Democratizar a democracia

«Post hoc, ergo propter hoc».¶ É unha frase que repite un dos mellores presidentes da historia, é dicir, un presidente de ficción, o Bartlet que interpreta Martin Sheen nunha das mellores series tamén de ficción da historia, a titulada The West Wing (A ala oeste da Casa Branca). O que quer dicir, máis ou menos: «Despois de isto, iso; entón a consecuencia de isto, iso».¶ Ou mellor aínda, ao xeito popular: «Dun erro nacen douscentos».¶ O acontecer político en Hespaña semella obra de ficción, mais como realidade é un desastre, un texto incongruente, absurdo, que pode concluír en pesadelo, cando había, hai, vimbios para que a obra teña un xeito anovador e construtivo. Onde se falaba de «discurso» agora a comentocracia política vixente fala decote de «relato». Xa causa fastío o tópico. Mellor que falasen de «conto». Mais calquera relato, mesmo o do xénero da fantasía, para ser lido con proveito ten que aterse a un principio de realidade.¶ O «isto» no que se moveu a política española estaba fóra dese principio.  Rexeitouse a única saída posíbel e, ademais, desexábel: un acordo das forzas progresistas que recoñecese na práctica o que xa está escrito na Constitución co carimbo de «nacionalidades históricas». Non só cómpre cambiar o «relato» senón tamén a ollada de quen o escriben. Para comezar, deixar de ver esa pluralidade como un problema. Cómpre democratizar a democracia, e iso significa deixar de ver a diversidade como un sudoku e as fórmulas cooperativas de Goberno e os acordos programáticos como unha avantaxe e non como unha fatalidade. Un entendemento progresista e plural non pode ter a aparencia dun apaño melancólico. Debería ter o alento dunha nova época, dun acordo de longo alento, de cambio de cultura política, fronte ao mofo involutivo.¶ Un acordo que vaia máis aló do papel, porque como tamén di a voz popular: «De todo terma o papel até que se limpan con el».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail