Vari Caramés: «Nunca aspirei á perfección porque non creo nela, é imprecisa»

Vari Caramés acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Fotografía 2026, concedido polo Ministerio de Cultura. Na Luzes recuperamos esta entrevista publicada orixinalmente no número 94 (xullo do 2021).


Vai un día gris, como saído das imaxes de Vari Caramés. Chove a todo chover, e vémonos no café Atlántico. Será unha casualidade, pero sempre identifiquei o ollar deste fotógrafo como un ollar atlántico. A súa imaxe, coma se estivese mollada, as cores desaturadas e sempre eses tons grises e azuis, mesmo na cor ou no branco e negro, provocan que nas súas imaxes se sinta a nostalxia do que nunca aconteceu. Ese sentir morriñento tan noso.

Aproveitamos o café para poñernos ao día. Vari Caramés vén de ser comisario dunha exposición doutro fotógrafo ferrolán, José Pardo, sobre o arquitecto Rodolfo Ucha; un traballo, o de comisario, que leva moitas horas e moito cansazo. Acabamos o café e imos camiñando baixo a choiva ata o seu estudio na Cidade Vella da Coruña. Camiña máis lento do que el querería, acaban de operalo da cadeira, e aínda vai con paso lento pero firme. No estudio soa Kind of Blue de Miles Davis, no seu andel centos de libros de fotografía, imaxes enmarcadas, caixas con negativos e cámaras analóxicas, algunhas de xoguete, ou unha cámara alemá en funda de pel marrón que parece levar ao seu carón toda a vida.

Cal foi a túa primeira cámara? A miña primeira cámara foi un agasallo de meu pai. É esa cámara que ves alí, unha Voigtländer alemá. Aínda fago algunhas fotos con ela. Para non esquecerme dos meus inicios volvo collela de cando en cando. É unha cámara totalmente manual, e non é réflex. A imaxe que aparece non é a que atopamos no visor, pero isto axudoume a min a facer os meus números. Para cando tiven na man unha réflex, anos máis tarde, eu xa tiña a medición da luz na miña cabeza. Fixen un grande exercicio con ela. Isto eu sempre o conto, que é importante adestrar. Cando a xente me pide consellos para comezar na fotografía, eu digo que isto é un pouco coma o fútbol, non podes aprender se non xogas… Isto é o inicio da aprendizaxe.

E este agasallo de teu pai foi algo intencionado ou unha casualidade? Meu pai estudou mecánica de avións en Barcelona, e gustáballe debuxar e facer pezas no torno. Era un artista afeccionado, coma un mecánico de luxo. Debuxaba con moita precisión. Lembro que sempre me dicía que no motor dun avión pódese comer… Pintaba e debuxaba ben, mais nunca quixo facer unha exposición. Era un home pudoroso. Eu niso tamén me sinto coma el, creo que unha exposición é algo que require coidado, non é facer por facer de calquera xeito. Ao tolo non se fan as cousas, hai que ter unha intención que debe ser moi clara. Isto é, un respecto tamén polo espectador.

El mercoume a cámara para que eu lle fixese fotos das súas pezas. El facía pequenas esculturas móbiles tipo un Gargallo… salvando as distancias claro. Con iso eu comecei. Na tenda, cando ía revelar, fixéronme un gran favor porque separaban, nun sobre con dúas lapeliñas, dun lado as que estaban ben e do outro as que non, as que estaban ou desenfocadas ou borrosas. Eses erros que se descartan… Esas imaxes eu nunca as botaba ao lixo. Cando chegaba á casa volvía a elas,  mirábaas e atopaba algo aí que para min dicía algo. Iso quedou alí, no meu inconsciente.

Fuches unha persoa autodidacta? Eu quería, nun principio chegar a facer esas imaxes ben, non era aínda consciente do que me gustaba. Naquela época non había escolas, iamos aprendendo e facendo, mercando libros e mirándoos moito. Cando che caía un libro ou unha revista nas mans ollábalo e ollábalo ata que case o aprendías de memoria… Non era coma agora. Aprendías coas ganas e coa ilusión. Estamos a falar de principios dos anos 70, antes todo custaba moito máis. Agora temos todo en Internet, pero daquela era todo de autoconsumo e autoabastecemento. Cando empecei a positivar foi fantástico. Gustábame máis esa parte que o revelado. Nunca aspirei á perfección porque non creo nela. A perfección é algo impreciso, eu non creo niso. Para min a arte é algo inacabado, que non é completo. Cando podemos dicir que unha imaxe está acabada? Non podemos chegar a definir nada disto.

