A empresa denegou a petición sen sequera escoitar á traballadora, que presentou denuncia na policía e que conta con dous partes médicos de lesións compatibles cun suposto de violencia de xénero no ambito laboral
A Coruña.- A empresa de seguridade privada Prosegur negouse a activar o seu protocolo de acoso por razón de sexo no caso dunha vixiante que denunciou a un compañeiro por insultala, vexala e tentar atropelala co seu coche, e gravala despois en vídeo mentres a mantiña inmobilizada e aterrorizada. A dirección considera que a suposta agresión foi «un incidente illado» que non se corresponde coa tipificación da figura de acoso que recolle o seu Plan de Igualdade.
Os feitos ocorreron na noite do pasado venres 20 de agosto no campus da Universidade de Vigo en Ourense, onde Prosegur se encarga das tarefas de vixiancia de varios edificios. A compañía denegou a apertura do protocolo o martes 24 de agosto, apenas catro días despois da denuncia, cunha fin de semana polo medio e sen sequera dar audiencia á traballadora, a pesar do atestado policial levantado no lugar dos feitos, dos dous partes médicos de lesións que achegou a vítima e da petición expresa que fixo o seu sindicato á dirección.
Prosegur afirma que segue investigando o suceso e que encargou esa tarefa a un consultor externo, aínda que tres semanas despois da agresión ninguén contactou coa muller, que se atopa de baixa. A defensa legal da vítima asegura que o caso foi xa remitido ao xulgado.
Segundo a denuncia que a traballadora presentou á policía a mesma noite dos feitos, cando acudiu a dar a substitución a un dos seus compañeiros no campus e tras establecer conversación con el, este comezou a insultala con expresións e xestos machistas. Ela recriminoulle a súa actitude e, durante a discusión, impediulle pechar a porta do coche e bloqueou a porta do garaxe no que se atopaban. Entón o home empezou a agredila e, cando ela sacou o móbil coa intención de gravar a agresión, o garda empuxouna e arrebatouno.
O home meteuse no seu coche e tentou atropelala, e cando ela introduciu os brazos polo ventá do copiloto para recuperar o seu teléfono, pechouna aprisionándoa, e empezou a conducir marcha adiante e marcha atrás arrastrándoa polo chan. Logo, baixouse do vehículo e, tras chamar aos seus xefes, gravouna co seu propio teléfono, increpándoa mentres facía xestos obscenos cando ela seguía inmobilizada coas mans atrapadas pola ventá.
A muller, que se ouriñou encima a causa do medo, conseguiu chamar á policía co teléfono dun compañeiro que acudiu ao lugar, pero que non a auxiliou. Segundo a denuncia, un dos axentes do corpo nacional de policía puido visionar o vídeo que o garda gravara no seu móbil e ofreceuse como testemuña para dar conta do seu contido. Vendo o estado da vítima, os axentes chamaron a unha ambulancia que a asistiu e que a trasladou posteriormente ao servizo de urxencias dun ambulatorio do Servizo Galego de Saúde.
En Urxencias atendérona por «lesións presuntamente producidas por violencia de xénero física e psíquica» con «sospeita de episodio de violencia verbal e física no ámbito laboral», tal e como figura no parte médico, ao que tivo acceso Luzes-Público. Os médicos diagnosticáronlle ademais «crise de ansiedade secundaria a episodio de violencia no ámbito laboral».
Tras saír do ambulatorio, a muller acudiu inmediatamente a outro centro sanitario privado, onde lle diagnosticaron unha crise de ansiedade, «medo e nerviosismo» e «mazaduras e escoriacións en antebrazos, pulsos, dorsos das mans e dedos e contusións en coxas e xeonllos», causadas «por episodio de suposta violencia en área laboral».
O luns 23 ao mediodía, a Confederación Intersindical Galega (CIG), o sindicato ao que está afiliada a traballadora e para o que exerce tamén como delegada no comité de empresa, reclamou a Prosegur «a activación inmediata do protocolo de actuación fronte a situacións de acoso laboral». Ao día seguinte, martes, a dirección da empresa en Madrid respondeu por escrito que «o incidente» (sic) «non é constitutivo de ningún tipo de acoso» debido a que se trataría dun «incidente illado e non unha acción sistemática ou recorrente no seo da relación de traballo».
Na resposta da dirección de relacións laborais de Prosegur, á que tamén tivo acceso Público, a empresa advirte de que «non se procederá á apertura de procedemento ningún de situación de acoso laboral, quedando a compañía á espera da investigación interna do departamento de operacións, e das actuacións dos tribunais de xustiza». Na misiva, a dirección recoñece «a gravidade dos feitos denunciados», pero como única medida efectiva para protexer á muller, ordena que ela e o seu presunto agresor «non coincidan no lugar de prestación de servizos».
Non foi ata ao día seguinte, e unha vez denegada a activación do protocolo, cando Prosegur reclamou por carta á súa empregada que lle envíe un «informe detallado» sobre «o altercado» (sic). Nesa carta ínstalle a achegar as probas das que dispoña «nun prazo máximo de 72 horas». Así o fixo ela, pero transcorridas dúas semanas desde entón, ninguén se interesou pola súa versión ou pola súa situación, e a empresa non adoptou ningunha medida disciplinaria ou preventiva contra o seu presunto agresor.
Prosegur, que entre os seus produtos comerciais oferta protección para vítimas de violencia machista, define a figura de «acoso por razón de sexo» no seu Plan de Igualdade 2019-2023 como «calquera comportamento realizado en función do sexo dunha persoa, co propósito ou o efecto de atentar contra a súa dignidade e de crear un entorno intimidatorio, degradante ou ofensivo».
Luzes-Público preguntou á empresa por que considera que os feitos denunciados pola súa empregada non se corresponden coa literalidade desa figura, por que se arquivou a petición de activación do protocolo sen sequera escoitala, e por que non se puxeron en marcha outras medidas destinadas a protexela máis aló de non facela coincidir co seu presunto agresor no seu posto de traballo.
A empresa non aclarou eses extremos e asegura que, a pesar de non activar o protocolo de acoso, dispón de mecanismos sancionadores «que van máis aló da lexislación», como o despedimento disciplinario, se a súa investigación interna demostra que os feitos son certos.
Da resposta de Prosegur a Luzes-Público con todo, tamén se deduce que a dirección da empresa adoptou unha posición de equidistancia xa que atribúe o caso «ás denuncias cruzadas de CIG e UGT relativas a un posible suposto de acoso entre dous afiliados dos citados sindicatos».
Sucede que o presunto agresor é afiliado a UGT, aínda que fontes dese sindicato negaron que se trate dun asunto motivado ou relacionado con discrepancias coa CIG ou coa adscrición sindical de ningún deles. Con todo, recoñecen que ampararon a versión do seu delegado, quen, á súa vez, denunciaría á muller en comisaría e diante da empresa por sentirse «totalmente prexudicado» pola situación.
Esas mesmas fontes de UGT, con todo, non quixeron aclarar que feitos precisos denuncia o seu afiliado nin que probas ou testemuñas achegou e, fronte á carga de proba que si presentou a denunciante perante o xulgado e na empresa, preferiron situarse tamén nunha posición de equidistancia entre vítima e presunto agresor.
Luzes-Público tamén pediu a opinión da Universidade de Vigo, en cuxo campus de Ourense sucederon os feitos. Fontes da institución aseguraron que non teñen constancia oficial do que pasou porque ninguén se dirixiu a ela, aínda que aseguraron que solicitarán información respecto diso. «A Universidade de Vigo está comprometida coa igualdade e rexeitamos calquera tipo de agresión machista», indicaron.