Cando os medios de comunicación e as grandes marcas comerciais nos bombardean sen ningún tipo de compaixón con mensaxes abertamente agresivas que mesturan sen reparos markéting comercial e afectos, sorprende o «escándalo» que acaba de provocar un balado publicitario colocado no centro de Vilagarcía de Arousa no que se pode ler: «Este 14 de febrero díselo con la cona». A carón dunha rotonda, ben visible para viandantes e condutores, o responsable da marca TuCafé xoga neste groseiro lema co nome dun tipo de cafeteira.
A perversión parece non ter fin. San Valentín sustenta a idea de que a felicidade depende doutra persoa –un home, claro–. «Son feliz porque estás ao meu lado», «Deixa que o amor te consuma», «A miña media laranxa», «Porque el regalo mide el estado en que está una relación»… axudan a conformar unha construción cultural que ademais de fomentar a dependencia mal entendida, relegan a muller a roles de subordinación obscenos, enaltecendo o sacrificio, premiando a entrega e o sufrimento –femininos, por suposto–.
En 2018, en España, corenta e sete mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas. Trinta e tres nunca puxeran unha denuncia en contra dos seus agresores; das catorce que si o fixeran, tan só cinco tiñan asignadas medidas de protección. En setembro do ano pasado, nove mulleres e dúas nenas morreron vítimas da violencia machista. Van 976 desde 2003, cando se comezaron a contabilizar. Pechemos os ollos con forza e autoconvenzámonos de que o modelo de «amor romántico» que «vendemos» non ten nada que ver con estes datos.
Sen perder o fío. España é o segundo país da Unión Europea con maior taxa de divorcios ao ano, Celébranse ao redor de 68.000 matrimonios anuais. Segundo o Instituto Nacional de Estatística o ano pasado os divorcios subiron un 1% interanual. Entre divorcios, separacións e nulidades contabilizáronse 102.342 casos. Mentres, na televisión, trunfan os programas de primeiras citas pero non nos explican como se superan as rupturas ou como se rompe unha relación na que xa non cremos.
Zygmunt Bauman en Amor líquido afirma que: «As agonías actuais do homo sexualis son as do homo consumens. Naceron xuntas. E se algunha vez desaparecen, farano marchando cóbado con cóbado». Aí queda iso, cando menos para reflexionar.