A min gústame a sorpresa do azar, ese cegamento propio da éxtase de atopar algo novo, coma os nenos que senten sorpresa fronte ás cousas máis pequenas…

Nas túas imaxes respírase ese encontro azaroso. Hai algo máxico nelas, non? O azar existe pero hai que lle facer cóxegas. Ás veces o azar existe porque estás nese estado no que suceden as cousas, e outras veces hai que saber provocalo, facer que as cousas sucedan, entrar nese estado. Eu teño que levar o espectador a ese momento, a ese punto de luz. E aí é onde o espectador comeza a facerse preguntas…

Cando tomas conciencia de que hai un espectador, que xa non estás soamente experimentando co medio? En 1980 eu xa comezara a facer os meus traballos tendo en conta unha intencionalidade. Comezo a facer series que me axudaron a organizar a miña cabeza. Estas series en branco e negro permitíronme comezar unha narrativa, e aí están eses primeiros traballos de Coruña by Night, Compostela, A movida viguesa, Castelos de Galicia ou Visión animal. Estas series axudáronme a pór un fío narrativo onde despregar o meu universo… e así foi chegando a cor, que era algo ao que eu lle tiña moitas ganas. Eu creo que a vida é en cor. Agora, dentro da cor hai branco e negro tamén. O monocromo permitiume entrar nesa piscina de sombra con fíos de luz, coma no traballo de Nadar. Eu precisaba explorar a miña atmosfera, e nun principio non era capaz de facelo en cor. O branco e negro deixoume deixar saír esa nostalxia do que nunca vivín, organizar o meu mundo onírico e o meu propio universo. Pessoa  dicía que a literatura existe porque a realidade non é suficiente. Se es unha persoa sensible precisas doutro lugar imaxinario, que é o lugar do artista. É un refuxio, ou un oasis onde estar lonxe do deserto. As persoas sensibles precisan ter un lugar onde alimentar a alma. Porque a realidade pode queimar. Nós, os fotógrafos, somos coma cazadores de bolboretas, coleccionamos eses momentos especiais. Todas as miñas series son coma vagonciños dun tren. Podes ir pasando de vagón en vagón e ir mirando as imaxes pero ao mesmo tempo non son series pechadas, senón que podes coller unha imaxe e metela noutro vagón e segue a funcionar no diálogo coas outras.

Eu preciso botar a vista atrás para poder crear un novo presente, e ese presente é unha conxunción de cousas de antes, pero que podo recontextualizar e así as imaxes toman outra presenza.

O salto á cor foi para ti unha forma de recontextualizar a túa mirada? Hai unha imaxe dunha ponte que é dun lugar para min moi entrañable e querido… é a ponte que cruza dende Valdoviño a Cedeira. Esa ponte foi un pouco o meu proceso de cruzar a outro lugar, deixar o branco e negro e comezar nun mundo de cor. O meu traballo é sempre autobiográfico mesmo cando é unha fantasía. Esa imaxe da ponte foi unha metáfora de tránsito para eu poder cruzar esa fronteira.
Ese universo de cor permitiume expresar doutra forma. Precisaba probarme, e foi un acto terapéutico para min, un poder tomar os riscos de saír dun lugar para min coñecido. A miña primeira serie en cor foi no ano 2000, con Miraxes. Curiosamente foi cando comezo a traballar en cor, cando comezo a vender máis imaxes tamén en branco e negro. Non é fácil vivir da fotografía. Este oficio é de funámbulos.

Algún outro punto de inflexión como fotógrafo? Pois parafraseando a Man Ray, que foi un rompedor e transgresor, «pinto o que non podo fotografar e fotografo o que non podo pintar». Cando me fago consciente do que me interesa da imaxe e da súa dimensión plástica. Se soubese pintar ao mellor non tería feito estas imaxes. Estou nesa fronteira entre a pintura e a fotografía. Sempre gustei da parte pictórica da imaxe, non tanto da súa capacidade documental. A min influíuronme moito o cine, a música… O meu universo é unha mestura dos filmes da nouvelle vague francesa co experimentalismo estadounidense, mais con todas esas pinceladas da literatura de Cortázar na procura do azar e ese universo do jazz do que beben as miñas imaxes.

Aínda que para min a arte sempre é híbrida, eu son analóxico pero tamén dixital porque o proceso termina nun ordenador, así que xa son un híbrido.

A fotografía analóxica ten outro tempo que xa non ten a dixital, ás veces ves a imaxe que fixeches moito tempo despois, e ese volver ollar ás veces serve para descartar cousas que xa non che gustan ou resulta que te sorprende algo que non esperabas. O tempo faiche ver as cousas con distancia. O que é ridículo é non aproveitar con mestría as ferramentas que temos á nosa disposición neste momento.

A túa obra é un pouco coma ese Nadar entre dous universos…  O meu traballo está moi influenciado pola auga. Sempre elixo títulos sinxelos, pero que buscan un chiscar de ollo. Nadar é flotar na auga, pero tamén foi un dos pioneiros franceses no oficio. As imaxes teñen un pouco esa cor diluída, watercolour, coma acuarelas. Nas imaxes en branco e negro tamén hai néboa, misterio, desenfoques… iso que non ves ben pero que acaba por aparecer diante de ti.  Gústame máis suxerir que amosar directamente, ese intermedio do que non é pero vai ser…. Mirar as imaxes require dun pequeno esforzo. Non é que estea desenfocada, senón que non está nítida. Ten que ser un desenfoque moi ben enfocado. Non é válido calquera desenfoque. Ten que haber algo nesa imaxe que murmura e eu finalmente escollo. E isto ocorre ás veces, non sempre que queres. Neste traballo de Nadar eu gocei coma un neno porque xoguei na auga, porque eu son moi de mar, e xuntei as dúas miñas paixóns: a auga e a foto. Eu facía fotos a finais dos 80 na Solana, onde había xente nadando e  metíalle flashazos baixo a auga e quedaban impresionados. Para min a imaxe é un pasatempo. Nunca foi unha cousa que tomase en serio coma nada transcendente. Pero podemos transcender dende outra forma de traballar.

A fotografía conecta con ese sentido lúdico da vida. A fotografía é un xogo, e temos que alimentar o noso neno interior. O día que isto xa non sexa un xogo, deixareino. O día que perda a maxia nada disto terá sentido. As imaxes ao final son pequenas homenaxes espirituais e íntimas, onde lembrar alguén ou algún momento. Outra serie que ten un título moi sinxelo, Recreo, é unha homenaxe á infancia. Estas imaxes teñen algo que transcende e que me axuda a liberar as miñas propias pantasmas, coas que convivo ben… Intento que non me habiten todo o tempo.

En 2019 publicas Lugares, un libro editado por Fabulatorio no que citas a Borges dicindo que non se estrañan os sitios, senón  os tempos…  Este libro ten moitos detalles na produción, un papel con transparencias, os xogos das imaxes… No deseño tiven a sorte de atoparme con Fabulatorio, que souberon transmitir en papel o meu universo visual. Foi un encontro máxico, eles souberon transmitir ese ver ao través, o clima, a paisaxe, os animais, a auga…

Neste caso, era un traballo que dediquei á miña muller Ángeles, que foi a miña muller e moito máis ca iso, a miña compañeira, musa… (os seus ollos énchense de bágoas e a respiración queda entrecortada. Hai un silencio necesario). Este traballo era unha volta a moitos lugares onde estiven con persoas que quero, espazos de tenrura, momentos de viaxes ás que fun ben acompañado, e todas as persoas que andaban canda min saben que estiveron alí. Estes lugares son territorios de memoria, espazos de emocións e non lugares físicos. A localización é o de menos. O lugar é o territorio no sentir de cadaquén.

No café comentabas que andas mergullado nunha exposición para 2022 no Canal de Isabel II, en Madrid? A miña idea é crear neste circuíto unha pequena viaxe polas imaxes da miña vida. Non podo dicir que sexa unha retrospectiva, pero o certo é que para min é un traballo que me obriga a ollar atrás e adiante todo o tempo. Teño que confesar que este espazo sempre foi dos meus favoritos. É un soño facer unha exposición alí. Tamén é unha responsabilidade, pero estou ben acompañado polas miñas comisarias Blanca Berlín e Nerea Ubieto. A verdade é que isto me xera un verme, certo medo escénico que ten un punto excitante que fai falla na vida, porque sen ese sabor picante non sucede nada interesante. Ten que haber algo que nos manteña no noso desexo para poder facer algo que tamén enganche os outros.

Como foi a túa experiencia como comisario doutros fotógrafos ferroláns, como José Pardo ou Jorge Meis? Pois grazas á amizade que manteño con eles contaron comigo para estes proxectos seus que son moi persoais. É verdade que o traballo de comisario é diferente a cando traballas para ti mesmo, tes que mergullarte no mundo creativo doutra persoa para poder transmitilo e organizalo e, ademais neste caso, era sobre un traballo de José Pardo sobre o arquitecto modernista Rodolfo Ucha. A Buxaina de Ucha, é o título do traballo, que é  precioso. Achegarme á vida de Ucha ensinoume moitas cousas. Era un home lúdico a quen lle gustaba experimentar. Desbordaba curiosidade e o seu talento é palpable en toda a cidade. Era un home vivo e activo, ecléctico nas súas formas e seguía a experimentar co que facía.  Foi un agasallo ser comisario deste traballo e descubrir este arquitecto. Isto é o máxico da fotografía! É coma un salvavidas. Permíteme atopar xente marabillosa e coñecer lugares incribles. Teño moito que agradecer á fotografía. Hai cousas que non teñen prezo.  Agora mesmo teño moitas ideas na miña cabeza que aínda non me chaman. Pero confío en que o farán. Chamarán.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail