A patria do anarquismo

Hai algo más antisistema na psique colectiva dun pobo que o «ti vai facendo e logo xa veremos» dos galegos? Esa costume de apañar a construción do alpendre e o valado entre leiras co veciño ou co alcalde da vila, sen guiarse pola normativa municipal, de Costas ou seguindo uns mínimos canons estéticos?

O rexeitamento a cumprir unhas mínimas normas, cando de comportamentos individuais ou propiedades privadas falamos, fai que ningunha ordenación da Xunta, e menos de Madrid, se interpoña nos marcos pactados polos nosos tataravós cunhas pedras. Un anarquismo ancestral que favorece os paseos na ghamela do traficante sen consecuencias políticas, emparentando tamén cun protocapitalismo. Ollen a escena, unha man invisíbel pon crema no lombo e saca a foto actuando como regulador do plano. Bakunin e Adam Smith xuntos en Galiza. Pero o noso facer e deixar facer ten un rival superior, experimentado por canto que converteu a psique dunha nación no comportamento dun Estado. Bélxica lévanos décadas de adianto e de concreción política.

O noso facer e deixar facer ten un rival superior, experimentado por canto que converteu a psique dunha nación no comportamento dun Estado. Bélxica lévanos décadas de adianto e de concreción política

«Icí, c’est comme ça», traducido do francés «aquí, éche así», responden os belgas cando algo non cadra na testa dun estranxeiro. Que tes cita no médico ás oito e media da mañá e ao chegares non está e non te avisaron nin hai substituto? «Icí, c’est comme ça». Que estás a facer a mudanza e teñen que traerche un novo moble? Agarda, porque o horario vai dende as dez de mañá ata as seis da tarde e ben pode acontecer que non se presenten nin te avisen. Se procuras explicacións é probable que che solten o «icí, c’est comme ça». En que outro país cando chegas á casa e ves que che entraron a roubar, chamas á comisaría e che din que a policía está de folga? Loxicamente, os axentes preséntanse varias horas tarde no teu fogar.

Logo dos atentados de París, cando se soubo que a cédula terrorista era orixinaria dun barrio de Bruxelas, a cidade permaneceu pechada. Non, non é que fora imposible saír ou entrar dela, é que as autoridades pediron aos comerciantes que pechasen os seus negocios durante varios días con perdas millonarias. Por suposto, escolas, museos e edificios públicos ían da man na clausura. E decenas de militares patrullaban as rúas. Os terroristas volveran á cidade e as forzas de seguridade nin os tiñan controlados nin tampouco sabían da posible existencia de grupos de apoio. Neses días, unha comisaría da cidade albergou unha orxía entre militares e policías, que xa levaban moitas horas despregados e convivindo xuntos. Como o oen. Tamén se viu a algún militar facendo as rondas pola rúa con bolsas de comercios. Era novembro e o Nadal achegábase. «Icí, c’est comme ça».

Por moi incribles que semellen, non son lendas. Todas estas historias teñen acontecido e saíron na prensa ou lle sucederon a algún colega da cidade. O «icí, c’est comme ça» é o «éche o que hai» galego pero elevado á doceava potencia. Logo duns meses da tráxica noite de París, os atentados golpearon Bruxelas, perpetrados polas cédulas terroristas dormentes, amigas da que cruzaran a fronteira había uns meses. Aínda así, a cidade non foi pechada. Os ministros de Interior e de Xustiza presentaron as súas dimisións e o primeiro ministro non llas aceptou.

Unha estatua de Leopoldo II montando un cabalo preside o centro de Bruxelas e, a uns centos de metros, está a nova praza coñecida como Patrice Lumumba, o líder da descolonización congolesa

O carácter libertario dos belgas coas súas normas ou ao por en práctica as leis da UE contrasta coa defensa pechada da súa monarquía. En tempos nos que ata antigas potencias como Francia comezaron a cuestionar o seu papel no norte de África, Bélxica garda un profundo silencio sobre o Congo. As masacres cometidas como potencia colonial a fins do século XIX deixaron máis de dez millóns de mortos. Leopoldo II, o monarca de entón, foi o xenocida dun sistema colonial considerado dos máis sanguinarios da historia nun curto espazo de tempo.

Unha estatua de Leopoldo II montando un cabalo preside o centro de Bruxelas e, a uns centos de metros, está a nova praza coñecida como Patrice Lumumba, o líder da descolonización congolesa, fusilado e cuxos restos foron disoltos nun caldeiro de ácido por mercenarios estadounidenses e a intelixencia belga. Lumumba fronte a Leopoldo, a reconciliación belga. «Icí, c’est comme ça».

Durante anos houbo en Matongé, o barrio de africano da cidade, outra praza Lumumba. Era unha reclamación da poboación local, que cambiaba as placas das rúas co nome. Ata aparecía así no subversivo maps de Google. A xente de Matongé foi facendo e ao final o concello cedeu renomeando, sen explicación oficial, outra praza a uns poucos metros. Ninguén ergueu a voz. Os belgas, uns ácratas tranquilos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail