O triunfo de Trump nos EE.UU. e a DINA en Valencia reconfiguran estes días un novo horizonte antagonista arredor do cambio climático. O autoritarismo das oligarquías emerxente no seo das democracias liberais enfróntase nun segundo round aos logros da democratización do século pasado. Logo de catro décadas de demolición neoliberal do Estado de benestar, a inviabilidade do modelo un día posto en marcha por Thatcher colapsa sen unha alternativa minimamente solvente. Trump, e con el a máis ampla deriva ultradereitista, deixou de ser un episodio cun lamentábel final no asalto ao Capitolio de 2021 para se consolidar como unha tendencia consistente que xa se proxecta para alén da que tería que ser a lexislatura do retorno á «normalidade».
Logo das eleccións nos EE.UU. e a DINA, a disputa de relato foi redimensionada nunha tensión actualizada entre a irresponsabilidade das elites e as consecuencias funestas para o clima da implosión do neoliberalismo. Por unha banda, faise incuestionábel a tráxica e teimuda realidade dun cambio climático que xa conta por centenares os falecidos do seu penúltimo episodio. De non ser adoptadas medidas duras, globais e substantivamente distintas, esta DINA só será a primeira doutras moito peores que están por vir. Tan doado de predicir como saber que o vindeiro verán o Mediterráneo voltará a rexistrar temperaturas récord e con elas virán máis episodios climáticos extremos no outono. Nada novo: levamos décadas advertidos pola ciencia e nin de lonxe se fixo o que tocaba. Mesmo comezando a intervir agora de xeito eficaz aínda nos están por chegar escenarios distópicos coma os vividos estes días.
Pola outra banda, a nivel político, contra a denuncia da inoperatividade institucional contra o cambio climático, triunfa a maior das obscenidades discursivas que puideramos imaxinar: a «pseudocracia» ou o goberno da mentira. O negacionismo do cambio climático é unha das súas expresións máis brutais. Non é o único negacionismo, vai de seu; mais sen dúbida é un dos máis perigosos. O triunfo de Trump e a validación, logo dunha lexislatura de interludio liberal, da mentira e a irresponsabilidade como estilo de goberno. Pouco importa se a exerce Trump, Abascal ou Ayuso… e polo que se ve, tamén Mazón. Hai anos, aínda que non tantos, a politoloxía andaba preocupada a cavilar un concepto: accountability, isto é, o rendimento de contas coma exercicio responsábel, trasparente e democrático da acción de goberno. Pois ben, se a crise da democracia liberal pivota hoxe sobre algunha falla estructural, esta é a crise fatal da accountability.
O problema do rendemento de contas e a esixencia dunha maior calidade voaron polos aires no momento en que Trump e as ultradereitas emerxentes decidiron prescindir do principio de realidade que operaba na política desde a II Guerra Mundial como mellor xeito para seguir extraendo réditos políticos do colapso neoliberal. E, mesmo así, o maior dos problemas, aínda que invisibilizado polo griterío das ultradereitas actuais, non é tanto o seu negacionismo a berros como o que ben poderiamos chamar «negacionismo (climático) banal». Este negacionismo banal é discreto mais eficaz. Vense poñendo en práctica desde moito antes, ao abeiro de todos os cumios globais, das relacións internacionais, da actividade diplomática dos Estados. Un negacionismo elegante, de boas palabras e maneiras, sen xestos excesivos.
Pero implacábel. Desouvindo todos os informes, negando sempre a maior, perseguindo activistas e castigándoos con dureza. Lembremos os 21 meses de cadea que se pide para unhas actistas que botaron auga e remolacha no Congreso por advertir do cambio climático en curso. O contraste coa impunidade que operan influencers difundindo fake news, xerando opinións tóxicas, etc. Estes días chegouse ao extremo dunha escasa por non dicir nula represión contra o propio «Presidente del Gobierno».
Visto o visto, se a desgraza destes días ten unha utilidade futura, esa debería ser a de denunciar este negacionismo climático banal, executado nos plans de urbanismo que non contan cos territorios, no turismo de masas que quenta o Mediterráneo, nos medios de comunicación que criminalizan os movementos, ocultan por sistema os aspectos mais daniños e controvertidos das realidades actuais; nos transportes que seguen sen atender ás esixencias de un reordenamento dos territorios e da mobilidade urbana… E así un longuísimo etcétera. Xa non son tempos para lamentos e sisudas análises, por máis que hoxe sexa preciso chorar en Valencia e aínda precisamos desas voces científicas que nos advirten. É hora de que as multitudes volten as rúas, tal e como aconteceu. Perante as xenreiras, discursos de odio, infoxicacións nas redes; a solidariedade das xentes, a dignidade do pobo valenciano, a potencia do incesante actuar colectivo destes días.