Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Non ganamos para desgustos. O de ser gardián das esencias patrias é un levar labazadas deseguido. Deixas os ollos buscando chíos ofensivos en contas de Twitter que non coñece ninguén, escoitando raps en gravacións semiclandestinas, que non se lles entende nada do que din, para ver se hai ataques graves ás institucións, á coroa, aos mortos dun bando ou aos líderes de orde, e cando das atopado algo e consegues meter no calabozo ao perigoso disidente antisistema, que pasa? Que vén un tribunalucho europeo e che desmonta o telderete xurídico.
A verdade é que xa era visto. Se non é delito queimar unha bandeira nun sitio tan patrioteras como os EUA, onde hai unha postura de saúdo civil para cando tocan o himno e a bandeira está nas casas e nos xardíns sen que haxa que ganar campionato de fútbol ningún, con máis razón en Europa. A sentenza na que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) sanciona o Goberno de España por ter condenado a dous independentistas cataláns a unha multa e ameaza de cárcere por queimar a fotografía do rei non é das que retorcen as normas e a linguaxe xurídica para que a decisión sexa a que o tribunal quere, senón a que corresponde. De entrada porque, ao contrario da decisión do Tribunal Constitucional de amparar a sentenza da Audiencia Nacional, na que houbo división de opinións, o ditame de Estrasburgo foi por unanimidade.
A liberdade de expresión esténdese a informacións e ideas que ofenden, chocan ou molestan
O Tribunal Europeo desbota a concepción dos tribunais de España de que a queima dunha foto do monarca fose «un ataque persoal ao Rei dirixido a insultar e denigrar a súa persoa, senón unha denuncia do rei como xefe e símbolo do aparato do Estado e das forzas que, segundo os denunciantes, ocuparon Cataluña». Iso é «algo que está dentro da esfera da crítica política ou da disidencia» e non un acto no que se incitara a ninguén ao odio e á violencia. Ao contrario, «un acto deste tipo debería ser interpretado como a expresión simbólica de insatisfacción e protesta». O TEDH lembra á xustiza española que «a liberdade de expresión esténdese a informacións e ideas que ofenden, chocan ou molestan». Algo obvio, porque se costa abaixo todos os santos axudan, para dicir cousas a favor do que pensa a maioría non fai falta invocar liberdade ningunha.
A sentenza, que obriga ao Estado a devolverlle os 2.700€ da multa aos multados e a indemnizalos con 9.000€ polos gastos, a maiores considera que a ameaza de prisión se non pagaban a multa é «unha interferencia coa liberdade de expresión que nin foi proporcionada fronte ao que se perseguía (protexer a reputación dos reis) nin necesaria nunha sociedade democrática». Aquí está o outro quid da cuestión. Con bastante probabilidade, os xuíces españois tiñan que abrigar as sospeitas de que ese tipo de sentenzas non ían colar nos ámbitos europeos, pero mentres tanto, meteron medo e aforraron quizais unha queima de bandeiras e retratos.
Da mesma maneira que cando o Tribunal de Estrasburgo, con gran cabreo dos líderes de opinión de España, declarou nula a doutrina Parot, que se lle aplicara a etarras condenados por delitos previos á súa proclamación, declarou nulas aquelas sentenzas (porque calquera sabe que as leis non poden ter carácter retroactivo), xente desa que acampa nos tribunais díxome que na cúpula xudicial eran conscientes de que Europa ía derrogar as sentenzas que alongaron a prisión de moitos condenados por terrorismo, pero que mentres, os tipos estarían en prisión.
Sempre me preguntei –a min mesmo, en público e por escrito- que tipo de ordenación territorial ou xurisdicional é a española, na que de instruír un sumario como o do Prestige tense que encargar un xuíz solo, e que ademais ten que resolver os do día a día, mentres que a un tipo que queime un selo de correos cáelle enriba a Audiencia. Agora sei por que. Para meter medo.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán