Non viron o apaixonante debate sobre o estado da autononosa? Non se preocupen, o noso equipo tertuliano habitual –Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro– si (ou polo menos unha parte cualificada del), e xa lles contan. O que máis lles chamou a atención é que o presidente-por-accidente Alfonso Rueda, parecía máis enfadado do que debería estar alguén que ten unha maioría cómoda na cámara, e cunha única persoa nela, Ana Pontón, que será candidata nas vindeiras eleccións galegas a ocupar o seu posto.
Tamén falaron do inaudito recurso presentado polo Goberno central á lei galega que pretende regular os usos no litoral de Galicia. Un recurso inaudito porque esa é unha competencia recollida no vixente Estatuto de Autonomía, e en todo caso, o raro é que nunca se tivera feito unha lei reguladora. Claro que nunca antes se pensaba que o litoral podía ter un retorno económico máis alá da pesca…
E por último comentaron ás carreiras –Marta Otero tiña que coller un tren–o caso de Gonzalo Jácome, o alcalde de Ourense que pretende estar presente, só ou en coalición con outros, no vindeiro Parlamento de Galicia.