A Coruña.- Pola vista oral do xuízo do asasinato de Samuel Luiz pasaron xa máis de 80 testemuñas e peritos. Todos empregaron o castelán, como tamén fixeron a xuíza, a fiscal, a letrada da Audiencia Provincial, as acusacións particular e popular e os avogados das defensas. Os dous acusados que prestaron testemuño ao principio do proceso tamén se expresaron en castelán, e a instrución está elaborada nesa lingua, que tamén usaron os policías que participaron na investigación. Ninguén recorreu ao galego, un idioma que, segundo un recente informe do Consello de Europa, atopa na Xustiza unha seria barreira que minora o dereito dos seus falantes para manexarse con el cando acoden a ela.
As probas testificais do xuízo terminaron este martes co interrogatorio de Jeremy «o francés», un mozo amigo de varios dos presuntos asasinos que estivo con eles durante toda a noite e a madrugada do 3 de xullo de 2021, cando mataron a Samuel no paseo marítimo da Coruña. Dixo que levaba nove anos en Galicia e que entendía e podía expresarse perfectamente en español. Ante o primeiro titubeo, con todo, a xuíza fixo entrar a unha intérprete. Sucedeu o mesmo cando testificaron Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye, os dous senegaleses que tentaron auxiliar a Samuel e que tamén levan anos en Galicia.
Nun xuízo por asasinato con saña e aleivosía, con agravante de homofobia para dous dos acusados e outro delito de roubo con violencia para un terceiro, no que se piden penas de 121 anos de cárcere, é preciso que quen comparece comprenda exactamente o que se lle pregunta e que responda precisamente o que quere responder, sen que o idioma sexa un obstáculo. Calquera malinterpretación podería levar ao xurado a emitir un veredicto erróneo. Por iso é polo que os intérpretes garanten que os seus testemuños se recollen con rigor.
Desmemoria
Jeremy «o francés» tratou de exculpar os seus amigos alegando que non lembraba boa parte do sucedido dado o tempo que transcorreu: non os viu ou non lembra velos pegar a Samuel, nin advertiu entón que o estaban moendo a paus sen motivo, nin escoitou insultos homófobos, nin pensou que podían matalo, nin lembra velo caído no medio da rúa. Tampouco se acorda de se falou do tema con eles despois do suceso, a pesar de que se cruzou co grupo mensaxes e chamadas, de que lles rifou por metelo en problemas, de que acudiu a un parque onde a policía cre que os acusados cadraron versións sobre o sucedido e de que ao día seguinte tamén foi ao domicilio dun deles.
A testemuña non se acordaba de practicamente nada que puidese ir contra os intereses dos seus amigos, como xa sucedeu coa declaración dos dous mozos do grupo que eran menores de idade naquela madrugada e que xa foron condenados. Jeremy, con todo, non puido explicar de maneira convincente por que, en cambio, si lembraba outros detalles que parecen nimios pero que servirían para exculpar os seus amigos, nin por que el mesmo puxo a capucha do suadoiro para evitar ser recoñecido, dado que intuía que había cámaras gravando na zona: «Tiña medo de que me identificasen», dixo.
Sobre o estrado tamén se lle notou se non medo, polo menos si desasosego e anoxo cando a fiscal lle fixo reparar nas súas contradicións con respecto ás declaracións na policía. Entón si admitiu que vira a Samuel tirado no chan e a un dos acusados, Diego Montaña, dándolle polo menos unha puñada. Ante preguntas incómodas coma esa, Jeremy revólvese na súa cadeira, refrega a cabeza coa man, mira nervioso á intérprete e dille en francés: «Non sei como explicalo». Coma se necesitase da súa lingua materna para continuar co diálogo, contando exactamente o que quere contar.
Falando en español, o amigo dos acusados si sostivo a mesma tese que os seus avogados sobre que inxeriran grandes cantidades de alcol, un argumento co que as defensas pretenden convencer o xurado de que non eran conscientes da gravidade do que estaban a facer, se é que o tribunal considera finalmente que executaron e son responsables dos actos dos que os acusa. «Estabamos bébedos», asegurou.
Obstrución á Xustiza
Jeremy foi a última testemuña da vista oral. Tiña que declarar hai dúas semanas, pero por dúas veces plantou o tribunal alegando que estaba en Francia acompañando o seu avó moribundo. O martes non quedou máis remedio que acudir porque a xuíza, que o multou por iso con 600 euros, ameazouno con abrirlle causa por obstrución á Xustiza. Durante o seu testemuño tamén evitou falar de malleiras nin de agresión nin de ataques a Samuel. Dixo que vira «un follón», «unha discusión», «unha pelexa»… Os avogados da defensa tamén empregaron ese termo, esquecendo que a autopsia do cadáver de Samuel, as probas de ADN, as gravacións do linchamento e todos os testemuños proban que este non se defendeu porque nin sequera tivo oportunidade para facelo.
Ao principio a testemuña negou saber que Kaio Amaral, a quen se acusa de roubarlle o móbil a Samuel, tentou vendelo esa mesma noite. Apertado polas preguntas incómodas da fiscal, acabou recoñecendo que si, que llo ofreceu a el mesmo. E tamén desacreditou a versión de Catherine Silva, exmoza de Diego Montaña e quen sostén que durante as malleiras a Samuel e durante o resto da noite reprochara á súa exparella o que fixera. A preguntas do avogado de Silva, advertiu que os viu discutindo esa noite, pero non polas malleiras a Samuel, senón por celos. «C’est différentt», contestou na súa lingua. «É diferente», traduciu a intérprete.
Tras o testemuño de Jeremy, que deu por terminada a fase das probas testificais, iniciouse a das documentais, co visionado de todas as gravacións e fotogramas das cámaras do pub Andén, a de tráfico do paseo marítimo, as do comercio fronte ao que caeu Samuel agonizando e as das rúas contiguas por onde fuxiron os seus presuntos agresores, e que xa se foran vendo durante toda a vista.
O visionado ocupou máis dunha hora, durante a que os xurados puideron ver unha e outra vez as figuras que a Policía identifica cos acusados, pola súa vestimenta, o seu calzado, o seu peiteado, os seus xestos, a súa complexión e as súas características físicas, e lembrar que os axentes sosteñen que eses vídeos proban, a pesar da súa escasa calidade e contra a versión das defensas, que eran eles os que acurralaron, perseguiron e cazaron a Samuel ata darlle morte.
Os membros do xurado volveron velos, sen interrupcións polas preguntas das partes, de vez, en silencio, coma quen atende a unha conversación nunha linguaxe universal, o das imaxes, que non precisa de intérpretes.