Unha publicación fíxose viral fai dous días grazas a tódolos veciños da Coruña que apoian a unha das máis lonxevas ONGs da cidade (este ano celebra o seu 30 aniversario). A David Fuentes Baldomir faltoulle tempo para coller o teléfono, mergullar
na súa repleta axenda e mandar mensaxes a toda a comunidade asidua do seu local para mover unha xenerosa doazón. «Os usuarios de CASCO non ían quedar sen café», con estas palabras o dono do Claro Boba, un dos locais máis queer da cidade da Coruña, recibiu este mércores aos compañeiros desta entidade que loita contra a exclusión social.
Ao Comité Antisida da Coruña falta lle facía para o seu recurso máis vello, O punto de Calor Café. Trátase dun centro de día para intervir na exclusión social, onde as persoas atopan un recuncho para fuxir da soidade da pobreza, da humidade do día, tomar unha cunca de café quente e, de paso, lavar a roupa ou pasar o tempo despois dun prato de comida. O almorzo é un dos seus servizos máis demandados e importantes; «se non fora por CASCO moita xente non podería nin tomar un café. CASCO, ao abrir ás 10 é moito máis cómodo para min que outros recursos, porque nestes o servizo de café é de 8:20 a 8:50 e soamente ofrecen almorzo. Así que este recurso dáme unha maior flexibilidade horaria ao pechar ás 16 horas entre semana e ás 14 as fins de semana e festivos», cóntame V.G., usuario dende o ano 2015.
O punto de Calor Café é un centro de día para intervir na exclusión social, onde as persoas atopan un recuncho para fuxir da soidade da pobreza, da humidade do día, tomar un café e lavar a roupa ou pasar o tempo despois dun prato de comida
Fágome agora eco dun titular do Diario16 que afirmaba, a través dun estudo da axencia Euroestat, que «Europa cada vez ten máis traballadores pobres», unha realidade vivida no Punto de calor a diario no que Romina Fernández afirma: «Levo cinco anos traballando aquí e, incluso compañeiros que levan máis tempo, cóntanme que o perfil do usuario diversificouse moitísimo. Veñen moitas persoas e familias que lles entran poucos cartos para tomar unha ducha, almorzar ou coller algo de comer. Todo isto por mor da crise: prexubilados con pouca pensión, persoas estranxeiras, persoas que traballaron na construción. E os nosos usuarios non van a menos, senón a máis».
Entón, pódese falar de recuperación económica nestes momentos? O reparto da riqueza está a desmantelar a maioría dos europeos e España non está a cumprir os seus compromisos, xa que ao non chegar o SMI polo menos a 1000 euros, non chegamos nin a estar a un 60% do nivel europeo medio deste indicador social. É por iso que tan rápido chegou a axuda.
O colectivo LGTBIQ de Galiza pode parecernos pouco presente na nosa comunidade, mais a verdade é que sempre está a apoiar accións coma esta. Unha razón máis que fai pensar na rotura dos estereotipos que nos ensinan. «Colaboracións como a dos clientes do Claro Boba son un exemplo claro da boa vontade das persoas da Coruña, e da empatía enorme de todos os coruñeses ao querer solidarizarse desta maneira cos nosos veciños.
Sempre encontramos moito apoio incondicional», afirma Sonia Valbuena, directora de CASCO, sen deixar de mencionar sobre David Fuentes e os seus clientes que «sempre nos teñen moi en conta para arrimar o lombo e axudar, temos que estar moi agradecidos co colectivo LGTBI».
Na diversidade reside un valor abraiante que é a solidariedade, que se fai dunha maneira descontextualizada de prexuízos, no que non hai unha xerarquía, senón compañeirismo. Se os queers (raros), reciben ás veces pintadas nos seus locais (hai uns meses na Urbana), miradas, xuízos e ataques —como o das mozas de Carballo ou as xogadoras do Deportivo— por uns mínimos veciños para intentar apartarnos da sociedade. Estes intentos o colectivo LGTBI respóndeos con agarimo e tenrura co fin de acalar esas voces críticas e destrutivas que sempre queren que volva a lei de vagos e maleantes do franquismo. E por riba, facendo un ben do que ninguén se ía dar conta.
Nesta ocasión non quería deixar que quedara no silencio esta tenra historia. Unha historia que ben resume as palabras de A.B. (outro usuario do Punto de Calor), «o comezo non quería vir eiquí, tiña medo e pudor, pero logo dinme conta de que aquí só se traballa para axudar a todos, sen importar quen sexas ou como vivas». Grazas a estes veciños, ninguén terá que pasar do almorzo por uns cantos días. Grazas ao queer.