O Parlamento Europeo debaterá o mes que vén as denuncias dos colectivos que se opoñen á macrocelulosa de Altri

A Coruña.- A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo estudará no seu primeiro pleno do mes de outubro as denuncias dos colectivos que se opoñen á macrofábrica de pasta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea levantar xunto ao río Ulla en Palas de Rei, na comarca lucense da Ulloa.

A Comisión admitiu a trámite a petición desas asociacións a través da eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, que o pasado abril organizou unha visita a Bruxelas que lles permitiu contactar e entrevistarse con eurodeputados, funcionarios e cargos da Eurocámara e da Comisión Europea.

«Empezamos o curso cunha moi boa noticia para Galicia, e é que acabamos de conseguir que as demandas das plataformas contra Altri sexan tratadas polo procedemento de urxencia o próximo 3 de outubro», dixo Miranda, segundo unha nota difundida polo BNG.

Os sindicatos e os colectivos ecoloxistas, veciñais e sociais que se opoñen á fábrica, agrupados ao redor da Plataforma Ulloa Viva, aos que se uniron as mariscadoras de Arousa —o Ulla desemboca nesa ría—, queren convencer a Bruxelas de que non o financie con fondos comunitarios, como pretenden a empresa, a Xunta e o Goberno.

Rede Natura 2000

Os plans de Altri son levantar un macrocomplexo industrial que ocupará dez veces a superficie da celulosa de Ence en Pontevedra, xunto ao Camiño de Santiago. Situarase a poucos centenares de metros de varios núcleos poboados e nunha zona lindeira con áreas ecolóxicas da Rede Natura 2000 da Unión Europea, que a Xunta se comprometeu tamén a  protexer hai menos de tres anos.

A fábrica contará con tres plantas de produción química e con almacéns e depósitos de compostos perigosos, así como con varias caldeiras e fornos para a combustión de madeira. Consumirá 1,2 millóns anuais de toneladas de eucaliptos e 46.000 litros diarios de auga do Ulla, a cuxo leito devolverá 30.000 litros a diferente temperatura e depurados, pero aínda contaminados.

Imaxe da manifestación do pasado domingo 26 de maio en Palas contra a celulosa de Altri / Fotro: Ulloa Viva

Unha cheminea de 75 metros emitirá á atmosfera os gases e partículas tóxicas derivados do proceso de fabricación de celulosa e 60.000 toneladas ao ano de CO2, o equivalente aos que producirían máis de 21.000 vehículos de gasolina.

Altri, que presentou o seu proxecto en España a través da consultora Acento Public Affairs, propiedade dos exministros José Blanco (PSOE) e Alfonso Alonso (PP), planea investir 800 millóns de euros en Palas que crearán, asegura, ao redor de 2.500 empregos directos e indirectos.

Fondos europeos

A empresa espera conseguir ata 250 millóns de euros dos fondos para proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) con cargo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión.

O pasado marzo, en resposta a unha pregunta parlamentaria de Ana Miranda, o comisario de Economía, o italiano Paolo Gentiloni, advertiu de que calquera proxecto que pretenda acollerse a esas subvencións debe garantir o principio de «non causar un prexuízo significativo» e «o cumprimento da lexislación da UE en materia de medio ambiente».

Bruxelas alerta de que o proxecto de Altri non terá fondos europeos se non cumpre a lexilacion ambiental da UE

Tres meses despois, en resposta a outra pregunta da entón eurodeputada de Podemos Eugenia Rodríguez Palop, o comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius (Lituania), respondeu con argumentos similares.

O pasado 4 de setembro, o eslovaco Maros Sefcovic, vicepresidente da Comisión e responsable do Pacto Verde Europeo, asegurou tras outra pregunta de Miranda alegando que a información facilitada ata o de agora á Comisión non permitía «observar ningunha infracción» das directivas sobre emisións industriais e sobre a avaliación de impacto ambiental «nesta fase temperá do procedemento».

Informe do Consello da Cultura Galega

Hai unha semana, o Consello da Cultura Galega, un organismo estatutario da comunidade con competencias de asesoramento á Administración autonómica, formado por institucións culturais, academias, universidades, fundacións e centros de investigación especializados, publicou un informe de expertos e expertas que desaconsellan a instalación da celulosa.

Varios cargos da Xunta e do PP desacreditaron o estudo, incluído o seu presidente, Alfonso Rueda, a pesar de que, como recoñeceu posteriormente, non o leu. A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, chegou a dicir sobre quen se opón á factoría: «Se fora por eles, aínda iriamos en taparrabos».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail