As 1.200 chamadas do «Prestige»

Se hai un testemuño definitivo para saber o que aconteceu dende que o Prestige lanzou o mayday fronte ás costas galegas, está nas ondas. Nas ondas do mar, si, mais tamén nas do espectro sonoro que permitiu o contacto entre o capitán do barco, Apostolos Mangouras, a Torre de Control de Fisterra, os efectivos de Salvamento Marítimo e o gabinete de crise do goberno de José María Aznar.

Todas esas conversas e moitas outras, recollidas en máis de 1.200 chamadas efectuadas a partir do 13 de novembro máis negro da historia de Galicia, deron lugar ao documental de audio Prestige. Todas as chamadas. Todas as voces: Toda a verdade, un traballo de recompilación que, xunto coa realización de 35 entrevistas, levou a cabo durante seis meses un equipo de xornalistas da plataforma de streaming de audio Sonora. Algunhas das chamadas do documental foron utilizadas no macroxuízo de hai dez anos; outras, a maioría, son inéditas.

Unha das máis controvertidas é a conversa entre Mangouras e as autoridades españolas sobre o posible remolque do buque cando estaba á deriva:

O documental, dirixido e escrito polos xornalistas Conchi Cejudo e Felipe de Luis, dispoñible en galego e castelán, divídese en seis capítulos de 25 minutos cada un, co deseño de son de Yago Mendivil e Guillermo García e a música orixinal de Miguel Marcos.

Entre as entrevistas realizadas recóllense os testemuños do daquela director da Mariña Mercante José Luis López-Sors, o exalcalde da Coruña Paco Vázquez, o integrante da plataforma Nunca Máis Pepe Galán ou Serafín Díaz, o último home que estivo a bordo do Prestige, ademais de xentes do mar, persoas voluntarias e activistas.

Nos seguintes fragmentos pódese escoitar parte das chamadas que intercambiaron López-Sors e o responsable por aquel entón do Centro Nacional de Coordinación de Salvamento, Pedro Sánchez, só dúas horas despois do accidente. O primeiro xa tiña clara a decisión sobre que facer co Prestige: afastalo da costa.

Máis tarde, o director xeral da Mariña Mercante, algo confundido, acollíase a Deus.

O exhaustivo traballo de documentación de Prestige. Todas as chamadas. Todas as voces: Toda a verdade, vai máis alá das conversas telefónicas e entrevistas e recupera tamén valioso material sonoro da multitudinaria manifestación do 1 de decembro de 2002 en Compostela, convocada pola recén nacida plataforma Nunca Máis, da que poden escoitarse a lectura do manifesto do escritor e co-director de Luzes Manuel Rivas e a voz da cantante Uxía.

E tamén audios que rememoran como a catástrofe do Prestige supuxo a escisión entre o entón presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, e o seu número dous, Xosé Cuiña, que finalizou coa dimisión deste último tras o escándalo de Tragsa. O lugar de Cuiña pasou a ocupalo Alberto Núñez Feijóo, un nomeamento que o catapultaría na política ata o día de hoxe, chegando a presidir a Xunta de Galicia durante 13 anos e a se converter no líder do Partido Popular a nivel estatal.

«Escoitar os sons do Prestige os primeiros días da crise é asistir con impotencia e desacougo ao afundimento dun petroleiro cos tanques cheos mentres os responsables de xestionar a crise tomaban decisións erráticas e improvisadas», contan dende a plataforma. O documental de audio está dispoñible en Sonora dende o 8 de novembro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail