Julio Iglesias, un canto ao PP: máis de tres décadas de apoio político a cambio de patrocinios millonarios

A saída case en tromba da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e do alcalde desa cidade, José Luis Martínez Almeida, en defensa de Julio Iglesias, despois de que transcenderan as denuncias por acoso sexual contra o cantante, revela a simpatía da que este goza desde hai anos entre os altos cargos do Partido Popular. A formación leva tres décadas mantendo unha estreita e continuada relación co artista, ao que proporcionou contratos millonarios desde varias administracións públicas aos que el respondía con mostras públicas de apoio electoral aos seus altos cargos. Algúns deles, desde José María Aznar ao actual presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, presumen dunha íntima amizade con el.

Iglesias foi acusado por dúas das súas exempregadas domésticas que, ademais das presuntas agresións sexuais, describen nas súas denuncias o clima de control, acoso, humillacións e abuso de poder ao que supostamente eran sometidas. Pouco despois de que Más Madrid reclamara á Comunidade e ao Concello que lle retirasen ao artista as distincións que lle concederon, Martínez Almeida apareceu en directo nunha canle de televisión advertindo de que non pensaba a facelo. Máis tarde, Ayuso saíu na súa defensa cun post en X no que o cualifica como «o cantante máis universal» e no que non só non menciona ás vítimas, senón que mesmo cuestiona a súa versión: «As mulleres violadas e atacadas están en Irán, co silencio cómplice da ultraesquerda».

As boas relacións do PP con Julio Iglesias remóntanse ao fundador do partido, Manuel Fraga, con quen o cantante adoitaba fotografarse en público cada vez que acudía a Galicia, de onde era orixinario o seu pai, xa fose para dar un concerto, pasar uns días ou mesmo para regalarse unha mariscada no seu restaurante favorito –Chocolate, en Vilaxoán, no municipio de Vilagarcía–, e volver a Miami en avión privado tras a sobremesa. Fraga, daquela presidente da Xunta, nomeouno en 1992 «embaixador único de Galicia» e «peregrino urbi et orbe» do Xacobeo 93, mediante un contrato de patrocinio a dedo que incluíu a compra dos dereitos dun dos seus temas, Un canto a Galicia. Na rolda de prensa na que se presentou o acordo en Madrid, o trobador ironizou con que Fraga ía pagar «en mazás», pero, en realidade, a Xunta xa desvelara que lle abonaría 300 millóns de pesetas –máis de 4 millóns de euros ao cambio actual e aplicado o incremento do prezo do diñeiro– pola canción e por ese labor de representación.

«Non vai haber mellor presidente que Aznar»

Fraga delegara a presidencia do partido en 1990, primeiro en Antonio Hernández Mancha e posteriormente en José María Aznar, quen, xunto ao liderado da formación, tamén herdou a afinidade con Julio Iglesias. De feito, o cantante declaroulle publicamente o seu apoio nun lembrado mitin celebrado o 28 de febreiro de 1996 en Zaragoza durante a campaña electoral das xerais dese ano, no que pronunciou un sentido discurso desde o atril dos oradores desfacéndose en encomios ao candidato popular e á súa esposa, Ana Botella. «Non vai haber un mellor presidente para España que José María Aznar», resumiu. Cinco días despois, o domingo 3 de marzo, o PP gañaba as eleccións. En 2002, Iglesias foi un dos invitados á voda da filla do matrimonio. En 2015, como alcaldesa de Madrid, Botella entregoulle a Medalla de Ouro da capital do Estado.

Apenas un ano despois do mitin de Zaragoza, Eduardo Zaplana, daquela presidente da Generalitat Valenciana e a quen Aznar nomearía logo ministro de Traballo e portavoz do Executivo en sucesivos gobernos, asinou dous contratos co cantante a través do Instituto Valenciano da Exportación, para promocionar o País Valencià e para que acompañase a empresarios da comunidade en varias feiras internacionais. En 2001 Zaplana asegurou en Les Corts que o acordo fora «moi útil e barato» porque «só» custara aos valencianos 372 millóns de pesetas. Anos despois, en 2012, no marco da investigación xudicial que se abriu contra o expresident, Iglesias declarou diante o xuíz que en realidade foran 990 millóns de pesetas. É dicir, 5,95 millóns de euros do ano 1997 ou, se se quere, 11,4 millóns a prezos de 2026.

Detalle do selo que Correos dedicou a Julio Iglesias no ano 2000, cando Feijóo presidía esa empresa pública con Aznar na presidencia do Goberno.

En 2014, o dixital Praza Pública desvelou que a Xunta, que desde 2019 presidía Alberto Núñez Feijóo, á súa vez herdeiro de Fraga en Galicia, presupostara máis de 302.000 euros para financiar un videoclip do fillo de Iglesias, Enrique, tamén artista, para promocionar o Camiño de Santiago. Feijóo declarou en varias ocasións que mantén unha estreita relación de amizade co seu proxenitor, a quen no ano 2000, cando presidía Correos, lle dedicou un selo de 200 pesetas –a día de hoxe son dous euros con 12 céntimos, máis ou menos–. Recoñeceu que lle pediu consello para acudir ao programa de televisión El Hormiguero en 2023, pouco despois de deixar Galicia tras ascender á presidencia do PP. Seis anos antes mediara para que se deixase entrevistar no programa Land Rober da televisión autonómica de Galicia, que habitúa a promocionar aos mandatarios do PP galego.

Entre eles, Alfonso Rueda, sucesor de Feijóo á fronte da Administración galega e quen en xuño pasado se apresurou a celebrar nas súas redes sociais que o cantante comprara unha casa en Ourense: «Benvido á túa casa, Julio. Aquí a vida non segue igual: é mellor», posteou en X. O artista adoita presumir de ascendencia galega e amor á súa terra, como cando se arrinca con Un canto a Galicia, aquela icónica canción cuxos dereitos comprou a Xunta de Manuel Fraga por unha millonada de hai máis de tres décadas. Pero se fai falta, tamén fai gala de madrileñismo, como demostrou en 2023 cando conectou en directo cun programa de radio no que tamén participaba o alcalde da capital do Estado. «Son madrileño total e, ademais, madrileño de Almeida», declarou.

O rexedor mostroulle entón o seu agradecemento e lembroulle que aínda tiña pendente entregarlle en man a medalla que lle concedía Ana Botella, e que aínda non recollera. Iglesias respondeulle que iría encantado –o certo é que aínda non o fixo–, sinalando ademais á audiencia, con irónica entoación de chulapo, como respondería se advertía mostras de rexeitamento á simbólica honra á súa figura: «Ten que haber queixas porque eu teño as miñas connotacións políticas, que non vou contar agora pero son notorias. Se hai algunha queixa porque ma pon [a medalla] Almeida, vou dicir que ma pon porque me sae dos… Entendido, non si?».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail