As primarias de Podemos en Galicia chequean o apoio das súas bases ao proxecto de Yolanda Díaz

A Coruña.- En plena guerra fría entre Yolanda Díaz e a dirección de Podemos polo futuro do espazo político que hoxe representa Unidas Podemos, as primarias que celebra a formación violeta para renovar a súa xerarquía en Galicia tamén van servir de recoñecemento ao apoio das bases da formación para Sumar, o proxecto político da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social.

Na terra de Díaz -naceu en Fene en 1971 e desenvolveu a súa carreira laboral, política e sindical da man de CCOO e EU en Galicia ata a súa elección como deputada no Congreso en 2016- enfróntanse dúas candidaturas: Tecer Galicia, encabezada polo actual secretario de Organización de Podemos na comunidade, Borja San Ramón; e Rexurdir Galicia, liderada polo veterano activista Gonzalo Busqué. O resultado das eleccións coñeceráse este mércores.

A lista de San Ramón está formada por candidatas e candidatos próximos á contorna de Díaz, como o seu número tres, Antón Gómez Reino, ata o de agora secretario xeral en Galicia e persoa moi próxima á vicepresidenta. Da de Busqué forman parte os críticos coa xestión de Gómez Reino, que acaban de recibir o apoio explícito de Juan Carlos Monedero, que anunciou que participará no acto de peche de campaña de Rexurdir.

A pesar de que Monedero non forma parte da dirección estatal de Podemos, na candidatura de Busqué entendeno como unha chiscadela implícita da executiva a través dunha personalidade con enorme ascendencia no partido.

A contorna de San Ramón resta importancia ao xesto de Monedero e descarta que sexa un posicionamento real da dirección, e lembra que na lista Tecer Galicia figuran dous membros da executiva de Ione Belarra -Gómez Reino e a portavoz de Podemos Galicia, Verónica Hermida-. Tambien sinalan que a dirección autonómica saínte, na que xa estaban San Ramón e Hermida, mantivo a mesma liña que a executiva de Madrid no que se refire a Sumar.

Tecer Galicia
Presentación da candidatura de Tecer Galicia.

«Tamén cremos, como expresaron varias voces da dirección federal, que Yolanda é a mellor candidata ás eleccións xerais, e queremos que sexa presidenta do Goberno con Irene Montero e Ione Belarra de vicepresidentas. Pero o modo en que se articule ese espazo e a relación entre Sumar e Podemos non forma parte do contexto destas primarias», advirte o candidato de Tecer Galicia.

San Ramón sostén que o seu é un «proxecto integrador», coa lista con maior presencia de mulleres e círculos representados. «Os nosos obxectivos son prepararnos para as municipais de 2023, recuperar de novo a representación que perdemos en 2020 no Parlamento de Galicia e apoiar o proxecto político da esquerda para gobernar no Estado», engade.

En canto ao seu rival, Gonzalo Busqué defende que na súa candidatura están «aliñados coa posición da dirección estatal de Podemos». «Non por seguidismo, senón porque cremos niso», asegura. «Oxalá se dean as circunstancias para sentirnos parte do proxecto de Yolanda Díaz, pero iso non sucederá se é á conta de que entreguemos o noso partido», subliña, en referencia ás diferenzas actuais entre Podemos e a vicepresidenta segunda.

O líder de Rexurdir Galicia afirma que se gaña as primarias o seu obxectivo será «axuntar vontades» e recuperar á militancia que se apartou de Podemos desencantada, na súa opinión, pola xestión da directiva autonómica saínte. «Non imos entrar como un elefante nunha cacharrería, queremos contar con todo o mundoé», conclúe Busqué.

Presentación da candidatura de Rexurdir Galicia.

Díaz presentou Sumar na Coruña o pasado venres día 2, diante de 400 persoas entre as que estaban Gómez Reino e San Ramón pero ningunha integrante da candidatura de Rexurdir Galicia. Tampouco boa parte dos líderes actuais do espazo político das mareas municipalistas e de Anova, os aliados da vicepresidenta en seis das oito eleccións locais, autonómicas e xerais que se celebraron desde 2015 e que lideraron o auxe e a posterior caída da esquerda alternativa na comunidade -Anova renunciou a acudir ás  dúas eleccións xerais de 2019-.

Precisamente unha das críticas á xestión da dirección saínte estriba en diluír a marca de Podemos nas das sucesivas coalicións electorais coas mareas e Anova, que acabaron sen representación no Parlamento autonómico tras as autonómicas de 2020. «Non é momento de seguir co que non funciona», asegurou Juan Carlos Monedero o pasado domingo nunha entrevista.

«Rexurdir supón un cambio coas cousas que antes se fixeron mal e coincide coa liña xeral de reconstrución que ten a dirección [do partido], pensando que Podemos debe ser a nave ama de cría que aglutine á esquerda», engadiu o politólogo, en referencia á reclamación dos morados de que Unidas Podemos sexa de novo o eixo sobre o que pivote calquera proxecto de alianza con Sumar, adopte este a forma que adopte.

Pola súa banda, fontes da contorna da vicepresidenta sinalaron a LuzesPúblico que Díaz se manten «á marxe» das primarias de Podemos e aseguran que a súa disposición ao «diálogo» será a mesma «gañe quen gañe». «Ela sempre foi moi respectuosa cos tempos orgánicos de Podemos, non pertence a ese partido e sempre que lle preguntaron por iso mantivo a mesma postura», conclúen.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail