A Coruña.- As vítimas do accidente do Alvia ocorrido en Santiago en 2013 acusaron este martes á Avogacía do Estado de mentir e ocultar documentación oficial para exculpar de responsabilidade ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o organismo encargado da xestión da liña e cuxo exdirector de Seguridade está acusado do sinistro xunto ao maquinista do tren. As vítimas xa acusaran previamente ao Estado español e ao ADIF de manipular o xuízo aleccionando testemuñas e comprando testemuños.
Segundo a plataforma de vítimas, os avogados do Estado darían por válida na vista oral unha versión da documentación sobre seguridade na vía anterior á que estaba en vigor cando se decidiu eliminar do lugar do sinistro o sistema de seguridade obrigatorio para a alta velocidade. Na súa opinión e na de varios peritos e expertos, entre eles os da Axencia Europea de Seguridade Ferroviaria, ese sistema podería ter evitado o accidente.
Na curva da Grandeira, na localidade compostelá de Angrois, morreron 80 persoas e outras 145 resultaron feridas cando o tren Alvia no que viaxaban descarrilou tras acometer a curva a 191 quilómetros por hora, nun tramo coa velocidade limitada a 80.
As vítimas cren que a ferramenta de seguridade obrigatoria na alta velocidade, baseada no Sistema Europeo de Xestión do Tráfico Ferroviario (ERTMS, nas súas siglas en inglés), tería impedido que iso ocorrese. Pero na liña Ourense-Santiago o ERTMS só operaba ata o quilómetro 80,169 do traxecto, é dicir xusto catro quilómetros antes da Grandeira, na que só funcionaba o sistema Anuncio de Sinais e Freado Automático (ASFA).
O ASFA frea o tren se o maquinista se salta un semáforo en vermello, pero non se incorre nun exceso de velocidade. ADIF substituíu un por outro en 2012 a pedimento de Renfe, que alegaba o ERTMS fallaba e provocaba atrasos.
ADIF defende que aceptou eliminar o ERTMS da Grandeira baseándose en que as regras de enxeñería -as especificacións técnicas que se aplican de forma xenérica á alta velocidade segundo a experiencia previa- non o contemplaban como necesario. Con todo, o pasado 8 de novembro o director do laboratorio de interoperabilidade ferroviaria do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) do Ministerio de Transportes, Jorge Iglesias, declarou na vista oral que as regras de enxeñería vixentes desde 2011 si recollían a necesidade de valorar a continuidade do ERTMS no tramo completo ata Santiago, é dicir incluíndo A Grandeira.
Iglesias leu no xuízo, que se celebra na Cidade da Cultura de Santiago desde hai dous meses, o documento de ADIF que así o establece, pero o avogado do Estado Javier Suárez García, negou validez ao seu testemuño e alegou que o que estaba a ler non era a versión correcta (2.4.2) do documento que a propia Avogacía do Estado entregaría como proba durante a instrución. «Non llo vou ler nin exhibir porque xa consta en autos», díxolle o letrado á xuíza para contradicir o testemuño do experto do CEDEX.
O certo é que, segundo as vítimas, o que en realidade achegou a Avogacía do Estado durante a instrución e o que consta en autos é a versión 2.4.0. do documento, datada en 2009, que non estaba por tanto en vigor e na que non figura, precisamente, a regra de enxeñería que afectaba á posibilidade de avaliar a continuidade do ERTMS en Angrois.
«A versión vixente das regras de enxeñería de 2011 que se aplicaban á liña Ourense-Santiago e que explicitan o que dixo o señor Iglesias non están achegadas ao xulgado por parte da Avogacía do Estado, polo que dificilmente o avogado do Estado as podería exhibir ou ensinar á súa señoría, xa que o achegado é de 2009», afirman fontes da plataforma de vítimas.
Noutro documento interno de ADIF que tamén obra en autos –Transicións ERTMS-ASFA. Criterios particulares para a liña 082 Traxecto Ourense-Santiago de Compostela-, datado o 6 de setembro de 2011 e ao que tivo acceso Luzes-Público, de establecen literalmente como referencia as «regras de enxeñería ERTMS v2.4.2.».
A representante legal das vítimas puxo onte de manifesto a incongruencia da versión da Avogacía do Estado durante a declaración de Patricia Cabezudo, traballadora da subdirección de Sistemas de Control, Mando e Sinalización de ADIF. Durante a vista, a xuíza subscribiu a das vítimas e considerou que se un documento de Adif de 2011 fai mención expresa ás regras de enxeñería na súa versión 2.4.2., «obviamente esas regras estarían xa vixentes» nesa data, informa Europa Press.
«Non é a primeira vez que desde ADIF e a Avogacía do Estado esconden documentos que demostran as diferentes neglixencias cometidas por ADIF», din as vítimas. «É intolerable e moi grave que os avogados do Estado, o señor Suárez García e a señora Álvarez [Adela Álvarez Caramés, a outra representante da Avogacía do Estado] traten de confundir con enganos á xuíza, ao fiscal, ao resto de avogados e á opinión pública nunha traxedia que deixou 80 mortos e máis de 140 feridos», engaden.
As vítimas cren que o Estado defende a ADIF para eludir o pago de indemnizacións, que terían que asumir as aseguradoras de Renfe se o único culpable resulta ser o maquinista. Tamén denunciaron o suposto trato de favor para co exdirector de Seguridade do organismo, e acusan a ADIF de contratar a unha consultora privada para preparar o xuízo simulando unha vista oral.