no laboral, no ambiental, no comercial), e nun multilateralismo que fuxa do obxectivo do crecemento económico baseado nas exportacións da actual globalización. Obxectivo de suma cero que só conduce, e iso en contados casos, a exportarlles o desemprego aos veciños.

Isto suporía acometer unha reforma profunda –entre nós– da ONU, OTAN, OCDE, OMC, BM, FMI, OIT… Tamén da xestión pública ou partición dos megamonopolios (na enerxía, na banca, no dixital…) e unha menor xornada semanal de traballo aparellada á robotización, a xestión local e social das novas tecnoloxías e mesmo a abandonos tecnolóxicos selectivos.

Un grupo de nenos camiña á saída da escola nunha das aldeas de Busia, en Kenya. Foto: Pablo-L.-Orosa.

A estabilización da poboación mundial e a caída do consumo medio por habitante nos países máis ricos, serían criterios básicos de bo desempeño social. Esa estabilización mundial debera verse favorecida pola cooperación global, para a educación feminina e a súa non discriminación. Só sobre esta base a escala mundial e, sobre todo, nos países que hoxe teñen un maior PIB por habitante, acadariamos máis desenvolvemento social con menos crecemento económico.

Dependendo de como sexamos quen de movernos neste dilema, seremos ou non quen de partillar as precaucións precisas fronte a incertezas que nos poden por a todos patas arriba (como nos ensinou a Covid-19).

Daquela, o colapso climático obrigará a máis ou menos medidas de adaptación, as disputas sobre os recursos (alimentarios, enerxéticos, auga…) serán –ou non– a cara de can. A intelixencia artificial sobrehumana abrirá –ou non—–escenarios de control social totalitario. As manipulacións xenéticas, biolóxicas e nos cultivos poderán volverse contra nós. A automatización someterá ou liberará as persoas e daralles tempo libre, os arsenais nucleares e químico-bacteriolóxicos usaranse ou desaparecerán. Todas elas disxuntivas importantes, que condicionarán de xeito radical a vida en Galicia. Aínda que sexamos quen de facer marabillas, xa falaremos delas máis adiante, de portas adentro nos vindeiros trinta anos.

UTOPÍA E DISTOPÍA
NA UNIÓN EUROPEA

A actual Unión Europea podería ser un axente global autónomo e cunha sociedade decente nun mundo no que as dúas superpotencias do Pacífico procurasen unha coexistencia pacífica. Pero, como se viu co Brexit, a saída de Afganistán, ou o 5G, as presións para dificultalo van ser continuas, tanto polas plutocracias globais como polas internas.

Tamén a UE (e de rebote España e Galicia) é sobre todo, a día de hoxe, o resultado dunha construción dos mercados por riba da cidadanía. O resultado dun axente institucional moi ordoliberal e moi pouco social. Unha moeda (o Euro) partillada sen un Tesouro Público. Un Goberno (a Comisión) sen un Parlamento efectivo.

Por que sosteño que o actual sistema que nos goberna na UE é distópico? Pois porque está a desmontar o Estado de Benestar, e levándonos cara a unha sociedade de mercado na que o diñeiro é a razón suprema. Todo polo mercado, a produtividade e a competitividade, e coa arrogancia argumental que descualifica calquera outraperspectiva como antisistema.

Se focalizamos o corazón económico do tal sistema (e deixamos fóra por razóns de espazo a faciana máis política e institucional) entenderase ben que, se nos deixamos levar na súa deriva ata 2050, a exclusión social será máxima, a destrución das vellas clases medias consumada, o risco de pobreza –con ou sen desemprego– non vai distinguir niveis de estudos, e a precarización e desvinculación de salario e traballo serán galopantes. Converxeriamos daquela coas sociedades con máis desigualdade no mundo (a China e os Estados Unidos), porque a creación de emprego decente e os servizos públicos conviven mal co equilibrio orzamentario da UE, co seu cativo peso no PIB europeo, co obxectivo dun 3%  de déficit máximo nos Estados, coa disciplina fiscal garantida polo mercado de bonos, da prima de risco e das axencias de cualificación, co obxectivo de inflación ao 2%, co dereito absoluto dos acredores (blindado na nosa Constitución) e cun Banco Central Europeo que se chama independente, pero que só se ocupa da inflación.

A converxencia en benestar social dentro da UE deteriórase cando as balanzas externas dos países procuran o seu máximo por medio dunha competencia á baixa (no laboral, fiscal e ambiental) ou cando se evitan as desvalorizacións competitivas. Tamén se hai liberdade absoluta de circulación do capital ou se, como agora sucede, a desregulación dos mercados é o catecismo para todo.

Por que a ruptura co sistema que vimos de resumir abre o camiño á utopía? Porque só así recuperaremos a inclusión social, unha vida digna para o conxunto dos cidadáns e unha relación co medio natural que sexa sostible de hoxe a 2050. Porque a creación de emprego, e os servizos públicos reclaman un orzamento europeo varias veces o actual respecto do PIB (do 2 ao 20 %, e para conseguilo Piketty ten feito propostas moi atinadas sobre fiscalidade do patrimonio, sociedades e capital) e sen equilibrio obrigado. A UE debe empurrar para o retorno aos tipos máximos sobre os ingresos vixentes nos anos 70 do século pasado. Facelo tamén relaxando a disciplina do déficit anual dos Estados, e podendo financiar a súa débeda por fóra da prima de risco de xeito federal e mutualizado, modificando á alza o obxectivo de inflación do BCE e incorporando aos seus Estatutos o obxectivo do desemprego. O BCE ten que ser o prestamista de último recurso dos Estados e da UE. E o Euro a moeda dun Estado global europeo e non só dun simple mercado.

O Parlamento europeo de Estrasburgo.

A cohesión social dentro da UE mellorará se os países con máis superávits drenan eses excedentes, se se procura a converxencia en obrigas e dereitos (fiscais, laborais, sociais), ou se se dificulta o comercio con países que non respectan uns mínimos dereitos sociais e ambientais. Tamén se se utilizan as desvalorizacións do Euro (e non só das rendas salariais) para favorecer o equilibrio externo. Se se controlan os movementos especulativos dos capitais e se fan desaparecer os paraísos fiscais internos. En todo o que precede o criterio xeral debera ser que non se han globalizar mercados de non contar con institucións globais que os regulen.

Os novos recursos orzamentarios europeos deberan dar acomodo a tres eixos de cidadanía social: unha renda mínima europea para todos os adultos, unha pensión mínima asistencial para quen non teña unha contributiva, ou sexa insuficiente, e unha prestación mínima de desemprego de ter esgotadas as contributivas do seu país. Porque a mobilidade do traballo e dos recursos humanos na UE non se pode entender sen estas contrapartes. Só así se recoñecerá o sentido dunha cidadanía europea. Só así nos afastariamos das sociedades con máis desigualdade social do mundo (os Estados Unidos e a China).

A cohesión social pasa tamén por que se defendan algunhas actividades, consideradas esenciais ou estratéxicas, dos investidores estranxeiros (algo crucial no dixital e no big data). Tamén se se reserva a metade das compras do sector público para empresas que xeren emprego dentro da UE. Ou se se fai unha defensa pública da competencia e das empresas de proximidade fronte aos oligopolios (ben internos ou xa globais). Tamén freando a dixitalización daqueles servizos (privados e públicos) nos que se considere que o trato persoal ou o emprego decente son máis importantes ca os eventuais logros de produtividade. Igualmente, mellorando a cohesión social a través dunha política de inmigración a escala europea con obxectivos anuais e con dereitos.

UTOPÍA E DISTOPÍA
EN ESPAÑA

O sistema actual campante en España leva á distopía baixo a neolingua da produtividade, das reformas, da transición, da modernización, da estabilización, da competitividade. Asumida a desvalorización interna como única estratexia para logralo, o resto vén de seu.
Unha consecuencia é a fenda crecente de desigualda­de social e outra non menos galopante de ausencia de futuro para os máis mozos (coa terapia do consumismo e de vivir ao día). Por non falar duns impactos ambientais –locais e globais– que só se entenden ao actuar como se o futuro non existise, ou dun xigantismo urbano e centrípeto que en nome das economías de escala desertiza o resto do territorio e favorece situacións de nula resiliencia.

Esta estratexia pasa por externalizar, precarizar e desalariar en todo, pero sobre todo nos servizos cun subemprego parcial sempre temporal (con maior frecuencia, feminino). Tal é o medo a perder o emprego que xa a ninguén lle preocupa a súa calidade. A distopía de non poder acceder a unha vivenda senón é partillada, sempre moi lonxe das áreas xentrificadas, ou a emigración cara ás economías da UE con baixas taxas de paro a facer o que manden. A neolingua da flexibilidade, de reinventarse e da posmoderna mobilidade (xa non emigración) e o traballar a cada paso máis anos antes da xubilación nun mundo automatizado ao galope.

Estratexia que tamén pasa por adelgazar os servizos públicos, pois os recursos fiscais son a cada paso menores (hai que rebaixar e facilitar desgravacións na factura fiscal das empresas para reter o emprego) e a sanidade ou o ensino van ser necesariamente completados con aforro privado (especialistas, mestrados, centros concertados). As axudas á dependencia chegarán en moitos casos cando un estea morto, e as pensións teñen un horizonte futuro sempre inzado de dúbidas e recortes. Solución: aforrar para poder escapar da distopía neoliberal e sistémica. Para ter unha praza nunha residencia ou para non ter que traballar ata os 80 anos.

Mesmo así, o Estado non parará de estar a cada paso máis endebedado cos fondos de investimento. En risco permanente de rescate e de novas terapias sistémicas. E, aínda con esas, a competitividade non dará para pagar o déficit comercial enerxético se non conseguimos millóns de turistas foráneos (unha enfermidade ambiental nacional e global). A cada día que pasa menos se pode esperar da demanda interna duns residentes precarizados e vampirizados polos oligopolios das finanzas, da enerxía ou dos combustibles. Oligopolios controlados polos cosmopolitas Vanguard Group ou Blackrock de quenda.

Fronte, e dentro, dun tal sistema español, non queda outra que ser antisistema. Abrindo camiño a un novo pacto social e territorial interno que favoreza a redistribución do emprego e da riqueza. Traballar todos menos para traballar todos, e favorecerse dunha parte crecente –e non minguante como ata o de agora– dunha riqueza nacional a cada paso maior. Con reformas non reformistas que vaian no camiño dunha utopía que poidamos chamar sociedade decente aló polo 2050.

As taxas de paro total xuvenil en galica, pese a reducírense, seguen a ser moi elevadas en parámetros europeos. Foto Felipe Carnotto.

No sector financeiro, á vista da concentración bancaria en moi poucas entidades xigantes e participadas por grupos globais, faise necesario introducir competencia con axentes públicos e cooperativos a escala local e territorial. Sobre todo na operativa dos fogares e das pequenas empresas. Algo que debe desenvolverse cun formato en liña para non verse desprazados polos xigantes GAFAM de aquí a pouco. Dentro do Euro os riscos das operacións do BCE non deben transferirse ao Banco de España. Os custos financeiros non poden seguir a drenar as rendas da maioría, pero tampouco deben facelo os prezos da enerxía (electricidade e carburantes).

Os oligopolios do sector na parte eléctrica deben abrir espazo ao autoconsumo local e de axentes cooperativos con fontes renovables e, ao tempo, fixar os prezos cunha media ponderada das fontes utilizadas. O goberno central debe deseñar un calendario de peche nuclear e recuperar as concesións das fontes renovables para entidades locais.

Os déficits de produtividade non se dan nas empresas de maior tamaño, pero non por iso se debe gañar tamaño a calquera prezo. A proximidade e autonomía dos abastecementos e o emprego decente (estable, a tempo completo en xornadas reducidas, con protección social plena, con ingresos crecentes) se ben poden non competir en prezos con opcións de fóra, si o fan en resiliencia e sustentabilidade social. Razóns sobradas para desmontar e desconxestionar as megaconcentracións urbanas e rachar coas dinámicas centrípetas sobre o territorio.

É sobre esa base que as pequenas e medianas empresas (privadas, cooperativas ou da economía social) deben mellorar a súa organización e transferencia de tecnoloxía. En moitos casos, o mellor esforzo en I+D será o de detectar aquilo que nos é máis útil incorporar do xa existente no mundo. E tamén neste ámbito, a dixitalización dos servizos debe subordinarse á non destrución de emprego e á calidade e personalización deste. A propia dixitalización debe ter como un obxectivo central que o 5G, o big data e a nube se manexen baixo soberanía europea.

O emprego decente, tal como se caracterizou, debe primarse para frear a desalariación, os falsos autónomos, o emprego a tempo parcial e todas as formas de traballo dependente que conviven co risco de pobreza (habitualmente feminina). Para favorecelo, a Seguridade Social debe descargar os custos sobre a masa salarial e compensalos por cotizacións sobre o resto do valor engadido das empresas.

A educación do cidadán como consumidor (nos medios públicos e no sistema educativo) debera centrarse no freo do consumismo, e na solvencia das súas decisións dende o punto de vista ambiental e de inclusión social. O máis barato non é con frecuencia a mellor opción. Para axudar neste camiño, as axencias de protección de consumidores e usuarios deberan facerse máis visibles e con recursos.

No que ten que ver coa reconstrución e fortalece­mento do Estado de Benestar nos ingresos, é preciso duplicar os efectivos da inspección (sobre todo na vixilancia pola Unidade de Control de Grandes Empresas), evitar que o tipo efectivo do imposto de sociedades sexa decrecente a partir dos cen empregados, igualar a ratio de ingresos públicos sobre o PIB coa media da UE, harmonizar o trato fiscal das rendas do capital e do traballo, suprimir o trato preferente ás SICAV e ETVE. Todo nunha reforma fiscal axeitada ao ámbito europeo que quedou antes perfilada.

Con estes novos recursos da Facenda e da Seguridade Social a aquela cidadanía europea (que garante renda básica, subsidio de desemprego e pensións non contributivas) engadiríanse agora unha cidadanía española con pensións contributivas mínimas por riba do salario mínimo, actualizadas co IPC, e unha asistencia sanitaria universal e pública financiada coa mesma porcentaxe a respecto do PIB que na media europea. Sen esquecer unha oferta pública de ensino reforzada cos recursos financeiros e humanos que hoxe detrae a oferta concertada. Ademais, garantir unha oferta pública de aluguer de vivendas, que non superará unha porcentaxe máxima dos ingresos do inquilino.

Se é preciso ser antisistema, por algo distinto do social, é hoxe polo argumento ambiental. De entrada porque só relativizando o obxectivo do crecemento do PIB (e do consumismo que o acelera) poderemos falar seriamente de sustentabilidade e de transición enerxética cara ás enerxías renovables e dun calendario solvente de peche nuclear e abandono dos combustibles fósiles que non temos.

Só nese marco poderemos falar en serio con terceiros países que practiquen o dumping comercial, baseado na desconsideración dos danos ambientais. Só así poderemos progresar en serio nun modelo de mobilidade colectiva alternativo ao privado, de proximidade fronte aos aprovisionamentos e leceres de longa distancia. E, no transporte intraeuropeo, potenciar a cabotaxe e o ferroportuario. Non hai outra.

UTOPÍA E DISTOPÍA
EN GALICIA

Antes de poñer riba da mesa as propostas de cambio de rumbo, procede levantar acta de se o actual sistema nos leva polo mal camiño, pola distopía, polas promesas incumpridas, afastándonos dunha sociedade decente. Se é así non hai outra que reiniciar o sistema. Ser antisistema, sen complexos.

Algúns datos. O sistema lévanos cara a unha sociedade de mercado, xestionada polo centro-dereita neoliberal (aquí do PP galego) que vén dominando, con pequenas interrupcións, na Galicia das últimas décadas. Para facer balance da súa colleita procede revisar unha batería de indicadores económicos e sociais entre os anos 2000 e 2019. Non convén rematar a análise no 2020 pola entrada en escena dun feito excepcional –a pandemia do coronavirus– do que aínda estamos a saír con dificultades.

Os numerosos «gaiteiros» do sistema que nos goberna teñen apenas un bo tema para facer bis todas as veces que poidan, e que llo amplifiquen os medios de comunicación. É este: Galicia pasou neses últimos vinte anos de apenas o 78 % da riqueza media española por habitante a algo máis do 90 %. Aínda no chegamos á media, pero ninguén pode discutir que é un achegamento importante. Este «éxito» non se debe a ter mellorado o noso peso na economía española, que só se mantén, senón a que a poboación galega perdeu peso no conxunto de España. Daquela, o noso crecemento económico foise movendo á par que a media do conxunto de España, e só porque a poboación apenas se mantivo aquí, mentres que no conxunto de España medrou, vai ser que por iso nos acercamos á media española de riqueza per capita. Se a poboación se comportase coma no conxunto do Estado non avanzariamos nada. Nin sequera no indicador de riqueza por habitante.

É aquí que temos xa o primeiro síntoma de que o sistema que goberna Galicia non está a transformar crecemento económico en desenvolvemento social. Esa nosa parálise demográfica é o resultado dunha natalidade e duns saldos migratorios retraídos. Nin somos atractivos como destino de traballadores de fóra, nin xeramos expectativas de vida para a xuventude. É evidente que hai nisto pouca utopía e moita distopía.

Medramos ao mesmo ritmo ca o conxunto de España, e só grazas ao noso estancamento demográfico somos quen de mellorar a nosa converxencia en riqueza por habitante que é o único logro que presenta a radiografía do sistema neoliberal campante en Galicia. Mal asunto: unha xeración perdida.

Pasa outro tanto coa poboación dispoñible para traballar en Galicia (poboación activa): perdemos peso no conxunto de España. E, de novo, será este o factor determinante de que as oportunidades de emprego, non sendo boas, non foran moito peores. A saber, unha das dimensións polas que se confirmaría que o crecemento económico empurra polo desenvolvemento social é esta: medramos e as oportunidades de emprego ídem para unha poboación crecente? Como se aprecia, algo semellante, coa que está caendo, é unha utopía social.

Esas oportunidades só serían crecentes se Galicia mantén ou mellora a cota de ocupados no conxunto da economía española. Pero sucede todo o contrario. A economía galega medra ao mesmo ritmo que o conxunto de España pero o emprego non o fai así. Medra menos. Por iso perdemos un punto porcentual no total do emprego español neses vinte anos. Pode semellar pouco, pero é ir polo camiño da distopía.

Fonte: elaboración propia con datos do INE.

Comentario e interpretación do gráfico.

Tendencia actual, sistémica ou camiño distópico: entre 1990-2020 Galicia perde 18.000 persoas ocupadas entre 16-25 anos, e vai perder outros 13.000 entre 2020-2050.
Cambio de tendencia, camiño utópico: se o emprego xuvenil en España recupera en 2050 o peso que tivo en 1990 no emprego total, e en Galicia o 5,1 % que tiñamos no emprego xuvenil español, entre 2020-2050 medraría en 41.000 o emprego xuvenil.
A escolla está entre perder 13.000 empregos xuvenís máis ata 2050 ou gañar 41.000 empregos.

Unha distopía sistémica

Pois mentres na riqueza por habitante gañamos trece puntos, no emprego perdemos quince a respecto da media española. Non transformamos crecemento económico en desenvolvemento social. E son estas menores oportunidades de emprego as que están detrás da nosa parálise demográfica e da presión migratoria
da mocidade.

Con este ritmo de emprego as taxas de paro total e xuvenil, se ben algo se reducen, seguen a ser moi elevadas en parámetros europeos. Nos últimos vinte anos a redución das taxas de paro foi tan cativa que podemos falar da súa cronificación en niveis de depresión económica. Oportunidades de emprego menores e probabilidades moi altas de estar en desemprego, sobre todo para as mozas. Non semella que esta normalidade sistémica que nos goberna sexa para tirar foguetes. Ou para non mudar de rumbo.
Tampouco é positivo o benestar dos ocupados galegos en dous indicadores relevantes: salarios baixos e contratación temporal. Nos dous casos en 2019 superabamos a media española. Pero superar a alguén en algo en que sería mellor non facelo non é para presumir. Mesmo crecemento económico, pero peor calidade do emprego.

Pechamos esta radiografía dos resultados do sistema campante no período 2000-2019 en Galicia con outros tres importantes indicadores de benestar social.

No primeiro deles medimos se os traballadores gañan ou perden peso na distribución da riqueza xerada no país. Claramente se observa que o perden. E iso quere dicir que a maioría da poboación perde recursos que lle permitirían mellorar o seu benestar social. Certo que xa a calidade do emprego nos avanzaba que algo así podería ocorrer; tamén a persistencia de altas taxas de paro. Non transformamos o crecemento en benestar social, pois para iso a porcentaxe das rendas salariais no PIB debera manterse.

Por se quedase algunha dúbida, outros dous indicadores remachan máis o argumento. A ratio de desigualdade (cantas veces o 20% máis rico supera a renda do 20% menos rico da poboación), malia que algo se reduce en relación á media española, fíxoo aumentando en Galicia neses vinte anos (de 4,8 a 5,2 veces). E iso non pode considerarse positivo. É, outra volta, andar no camiño da distopía social.

No que atinxe as persoas xubiladas, a práctica parálise do acercamento á media española na pensión mensual media, tampouco pode considerarse un avance substantivo no benestar social.

En conclusión, o balance social da nosa economía sistémica, aínda que non batésemos coa pandemia en 2020, obrigaríanos a cambiar de rumbo. Daquela, o obxectivo central da utopía dunha sociedade decente debera ser mellorar a relación entre crecemento económico e desenvolvemento social, axustando esa relación cos cambios precisos para a transición enerxética (para min nisto a palabra chave é autodeterminación dos recursos propios) e cos da transición dixital (aquí a palabra chave é soberanía a respecto de Chimérica) a esa nova relación. Tal como vimos que debe facerse no conxunto de España e da UE. Pero á medida dos recursos e potencialidades de Galicia. Que somos sitio distinto.

Galicia conta hoxe cunha cota de oferta pública de prazas de residencia para maiores das máis baixas do Estado. Foto Felipe Carnotto.

Teño para min que, de seguir a folla de ruta que vou concretar, en 2050 o conxunto de indicadores que vimos de revisar tería moitas máis notas positivas. Mais para iso temos que apostar polo camiño da utopía que os distópicos do sistema chaman antisistema: moito máis desenvolvemento social, mesmo con menos crecemento. Para non estragar en 2050 outra xeración. Esa sería a miña utopía antisistema. Xusto no carreiro contrario do que predican a maioría dos chamados expertos sistémicos: que só hai que facer medrar moito a torta, porque –desta vez seica si–– todos sairemos ganando. E moito me temo que haberá quen lles siga a mercar ese xarope máxico.

Daquela, para Galicia serían chegados os tempos de redefinir a fondo un sistema económico que ten escasa resiliencia fronte ás incertezas, e que exclúe do benestar social, de forma progresiva, a cada paso máis amplos sectores sociais. De reinventar, ou si se quere reiniciar, a concreta sociedade de mercado na que vivimos para ter unha maior resiliencia fronte ás incertezas (como xa está a suceder co colapso climático e o hipercapitalismo dixital) que de seguro teremos que enfrontar ata 2050, acompañada dunha menor exclusión social. Para vivir nunha sociedade decente sólida, e non nunha sociedade de mercado fráxil. Utopía decente, fronte a mercado distópico.

Sería boa cousa crer que é algo que o goberno de España tamén busca co seu actual Plan de Recuperación centrado no verde e no dixital. Pero cando un revisa as súas dez políticas tractoras non sabe moi ben se o dixital vai ir da man das GAFAM ou non, ou se o verde é compatible co nuclear, coas actuais concesións hidroeléctricas ou coa electrificación do parque automobilístico. Por pór só dous exemplos.

En troques de tanta recuperación, eu prefiro falar de redefinir, reinventar ou reiniciar. Vexamos deseguido que quere isto dicir, na miña opinión, en relación a algúns vectores –que considero substantivos– do noso tecido económico e social.

En Galicia non vivimos nun mercado financeiro competitivo, pois está controlado por catro entidades con ánimo de lucro que dependen de grupos investidores globais. Só unha entidade (Abanca) non é un megabanco (sistémico, dise). Sorprende que, contando con mil millonarios no país, unha Fundación non replicase aquí unha Kutxabank. Precisamos novos actores non dominados polo ánimo de lucro (Kutxabank é 100% dunha Fundación) que socialicen os seus beneficios (vía Obra Social), actores que poden ser Cooperativas de Crédito ou Caixas Rurais, apoiadas por clientes preferentes públicos (concellos, deputacións).

No sector da enerxía estamos –na tal sociedade de mercado– tamén diante dun oligopolio de megaempresas globais e privadas (Naturgy, Iberdrola, Repsol) ou do sector público italiano (Endesa). Pola contra, as nosas fontes renovábeis (eólica, hidráulica, biomasa, etc.) deberan ser a base de empresas locais que fixasen aquí as rendas dos recursos e o seu uso, para avanzar cara ao abandono de recursos fósiles (importados e dos que dependemos no 80% da enerxía primaria que consumimos). Por non falar do desenvolvemento solar domiciliario e en comunidades de veciños, alimentando daquela unha demanda interna que permitise electrificar boa parte do transporte en canais colectivos. A carencia de axentes financeiros propios e o absentismo público explican tal desfeita, pero tamén as concesións públicas do pasado que deberan recuperarse, e as futuras (por caso na eólica) que deberan facerse a iniciativas sen ánimo de lucro de ámbito local.

Para reaxustar o noso balanzo enerxético sen combustibles fósiles importados non podemos manter as industrias electrointensivas que víñamos alimentando con térmicas, como fixemos moitos anos, nin con nucleares, como se quixo facer (e pode volver baixo da etiqueta do «limpo»). Os megavatios renovables propios poden e deben alimentar empregos e usos internos de maior valor engadido. Porque tampouco temos bauxita.

A localización en Galicia dunha megaempresa de ensamblaxe de automoción, que ten un control significativo dos Estados francés e chinés, localizada para a exportación global, depende agonicamente da desvalorización salarial interna, mentres ao tempo alimenta un modelo de transporte insostible. Para ganar en resiliencia interna e en menores impactos ambientais globais, deberamos reorientar as empresas auxiliares deste sector cara a equipos de transporte colectivo e de enerxía sostible co apoio do Estado (por caso Zona Franca). No caso da confección contamos cunha mega­empresa de base local (Inditex) que en realidade é un holding de medianas empresas (agás Zara e outras marcas polo miúdo). A súa saída á bolsa forzou un crecemento explosivo e moi incerto, que por exemplo IKEA non segue. Se no seu capital tivese cota maioritaria unha Fundación privada sen ánimo de lucro e para Obra Social da súa contorna familiar, socializaría máis e mellor os seus resultados (hoxe en boa medida deslocalizados e enladrillados).

A poboación galega perdeu peso con respecto ao conxunto de España. Foto: Felipe Carnotto.

Precisamos máis cooperativas de transformación e comercialización alimentaria da terra e do mar, e canais curtos de distribución a consumidores locais (centros educativos, hospitalarios, residencias, etc.). Con menos proteínas animais e máis vexetais, e con variedades locais diversificadas, reducindo os inputs químicos.
Para estas, e en xeral para todas as manufacturas, as modernas canles de distribución autóctonas deberían privilexiar un segmento de calidade e doméstico en relación ás denominacións de orixe alimentarias, ás empresas cooperativas e ás manufacturas rexionais, coma unha panca para a defensa duns prezos baseados en metas de calidade, identidade, resiliencia e seguridade alimentaria.

Debemos procurar a captura por produtores de proximidade, e por institucións locais, das rendas enerxéticas (eólica, hidráulica, biomasa). Facendo destas rendas e usos o motor dunha xestión activa dos montes que evite as vagas incendiarias tal e como xa sucede nalgúns concellos do sur do país. Tamén do pastoreo extensivo con base nas terras non agrarias, ou a diversificación e multifunción forestal da actual aposta por eucaliptos e piñeiros. Coa reestruturación e posta ao día do proceso madeira-reciclaxe-papel, pasando páxina da estrafalaria localización de Lourizán.

Para todo o que precede, sería conveniente dotar dunha renda básica de acompañamento as tarefas silvícolas e de asistencia social aos maiores, e así fixar mocidade no mundo rural.

Como quedou anotado no ámbito mundial, europeo e español as GAFAMs globais e oligopolísticas son unha bomba de incertezas (sociodemocráticas, de resiliencia-autonomía, de desemprego e secesión fiscal). Por iso, Galicia debe sumarse a que a UE conte cunha opción 5G e big data propia, fronte ao pano dixital de Chimérica. Os nosos distribuidores locais, transportes, comercio, finanzas, turismo, servizos xeriátricos, medios de comunicación e sector público deben contar con plataformas dixitais propias a escala galega.

Ao mesmo tempo debemos vencellar a axencias e entes públicos como o IGAPE, a TVG, o Sergas, etc. a sectores emerxentes de vocación exportadora.

A distopía hospitalaria á que nos leva a sociedade de mercado atopa en Vigo un exemplo de manual cun hospital público (Álvaro Cunqueiro) nun edificio privado, e cunha alta cota de usuarios nun centro privado-concertado (Povisa). Todo un exemplo de subordinación e abdución dun servizo público á lóxica do mercado privado. Subordinación que tamén se sofre nas formas precarias de contratación do persoal en ambulatorios públicos, así como nuns obxectivos de xestión pública que poñen o aforro en custos (laborais e outros) por riba da calidade do servizo, como pode acontecer coa atención telefónica indiscriminada.

Tamén é fortemente desigual e segmentaria a crecente cota de ensino privado, concertado na non universitaria e en posgraduados para quen os poida pagar, o que alimenta unha exclusión social sobre outra previa que, con frecuencia, se ampara con fondos que se subtraen á mellora da oferta pública (en rateos de profesores e espazos).
Partimos hoxe cara a 2050 cunha cota de oferta pública de prazas de residencia para maiores en Galicia das máis baixas do Estado. Este modelo de sociedade de mercado de máximo ánimo de lucro non garante resiliencia e dignidade para os nosos maiores, como se comprobou no ano 2020. Un desequilibrio que debe corrixirse, a escala de cada comarca, e completarse cunha cobertura pública no domicilio propio axustado á capacidade de pago de cada dependente.

Para os máis novos, trátase de rachar coa distopía actual de vivir na casa dos pais, e para iso dotar dun parque público de vivendas para alugueiro axustado aos ingresos, na medida do posible vía restauración do parque de vivendas existente e con eficiencia enerxética. Esta opción está nos antípodas da xentrificación (turística, pero non só) dunhas cidades que expulsan os seus residentes cara a periferias ou asentamentos dispersos, con custos de tempo e ambientais enormes. Dispersión que debera reconducirse cara a unha compactación en vilas de tamaño medio.

O xigantismo urbano, a xentrificación, a conxestión… son caldo de cultivo da exclusión social e da non resiliencia. Pola contra, as vilas de tamaño medio, interconectadas a escala comarcal con medios de transporte limpos, deberan ser o punto de equilibrio entre as megaurbes e a actual dispersión caótica e dilapidadora. Nun tal país a demarcación provincial debe ser superada e suprimida, ao tempo que se concrete unha simplificación do mapa municipal cara á metade dos concellos actuais coa integración dos de menos de mil habitantes.

A combinación ferroviaria e portuaria para as mercadorías e a ferroviaria e tranviaria para pasaxeiros debera gañar cota fronte ao transporte por estrada (en camión ou turismo, mesmo electrificados), dadas as actuais carencias do transporte ferroviario e a súa ausente inserción nunha estratexia portuaria intermodal, tanto transoceánica como para a cabotaxe europea. Tamén debera gañalo fronte a un uso abusivo do avión que no caso turístico debera xa ser racionado cunha cota anual por persoa, así como repercutir o mantemento da rede de autovías e autoestradas nos seus usuarios cunha peaxe branda, e non no conxunto da poboación.

Nesa transición do modelo de mobilidade debe priorizarse o anel urbano que conforman as vilas de Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña-Ferrol-Lugo-Monforte-Ourense, así como o corredor que conecte ese anel co norte de Portugal. Por xunto, supón unha masa crítica demográfica e produtiva que nada ten que envexarlles a outras da Península, e coa vantaxe de ser policéntrica e non radial. A recuperación das estacións ferroviarias hoxe pechadas como centros loxísticos de proximidade (RSU, combustibles, recarga de baterías, etc.) debera reducir a dependencia da canle por estrada que é menos sostible.

A regresión demográfica da poboación nacida en Galicia é ao tempo unha oportunidade para a inclusión de poboación inmigrante en ocupacións que o demanden, e debera deixar de coexistir cunha emigración de mozos galegos en ocupacións hoxe infradotadas (no ensino, sanidade, investigación, coidado do medio ambiente…) entre nós. Sendo así que á distopía migratoria da actual sociedade de mercado podemos enfrontar a fixación de poboación moza nunha sociedade decente.

Tamén en Galicia as rendas e bases retributivas non salariais (de particulares e empresas) deben achegar á nosa Facenda –como pouco– a mesma porcentaxe que achegan as rendas salariais nos impostos e nas cotizacións. Tamén se debera contar cunha achega crecente de Obra Social de Fundacións privadas sen ánimo de lucro para dinamizar actividades colaborativas e do procomún (un bo exemplo global
xa o é a Galipedia). Na escala da UE e do conxunto de España –das que a cidadanía galega obtén dereitos que quedaron anotados máis atrás– deberan recadarse ingresos que os grandes grupos empresariais e financeiros (tamén residentes en Galicia) presionan para desvalorizar nos Estados.

Home durmindo na rúa en Vigo. Foto: Felipe Carnotto.

De todos os vectores anotados neste apartado derivaríanse unhas oportunidades de emprego digno e local (sobre todo en servizos, moitos femininos) que compensarían as amortizacións doutros empregos procedentes da dixitalización e automatización nas manufacturas de aquí ao ano 2050. Procesos estes que deberan ser usados con moito tino nos servizos. En xeral, fronte ao crecente traballo a tempo parcial temporal, a distancia e sen salario, débese contrapor unha progresiva redución xeneralizada de xornada laboral, con contrato estable. Sobre todo nos servizos que son, non o esquezamos, dous de cada tres empregos na actualidade.

Para rematar, o mellor encaixe de Galicia nos mercados internos do resto da Península verase facilitado e reforzado na medida en que Madrid, Barcelona ou Valencia deixen de actuar como nodos dunha economía globalizada que non respecta estándares laborais, fiscais e ambientais nunha galopante igualación-desvalorización por abaixo.

Por tal motivo, un pacto federal no político, que supere a actual autonomía, debera integrarse nun pacto económico e social no conxunto de España que defina as novas regras de xogo na UE e o mundo. Pero tamén as que eviten as actuais tensións centrípetas e de desenvolvemento desigual dentro dunha España que ten que superar canto antes as demarcacións provinciais e municipais herdadas do século XIX.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail