María Casares non quería morrer

«Nós levaremos o peso destes tempos tan tristes. Diremos o que nos saia do corazón e non o que deberiamos dicir». Foi un dos seus últimos grandes papeis. María Casares, sempre na fura de diante, interpretando o rei Lear, dous anos antes de falecer, en 1996. Quen interpretaba o personaxe de Shakespeare podía ser, ela propia, o eixe mítico dunha obra no grande escenario do mundo. E o punto cero desas coordenadas foi Galicia. Non só no sentido de berce, de lugar natal, senón tamén de terra nai, de escola da ollada e espazo xerminal do afecto e a perda. Un dos significados de exilio é o de ser expulsada do entrañábel. Todo isto non é retórica de centenario. María Casares (Vitola, de nena) naceu na Coruña o 21 de novembro de 1922. E os dous fogares iniciáticos do entrañábel foron a casa da rúa Panadeiras, 12, e o paraíso de verán en Vila Galicia de Montrove, en Oleiros. Unha psicoxeografía da república dos soños que a maquinaria do terror golpista espoliou e converteu en deslugar e territorio do escarmento. A excitación destrutiva do odio levou ao intento de borrar no rexistro a partida de nacemento de Santiago Casares Quiroga, nun dos capítulos da historia da infamia que a xente de ben sufriu pola España facciosa. María Casares renegaba da nostalxia, pero non da memoria contra o esquecemento. Por iso a referencia á importancia xerminal, ese almeiro do entrañábel, que foi para ela Galicia, non ten nada de oportunismo retórico para quen está soterrada en terra de exilio. Todo iso está en declaracións, en entrevistas, en cartas, mais sobre todo nun dos mellores libros de memorias publicados no século XX. Aí está a súa vida, contada cunha escrita tan sutil e valente que semella termar, como di Lear, de «todo o peso destes tempos tan tristes». E dicir o que dite o corazón de tal xeito que nese grande escenario do mundo vemos a enerxía invencíbel da fraxilidade loitadora e creativa. Así o dicía ela, tamén en honor de quen foi compañeiro e amante, Albert Camus, unidos pola «vulnerabilidade duplicada de forza que doa o exilio». María Casares naceu dúas veces. Unha, en Galicia. Outra, no mítico Théâtre des Mathurins, onde representou a súa primeira obra como actriz profesional, interpretando Deirdre dos pesares, unha obra irlandesa de Synge. Unha historia de coraxe e re-existencia. Dende ese intre non deixou de seguir o ronsel dos versos do seu amigo René Char en Común presenza: «Apúrate a deixar na vida a túa parte de marabilla, rebeldía e solidariedade». O resultado: unha herdanza maxistral, no teatro e no cinema. ¶ Non, non debería haber lugar para discursos tópicos, edulcorados, e para nostalxias centenarias. ¶ María Casares dixo: «Ben, e logo está Galicia. Con Galicia nunca me puxen en orde. E quero ficar en desorde. É a infancia». ¶ Ficar en desorde! Que mellor xeito de ficar?

Retrato de María Casares cunha boneca (1924-1925). Augusto Portela (Arquivo do Reino de Galicia).
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail