Lingua de fantasía

O ano pasado vin as tres películas de O Señor dos Aneis coa miña nai. Eran unhas películas que ela tiña pendentes de ver, e a min xa me tocaba darlles un repaso, así que en tres noites consecutivas sentamos no sofá do salón, ben enmantadas. A miña nai estaba máis faladora do habitual (xeralmente vexo con ela as películas en completo silencio), polo que tiven o inmenso pracer de desfrutar a experiencia de ver a película un pouco a través dos seus ollos: «Como corre o vello», comenta, vendo a Gandalf correr. Falamos sobre se seriamos elfas, ananas ou hobbits, aburrímonos un pouco nas escenas de batallas interminables e non nos durmimos unha soa vez. «E esta xente, onde caga?», pregunta, vendo a centos de habitantes de Rohan entrar no Abismo de Helm. «Como que onde cagan, mamá?», dígolle eu, entre a risa e a confusión. «É moita xente metida nun burato. Se non teñen onde desfacerse dos residuos van enfermar todos». A día de hoxe sigo sen poder responderlle. Razón ten.

O caso é que desfrutei moito vendo O Señor dos Aneis coa miña nai. Só tivemos un pequeno conflito: a min gústame ver as cousas en versión orixinal, estean na lingua na que estean. Non me refiro a que pense que a versión orixinal sempre sexa mellor, só que me afixen a ver as cousas desa forma e agora velas dobradas resúltame un pouco estraño. Á miña nai supoño que lle daría igual ver as cousas en versión orixinal, se non fora porque non ve ben os subtítulos, así que tivemos que ver as tres películas en castelán. «Tanto che molesta?», pregunta ela. «É que xa sei que voces teñen os actores en inglés!», digo. «Bueno, muller…».

Porén, aconteceu un pequeno milagre. Fixeron unha «precuela» de O señor dos aneis titulada Os aneis de poder. E cando saíu o primeiro capítulo, atopeime coa noticia en todas as miñas redes: «Os aneis de poder está dobrada ao galego!». Case nin o podía crer, e decontado informei á miña nai. Así que agora, cada dúas semanas ou así, miña nai e mais eu sentamos no sofá (sen enmantar, porque aínda vai calor) e vemos un capítulo da nosa serie de fantasía, con actores cuxa voz en inglés non coñezo. E non esperaba que a experiencia me fose gustar tanto. Aprendo palabras novas en cada capítulo, pero coñezo o significado de cada unha desas palabras nada máis as escoito: «corricar», «trilar», «devagar», «sollado». Cando acabo de ver cada episodio, síntome como se acabara de atopar un par de pezas máis do crebacabezas incompleto que é a miña propia lingua.

Fixeron unha «precuela» de O señor dos aneis titulada Os aneis de poder. E cando saíu o primeiro capítulo, atopeime coa noticia en todas as miñas redes: «Os aneis de poder está dobrada ao galego!». Case nin o podía crer, e decontado informei á miña nai. Así que agora, cada dúas semanas ou así, miña nai e mais eu sentamos no sofá (sen enmantar, porque aínda vai calor) e vemos un capítulo da nosa serie de fantasía, con actores cuxa voz en inglés non coñezo.

Non falo galego ben, pero ver a miña lingua convertida no que sempre souben que debía ser é liberador: unha lingua de fantasía, unha lingua de batallas épicas e viaxes extraordinarias, unha lingua de maxia e política e romance. Din por sentado o ben que fan pola lingua as dobraxes do Xabarín Club. Nunca as cuestionara. É só agora, anos máis tarde, que me decato do tesouro que tiñamos entón. Non é xusto que con 25 anos lle teña que estar agradecida á corporación máis malévola do planeta Terra por darme faragullas da lingua da miña nai. Non é xusto que isto sexa algo tan excepcional. Quen me dera ver as batallas épicas, a maxia e os romances da forma que me gusta: en versión orixinal. Con personaxes que se chaman Antía e Xoel. No salón, coa miña nai. Sen subtítulos.

Pero, de momento, conformareime con Galadriel e Arondir. Intentarei non fixarme moito no feito de que o que estou vendo é unha dobraxe. E algunhas palabras vellas, pero novas para min, atoparán o seu camiño aos meus beizos. Devagar. Corricando.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail