A lingua en xogo, o outro derbi

Marta Otero / Pablo Vázquez

O ano pasado, o Instituto Galego de Estatística certificou o que xa se podía intuir ao poñer unha orella na rúa: o galego pasa a ser minoritario fronte ao castelán; un proceso de perda de falantes que preocupa especialmente na Galicia urbana. En paralelo, algo se move nas institucións deportivas das dúas principais cidades galegas, Dépor e Celta, que, se teñen a vontade, poden actuar de catalizador da cultura e do idioma. Fóra do fútbol, clubs como o Baloncesto Breogán demostran que non é necesaria revolución ningunha máis que a da constancia no emprego da lingua, puntal indiscutible da súa identidade.

O orgullo do Sur

En paralelo ao éxito futbolístico, o Celta rompeu a barreira do estritamente deportivo para alzarse como un divulgador de primeira orde da nosa cultura e do noso idioma, recibindo premios audiovisuais, culturais e de márketing. O último: o Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior. O galego está presente no día a día: redes sociais, correos, megafonía do estadio, sinalética, declaracións dos xogadores, campañas de abonados, contratos… Mesmo o equipo feminino leva por nome As Celtas. Malia que os recoñecementos están a chegar agora, o club leva xa moitos anos transitando esta senda, agás un par de anos nos que se saíron do camiño: «Neses anos o galego, a nosa cultura e as nosas tradicións perderon un pouco de presenza, por iso, por contraste, esta última etapa está a destacar máis», conta Gael García, director de márketing, comunicación e estratexia dixital do equipo vigués. Ese período ao que fai referencia Gael coincide coa chegada ao Celta de Marco Rocha que, malia ser natural de Ourense, afastouse das raíces durante os anos que estivo fronte ao departamento de comunicación. De feito, quizais o punto de maior desleixamento co idioma foi a creación dunha conta secundaria de Twitter (agora X), en febreiro de 2022 para comunicar só en galego, deixando o castelán como única lingua na principal. Algo así como a mesa dos nenos pequenos nas vodas, con menú aparte para que non molesten demasiado.

Obviando eses anos escuros, polo menos no aspecto identitario, Gael marca o 2012, ano no que o himno de A Roda se traduce ao galego, o inicio deste novo Celta máis noso. A elección da palabra «afouteza», substituíndo «valentía», marcou un camiño a seguir e ligou o club a este termo: «Desde esas sempre se traballou, igual non con tantos recursos ou con tanto foco como agora, o galego como un valor diferencial», engade. Temos como exemplos a campaña de abonados «Ensinémoslle ao mundo o significado de afouteza», o slogan «A Nosa Reconquista», vinculada á popular festa histórica viguesa, a camiseta da última tempada (Unha camiseta para un país) cos nomes de todos os concellos de Galicia estampados ou o partido no que, polo Día Letras Galegas, o Celta saíu ao Camp Nou coas palabras: furar, punteirolo, canear, biqueira, luvas, malleira, reviravolta ou canteira nas camisetas dos xogadores. Tamén se fixeron homenaxes a Rosalía de Castro, Castelao, o Entroido ou as rondallas. Esta mesma tempada a sesión de fotos da nova camiseta tivo lugar en Elepé, histórica tenda de discos local con máis de catro décadas de vida.

«Desde a elección da palabra afouteza  sempre se traballou o galego como un valor diferencial» (Gael García)

Polo xeral, o dominio común do galego é inferior ao castelán e hai máis posibilidades de cometer grallas. Así aconteceu o 23 de agosto de 2023, día no que o Celta sopraba cen candeas. O club decidiu colocar unha placa conmemorativa na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, onde un século antes se asinou a fusión do Vigo Sporting e o Real Club Fortuna para formar o Celta. O único problema foi que, en cinco liñas, cometeron ata sete erros. «Case ten máis erros ortográficos e lingüísticos que palabras», dicía con sorna o escritor e celtista Antonio García Teijeiro, que pedía que a placa fose retirada. Poucos días despois o Celta fixo caso e substituíuna, mais ficou a gralla «clubes». Para evitar este tipo de situacións, dúas das persoas máis importantes do club, a presidenta Marián Mouriño e o adestrador porriñés Claudio Giráldez, teñen por costume non facer nunca declaracións no noso idioma. «Se alguén é responsable destes éxitos vinculados á terra e a identidade é Marián, por apostar e por dar as ferramentas. Non deu o paso de falar galego pero si deu ese paso na toma de decisións. No caso de Claudio, xa comentou nalgún momento que non se sente cómodo co galego e que quere manexar ao cen por cen a súa mensaxe para que non haxa malinterpretacións», xustifican Gael e André Taboada, responsable de comunicación dixital do Celta e creador das súas redes sociais. Pola contra, o pasado mes de xuño, o director deportivo celeste Marco Garcés, nado en Cidade de México, animouse a falar unhas poucas frases en galego durante unha conferencia de prensa.

Alén de traducións, campañas e polémicas varias, o grande éxito mediático do Celta chegou, ironicamente, da man dun madrileño. A Oliveira dos cen Anos, o himno que o artista C. Tangana compuxo para o centenario do equipo vigués, foi un éxito en todos os aspectos: musical, audiovisual, corporativo, social, na venda de merchandaxe… E o máis importante: a afección acolleuno como propio desde o día un. Esa notoriedade instantánea non quita que non houbese dúbidas entre os seareiros sobre se un artista que viña de sacar un disco de raíces flamencas chamado «El madrileño» fose a opción máis idónea para representar o celtismo. «Hai poucas cousas nas que estivemos tan seguros como na escolla de Pucho (en realidade el nos escolleu a nós). Vimos a transición que fixera desde a música urbana ata a música máis folclórica, o ben que mesturou eses dous mundos. Tiñamos claro que el non ía querer replicar ‘El madrileño’ e facer un himno flamenco para o Celta», explica Gael. O verdadeiro éxito de Tangana, máis aló dos millóns de reproducións e dos premios, pode presenciarse cada dous domingos nas bancadas de Balaídos mentres os xogadores saen ao céspede. Decenas de miles de persoas, moitas delas novas, cantan os seus versos na cidade de Galicia na que menos galego se fala, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística.

Alén de traducións, campañas e polémicas o grande éxito mediático do Celta chegou, ironicamente, da man dun madrileño, C. Tangana

A música está a xogar unha baza indiscutible no Celta actual. Esta tempada actuaron, dentro e fóra do estadio, artistas como Fillas de Cassandra, Abraham Cupeiro, as pandeireiteiras de Toutón, a Rondalla de Torroso, The Rapants e Galician Army. Tamén se recuperou e reversionou o tema de Os Resentidos «Xa están aquí» para a presentación oficial de As Celtas. Quizais teña que ver que tanto Gael como André son músicos: Gael foi baixista en Hi Fi Stamina, Martynez e Basanta (unha das bandas galegas máis interesantes da última década) e André toca o violín no orixinal grupo del folk rock Batea. Ambos, ademais, actuaron no escenario máis importante de Vigo: o auditorio de Castrelos. «Non é algo premeditado, pero si que hai una sensibilidade especial pola nosa banda», explica André. O criterio para recibir unha chamada do Celta é que o proxecto «estea aliñado cos valores do club e que teña autenticidade».

Volvendo aos riscos, hai un que André e Gael teñen sempre moi presente, case como unha espada de Damocles pendurada nas oficinas da rúa do Príncipe. Poderiamos bautizalo como galegowashing, isto é, utilizar o idioma e cultura galegas como unha simple ferramenta de márketing e acabar usando todos os clixés posibles como se dunha cunca de Mr. Wonderful se tratase. Como casos hai a moreas, non é preciso poñer exemplos concretos: «Ten que ser algo natural, que saia da alma. Xa non digo cruzar a liña da comercialización, senón que nin sequera estea preto dela. É moi difícil levar un sentimento como este a unha empresa, e máis a un club de fútbol, sen caer nesas trampas. Filtramos moito as ideas, ten que haber sempre un equilibrio», conclúe Gael.
En breves comeza unha nova tempada para os celestes, e para a campaña de abonados optaron por unha soa palabra: «orgullo». Independentemente do que aconteza no verde ao longo das xornadas, nunca un termo representou tanto a un equipo e a unha afección.

O pulso do Norte

Todas as mañás, no seu camiño ao instituto, os alumnos do Rafael Dieste pasaban por diante dunha anomalía toponímica: o letreiro municipal que anunciaba, en branco sobre fondo azul, a Ronda do Real Club Deportivo de La Coruña. Unha escolla ortográfica que escenificaba os rescaldos daquel vello debate ortográfico, tantos anos latente na cidade, e agora sepultado baixo un consenso social que esixe a penúltima vitoria final: que o propio club desbote o «L» do seu nome oficial e adapte á legalidade o símbolo identitario de tantos e tantos seareiros dentro e fóra da Coruña. O «L» caeu do letreiro municipal por iniciativa dos mesmos rapaces que vían cada día aquela gralla, mais aínda non do escudo que moitos senten no peito.

Un movemento promovido por escolares aspira a que o escudo do Deportivo perda ese «L» que hai anos que lle sobra

O Rafael Dieste érguese nunha ubicación privilexiada para obrar ese cambio: entre a Rolda de Outeiro e a rúa Manuel Murguía crúzase no camiño entre aquela vía ata agora mal nomeada e o estadio de Riazor, fogar do deportivismo na cidade. Pero, ademais, o que sobra é vontade nun deses centros educativos que mesturan procedencias nas súas aulas e a lingua e o deporte actúan como argamasa social e vehículo de pertenza na cidade na que, agora tampouco, ninguén é forasteiro. Así nace o movemento «Aquí tamén se fala», promovido polos escolares do centro e que busca estimular o uso do idioma en todos os ámbitos, e rematar cos prexuízos que sosteñen que o galego non atopa acubillo nas cidades. E, tamén, coa ameaza de que tal prexuízo acabe por confirmarse.

«Nós funcionamos como un colectivo de rapaces que, ademais de ser coruñeses, a súa maioría son de orixe migrante, de familias de clase traballadora e dun dos barrios máis diversos da Coruña. Con ‘Aquí tamén se fala’ procurabamos romper os muros do instituto», conta o profesor Alberto Pombo, guía dos escolares na iniciativa, que xa deu vida a un festival de música en galego no barrio de Labañou e agora apunta máis alto nas súas aspiracións: que o escudo do Deportivo perda ese «L» que xa hai anos que lle sobra.

Unha pretensión que xa colleitou amplo apoio social e institucional, coa que se aliñaron dende o Concello ata a Deputación e a Xunta; a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, máis de 70 figuras visibles da cultura, política e sociedade galega, as peñas deportivistas e mesmo referentes branquiazuis como Alex Bergantiños. Todos, agás, polo momento, o que ten que validar esa modificación: o propio club, que aínda permanece indolente ao clamor social que se concita no estadio cada domingo. «O que dá dimensión da unanimidade da proposta é que todos os centros públicos da Coruña se sumaron. Non só os directores, senón todo o centro. Se só unha persoa das que forman parte dos centros dixese que non, que non había esa vocación maioritaria, a campaña tería sido un desastre. Isto amosa a forza da campaña», relata Pombo.

A afección deportivista aprecia e alerta do risco dun posible proceso de desgaleguización da acción comunicativa e publicitaria do club

Esa é a vontade da rapazada, con raíces aquí e acolá, pero coruñeses e deportivistas con todos os dereitos por fraguar esa transformación social que cristaliza na previa de cada partido en Riazor. Antes de cada encontro, os asistentes atoparán aos rapaces do Dieste repartindo miles de autocolantes co lema «O Dépor é da Coruña». Unha pretensión colectiva, pero que moitos xa senten propia. Partido a partido. «Co Dépor e coa lingua, os rapaces de orixe migrante atopan un espazo de identidade que nutre a súa propia, a que traen dos seus países. Con respecto á lingua, chegan aquí sen ningún tipo de estereotipo, e conseguen percibir a importancia que ten para nós. O deporte é un factor catalizador de emocións histórico», valora Pombo.

A primeira vitoria tanxible do movemento, alén dos apoios institucionais e individuais que a campaña vén recibindo dende a súa posta en marcha, téñena no mesmo letreiro que os 600 escolares do centro vían cada mañá, que agora, froito do seu perseverar, xa indica que se atopan na Ronda do Real Club Deportivo DA Coruña. E agora, no camiño ao instituto, os rapaces do Dieste saben que aquel «L» fóra de sitio tirárono eles. «Presentamos unha queixa por rexistro dirixida ao concelleiro Gonzalo Castro, que atendeu á petición. Tivemos unha reunión con el e expuxemos os nosos motivos. No centro recibiuse a nova cunha ilusión xigante. No fondo, os rapaces non deixan de constatar que o activismo é fuxir da individualidade, e que lles permite ter acción e impacto real. Os alumnos do instituto acaban de ter unha vitoria, atrévome a dicir que mesmo a nivel vital», valora Pombo.

A actual dirección do club, porén, non fai alarde da mesma sensibilidade aos cambios. Nin o referendo unánime das peñas deportivistas ao manifesto, nin o impacto social da campaña foron quen de abrir fenda na sede da Praza de Pontevedra. «Hoxe o club ten un accionista maioritario, mais o cambio non esixiría pasar por ningún tipo de consello, porque é un logo. Non esixiría, sequera, unha reforma estatutaria. É unha cuestión de vontade», lamenta Pombo, que reafirma que toda a vontade que falta no club para normalizar o topónimo, sobra no Dieste para persistir na intención. «A nosa campaña vai continuar ata que o Dépor escoite o clamor popular. Temos a evidencia absoluta de que esta demanda é maioritaria. O Deportivo vai con 40 anos de retraso ao respecto doutros equipos en cuestións toponímicas. Temos a certeza de que se vai conseguir», asevera o profesor.

A petición coincide cun momento no que se escenifica certo divorcio entre a masa social e os responsables do club, actualmente presidido por Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca e máximo accionista do Deportivo. Nos últimos tempos, a afección deportivista aprecia e alerta do risco dun posible proceso de desgaleguización da acción comunicativa e publicitaria do club, que en tempadas pasadas outorgaba peso preponderante á identidade e ao idioma como puntais. Unha pretensión que levou ao Dépor a adoitar o galego como lingua exclusiva na súa comunicación na última década; como tamén a revisionar a bandeira galega como emblema da súa segunda ou terceira equipación.

Máis recentemente, e baixo a dirección comunicativa de Gabriel Barrós, a marca Dépor fixo alarde de raíces na campaña para presentar as equipacións do curso 2023/2024, que afondaban nos vencellos coa Galicia exterior, e os lazos de ultramar que aínda unen, hoxe, a miles de galegos. Aquela celebradísima iniciativa versionaba, para presentar a camiseta ADéAmérica, o tango «Volver», na voz do histórico xogador Dagoberto Moll, para evocar a primeira vez que o Dépor levou a Galicia alén do Atlántico no ano 54. Para a segunda, ADéMigración, seguía os pasos da Galicia migrante nos versos do poema «Adiós Ríos», de Rosalía de Castro, ao ritmo do son cubano, como envoltorio para unha camiseta que levaba impresos, na franxa azul da bandeira galega, os nomes de todos aqueles países edificados sobre o esforzo dos miles de galegos migrantes.

A terceira, ADéBrasil, celebraba a unión inquebrantable con aquela selección canarinha coa que Bebeto e Mauro Silva compaxinaron cores nos seus mellores anos como branquiazuis, nunha lingua que sona a común. A sensibilidade co idioma continuou co relevo, na dirección comunicativa, de Mercedes Cernadas, na tempada que certificou o ascenso do equipo a Segunda División tras catro anos na terceira categoría. Desta vez, si recibiron na praza de Pontevedra aos rapaces do «Aquí tamén se fala»; unha colaboración da que agromaron unha serie de vídeos que deixaban constancia do uso normalizado do galego na sede do deportivismo.

Agora son varias as voces que atribúen, dende a afección, a perda de sensibilidade co idioma ao xiro comunicativo emprendido polo actual equipo, encabezado polo xornalista deportivo Manu Sainz. Unha aterraxe que suscitou contestación social crítica entre socios e simpatizantes, que entendían que Sainz, declarado deportivista, mais ligado a medios da esfera madridista como o Diario As ou espazos de opinión deportiva como El Chiringuito, non remataba de entender a idiosincrasia do club cuxa proxección exterior agora pilotaba. Unha percepción que, porén, aínda pode reverterse. Namentres, os rapaces do Dieste agardan, pacientemente, data para esa reunión.

Máis alá do fútbol

Malia seren as dúas institucións deportivas máis representativas do país, e co peso de operar en áreas urbanas con risco grave de perda de falantes, Dépor e Celta non son as únicas que emprenderon iniciativas en prol da lingua ou a cultura galegas. Público e sólido é o compromiso de deportes minoritarios, mais con predicamento en Galicia, como o fútbol gaélico, que opera dende a súa concepción como vehículo de transmisión da tradición e o idioma. Un compromiso que referenda a alianza da Asociación Galega de Fútbol Gaélico con PuntoGal, que fornece, co seu patrocinio, a aquelas entidades que desenvolven actividades vencelladas á cultura, á lingua, á tecnoloxía ou ao deporte galego; definición que encaixa nos valores desta práctica deportiva, que afonda ademais na conexión con outras nacións culturalmente afíns, como Irlanda.

A sensibilidade coa lingua e a cultura está presente, tamén, noutras prácticas deportivas menos estendidas, mais con arraigo no territorio. Como exemplo, a Federación Galega de Automobilismo, que asinou recentemente un convenio coa Xunta para promover o uso do galego no ámbito deportivo mediante a divulgación da campaña autonómica «Saca a lingua que levas dentro». A través do convenio, a Federación comprometíase a consolidar e impulsar o galego nas súas actividades, nas que se contan campionatos rexionais de rallyes, montaña, rallysprint, rallymix, karting, autocrós e slalom.

Porén, en Galicia hai clubs que non precisaron dunha revolución comunicativa nin un compromiso publicitario coa lingua, integrada con naturalidade, dende hai anos, na súa identidade. É o caso do Club Baloncesto Breogán, primeira institución deportiva da cidade e a comarca de Lugo, e un dos primeiros organismos profesionais en pasar ao galego na súa política de comunicación. «Nós comunicamos dende hai moitos anos en galego. Somos pioneiros, como club deportivo, en comunicar en galego nas redes sociais, cando a comunicación forte empezou a facerse dende alí», explica o responsable de comunicación do club, Marcos Fernández. A influencia referencial da determinación materialízase na identificación dos propios seareiros co idioma en todo o que teña que ver co Breo, no que non colle outra escolla lingüística. «Hai xente que non é galegofalante, ou que non fala galego habitualmente, pero que, cando escribe en redes sobre o Breogán, faino automaticamente en galego», ilustra Fernández.

Un compromiso natural e sostido no tempo que comezou hai máis de tres lustros, cando a institución deu o paso de facerse neofalante na esfera pública, o que supuña, de facto, pasar a empregar exclusivamente a lingua materna de gran parte da súa afección, co respaldo dos seus patrocinadores. A decisión mantívose inmutable mesmo co ascenso do Río Breogán á ACB, máxima categoría do baloncesto estatal ou a súa participación en competicións europeas. Un escenario no que non houbo temores a unha castelanización motivada pola falacia aquela de facerse entender. «As institucións que nos apoian acollérono ben. Cando pasamos a xogar na ACB, descartamos facer comunicación en galego e castelán, como fan algúns equipos co catalán. Pensamos que é un idioma que se entende ben, e, se non, non temos problema en aclarar o que sexa necesario», sinala Fernández.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail