Un relato de mulleres nas minas do Bierzo

Menos coñecida que a dos homes, a das mulleres mineiras é unha historia por escribir. Aos riscos asociados a este duro labor, para elas ademais vivir da minaría levaba aparellados problemas, dificultades e desigualdades relacionadas co seu xénero. Este é un relato de supervivencia escrito a partir das memorias de tres mulleres que viviron e traballaron na conca mineira berciana.

«Prefiro que morras e non verte mineira». Así respondeu a Úrsula a súa nai cando lle transmitiu a decisión de traballar na mina. Non lle faltaban motivos: as minas foron, dende a antigüidade, territorio de escravos e delincuentes condenados a pagar nelas as penas; se ninguén desexa enterrarse en vida, quen querería facelo, con máis motivo, entre escuras e húmidas galerías sen ventilación onde o po é a única materia respirable e onde as temperaturas poden chegar aos corenta graos? A resposta é tan obvia que non merece a pena escribila. Pese a todo, a nai de Úrsula non lle trasladou tan duras palabras aos seus outros dous fillos cando decidiron picar nas máis negras entrañas da terra –o cal non significa que lle entusiasmara a idea–. Díxollo concretamente a ela porque sabía que, se as condicións dos mineiros eran xa de por si deplorábeis, máis o eran aínda as das mineiras, en feminino: en efecto, as mineiras, como tamén desde antigüidade lles sucede ás pobres e escravas, levaban aparelladas ás desgrazas dos seus labores todas as que corresponden, amais, ao seu xénero.

As mineiras, como tamén desde a antigüidade lles sucede ás pobres e escravas, levaban aparelladas ás desgrazas dos seus labores todas as que corresponden, amais, ao seu xénero

Hoxe, na súa pequena aldea situada no Bierzo, comarca cunha forte e idiosincrática tradición mineira, Úrsula aínda conta cunha sorprendente enerxía para relatar a súa triste historia. «Diñeiro nunca tiven, mais traballo sempre me sobrou», di a que naceu pouco antes de que explotase a guerra civil, e que viviu na súa plenitude a época inmediatamente posterior de ditadura e de boom da industria carbonífera, toda unha inicua combinación e desenvolvemento das formas máis despóticas de poder.

Mina no val do Boeza, onde se ambienta el relato, concretamente do lavadoiro. Esta era unha das seccións onde máis traballaban as mulleres. Aquí encargábanse de escoller entre todo o carbón que se extraía: separábase o mineral que interesaba e desbotábase o outro. Unha das tarefas máis importantes era quitar a lousa, que non era de interese.

Dous irmáns de Úrsula, os maiores entre os sete que eran, morreron tres semanas antes de que ela considerara armarse co pico e mergullarse no inferno. Marcharon xuntos a causa dun fallo nun vagón que cargaran o día anterior e que desequilibrou os cadros das galerías, facendo que todo o alto teito –ou o profundo chan, segundo o punto dende o que se mire– caese violentamente sobre eles. Un accidente máis, entre os tantos que se producían. «Cousas do oficio». Úrsula tiña entón catorce anos e converteuse así na maior dos cinco irmáns que quedaban. Encargouse de acompañar a súa nai nas fauces da mina durante as vinte e catro horas dos catro días e as tres noites que durou o rescate; velou con ela polas súas ánimas e, finalmente, prepararon xuntas a cerimonia que devolvería ás profundidades os seus corpos. Tal era o ritual das nais ás que os pozos lles arrebataban os fillos –ou os maridos, chegado o caso–. Velaquí o paradoxo segundo o cal as mulleres perdían os seus bens máis preciosos a causa do traballo. Úrsula botouse ao monte aos poucos días, co loito posto, e intentou axudar economicamente á familia como pastora, pois a nada chegaban as 300 pesetas que cobraba o seu pai, mineiro retirado, e coas que o propietario da mina quedaba case na súa totalidade no economato, que tamén el posuía. Mais o emprego non lle durou demasiado: ao feito de que a remuneración non era suficiente sumábase o de que os nenos –porque, en fin, isto é o que ela aínda era– tiñan medo aos camiños tras recibir o sinal de precaución de que «por eles andaban os roxos».

Dous irmáns de Úrsula morreron tres semanas antes de que ela considerara armarse co pico e mergullarse no inferno. Marcharon xuntos a causa dun fallo nun vagón que cargaran o día anterior e que desequilibrou os cadros das galerías

Por tanto, só tres semanas pasaron dende que se enfundou o negro loito ata que baixou con el a mancharse cada milímetro do seu púbere corpo da mesma cor. De nada valera a tremenda declaración da súa nai; os estómagos dos que vivían naquela casa alzaron a súa voz por enriba do consello da proxenitora. As súas palabras, porén, seguiron reproducíndose durante moito tempo despois. Cada día que Úrsula. ía ao traballo, parecían ser pronunciadas polas mesmas pedras do carbón, imitado o seu ritmo polo do pico contra a roca, ou repetidas incluso polos paxariños que asubiaban no camiño á mina. Pero, aínda máis, oíanse nos lascivos asubíos dos seus compañeiros e xefes, que se amparaban na súa maioría e no salvaxismo e o desarranxo do escenario, así como no factor de que moitas eran menores, para exercer os seus abusos sobre elas. E, pese a súa curta idade, estas condicións e o propio tipo de traballo que lles tocaba exercer rapidamente arrebatáballes a súa candidez, substituíndoa por un frío e calado sometemento. Os compañeiros eran demasiado rudos como para encararse con eles, e moito menos cabía imaxinar rebelarse contra os xefes: ao contrario, xa que as mulleres cobraban menos que os traballadores do sexo oposto, podemos imaxinar cal era a única forma que atopaban, tristemente, de ganar un miserable extra. E Úrsula, xa case entre bágoas, non pode esquecer a frase que tantas veces lle repetía un dos seus superiores: «Ven, bonita, ven aquí, imos a apartarnos para limparche esa cariña tan negra…».

Oíanse os lascivos asubíos dos seus compañeiros e xefes que se amparaban na súa maioría e no salvaxismo e o desarranxo do escenario, así como no factor de que moitas eran menores, para exercer os seus abusos sobre elas

Xa vemos que a minaría, pese á crenza xeneralizada, ten de feminino moito máis que o xénero da palabra. De feito, cabe sinalar que, en certos momentos, a man de obra das mulleres foi especialmente demandada: elas, como diciamos, cobraban a metade por facer o mesmo traballo e, ademais, non se emborrachaban como adoitaban facelo eles, nin daban lugar a tantos nin tan fortes conflitos. A moral da época e as convencións sociais sobre a feminidade, que as incitaba a comportarse con submisión, indulxencia e decoro, establecían unha firme barreira a que se propiciaran ditas circunstancias. Por outro lado, hai que ter en conta que a forza de traballo masculina reducírase notablemente tras a guerra civil, entre os mortos en combate, primeiro, e os republicanos exiliados, escondidos e asasinados, despois. Como acertadamente comenta Úrsula, «dicían que o traballo da mina non era para mulleres… pero ben que te poñían a facelo!». Tal era a situación xeneralizada non só na súa aldea, nin unicamente no Bierzo, senón tamén noutras rexións mineiras como as de Asturias ou Euskadi (coas súas particularidades). Cóntanos con pelos e sinais os detalles concretos da súa zona, dando incluso o nome das mulleres do val que ían a unhas e outras minas. A súa memoria é moi dura e resistente, moito máis que a antracita. Con todo, cando chegamos á pregunta de a que idades o facían e durante canto tempo, non deixa de proporcionar unha resposta que nos fai estremecer: «Ían as que non estaban casadas… total, que íase toda a vida: dende nova, aínda solteira, para volver ao pouco tempo xa de viúva». E cando volvían moitas veces era pra ocupar o posto do marido, que lles valía para poder comer cada mes e non verse baixo a ameaza de perder ata as súas casas –porque as pertenzas que tiñan non eran deles, senón do propietario da mina, e este só as cedía mentres traballaban, provocando así que moitas mulleres se arriscaran a quedar sen nada chegada a morte dos seus homes–.

En certos momentos, a man de obra das mulleres foi especialmente demandada: elas cobraban a metade polo mesmo traballo e non se emborrachaban nin daban lugar a tantos nin tan fortes confitos

Non obstante, as mulleres non só traballaban no interior das escavacións. De feito, temos que recoñecer que estas eran unha minoría. O groso do traballo feminino na mina encontrábase nos numerosos labores do exterior, como o cribado, o lavado, a carga dos camións e o carbón… Todo elo condúcenos á historia de Luisa, cuñada de Úrsula e casada cun dos seus irmáns pequenos, quen nunca puido volver traballar tras perder un brazo aos dous meses de entrar na mina. Luisa, non obstante, non necesitou mergullarse no pozo máis dunha vez: ao coincidir a súa primeira e última experiencia subterránea cun recente accidente dunhas mozas da aldea, que morreron dentro, dicía que non podía soportar estar no interior porque elas aparecíanselle en cada milímetro das galerías. Tivo sorte, como quen di, e conseguiu que a contratasen para traballar fóra. Así, pasou máis de quince anos da súa vida entre o frío, o po e os charcos, mais cando menos, dende a súa posición vía o ceo cando miraba cara arriba. E, entre tanto, Úrsula, que lle levaba dezasete anos, facía por Luisa as súas tarefas domésticas e coidáballe dos fillos –só despois de que o maior dos dela puidese ir á mina para relevar a súa cada vez máis corcovada nai no seu miserable posto–.

En efecto, Úrsula camiñaba todos os días os seis quilómetros que separan a aldea daquela na que Luisa vivía, e os mesmos seis que á volta aínda afastaban a esta da súa. E seguía camiñando e camiñando en cada unha das localidades, non o esquezamos, pois non contaba con outro medio pra chegar aos diversos prados, perdidos e esparexidos ao longo do xigantesco monte, e ás agrestes ribeiras onde puidera lavar a roupa. Porque os labores e o sacrificio das mulleres nunca finalizaban. Máis alá das rudas e arduas tarefas que debían levar a cabo no seu posto de traballo, o resto da rutina non era precisamente ocioso: de levantarse da cama a ir buscar a comida para o gando, dirixirse a alimentalo, recorrer longas distancias ata chegar á mina e a desfacer o andado, día tras día, para regresar; a traballar no campo segundo o que tocase en cada estación, e volver atender e alimentar o gando antes de que chegase a noite. As fins de semana, lavar a roupa, facer comida abundante que durase para os días seguintes, limpar a casa, e atender brevemente os fillos, xa que o resto de días apenas se vían uns poucos e intermitentes minutos. E, para a que aínda contara con tempo e ganas, sempre estaba a opción de acudir á escola nocturna. Todo isto, claro, en épocas normais, sen imprevistos ou tarefas engadidas. Ninguén descoñece, en calquera caso, as duras condicións do traballo rural e campesiño, polo que non fai falla entrar en maiores detalles sobre elas.

O verdadeiramente destacable é cómo a industrialización –neste caso falamos da industria carbonífera, aínda que nos resulte máis próximo o exemplo doutros casos como o traballo no mar– afectou ao medio non urbanizado. As mulleres da aldea que non se empregaron na mina –é dicir, principalmente as casadas, que constituían a maior parte das adultas entre vinte e corenta anos–, en paralelo ao que ocorría nos demais lugares de similares circunstancias e características, encargábanse tamén das dúas cantinas da localidade, da educación a domicilio, do racionamento… Quén ía facelo se non mentres os homes estaban enterrados nas minas? Na aldea de Úrsula, incluso era unha muller a que os domingos daba a misa. Pero non crean que a existencia destas era moito máis fácil que a das outras; en ningún caso o era vivir no medio que a minaría deixa na parte habitable da terra, na que se estende por enriba dos pozos.

Jacinta non entrou á mina, pero sempre viviu rodeada de quen si o fixo. Mentres eles se adentraban na cortiza, foi a elas ás que lles tocou encargarse do que ocorría na superficie: sementar patacas cos fillos no lombo, construír ela a súa casa, andar polo monte de madrugada buscando xestas

Jacinta non levou a cabo xamais o traballo industrial. Nunca entrou á mina, é certo, pero viviu sempre rodeada de quen si o fixo: o seus avós, seu pai, os seus tíos, seus irmáns, seus fillos… E mentres eles se adentraban na cortiza, foi a elas: a súa avoa, súa nai, as súas tías, súas irmás e a súa filla, en efecto, ás que lles toucou encargarse do que ocorría na superficie. Jacinta lémbrase de sementar patacas cargando cos fillos pequenos no lombo, atados cun cordel; lémbrase de ir a buscar pedra e area, co pico, a pala e a criba ao ombro, e posteriormente construír con dito material a que aínda hoxe é a súa casa; lémbrase de andar polo monte as fins de semana ás catro da madrugada, ás escuras, buscando xestas, para así poder pasar preto da casa o resto do día… porque sobre todo lembra, con moita dor, como o traballo na mina levaba aos homes, máis tarde ou máis cedo, a depender do bálsamo do alcohol, quen sabe se buscando nel forzas, alivio, evasión, ou todo á vez. Porén, sen ser un consolo para eles, convertíase nun pesadelo para elas.

Jacinta á dereita, xunto a outra muller da zona, na cociña coando café.

Jacinta, aínda sabedora de onde estaba o seu marido, preguntaba aos demais se o viran, con certa esperanza; respondíanlle «na cantina». Outro día de librarse de pelexas, primeiro das que se orixinaban xa na baiuca, e despois das que se poñerían en escena na casa. O seu plan habitual dos domingos consistía en lavar a roupa no río, para o resto da semana, e despois, sobre os remendos xa postos, poñer algún outro. Mais estas tarefas víanse case sempre interrompidas por algunha voz que a chamaba: «Jacinta, ven, que xa andan a loitas!». E entón tiña que parar o traballo e ir tratar, xunto a outras, con varios pares de fanfurriñeiros borrachos. Cando por fin conseguían levalos de volta á casa, o alcohol e as ganas de pelexa seguían crepitando no seu sangue; entón todo o espazo lles pertencía a eles, e a voz que destacaba era, ao fin, a súa. Por diante, as mulleres e os fillos mirábanos inmóbeis e calados. E alí chegaba o momento onde habían de sufrir todo tipo de abusos.

Grupo de mulleres da zona nun día de festa. Segundo a tradición, vestían de branco e levaban veo.

Jacinta acabou véndose obrigada a golpear o seu marido cunha galocha na cabeza. El quedou inconsciente durante un momento, e dende entón empezou a comedir as súas formas dentro da casa, mais pagaron as consecuencias o resto das súas queridas. Tampouco se quitou do seu costume, que tantos outros compartiran, de beber ata embriagarse cando nos seus días libres lles encargaban algunha tarefa da casa ou da aldea, pois así librábanse dela, recaendo sobre as súas esposas ou sobre algún dos fillos.

Por moitos é coñecida a rudeza dos mineiros, e debe precisarse que non é para menos, pois o traballo que realizan esixe unha completa frialdade no seu temperamento e certa brutalidade nas súas formas –rodeados como se atopan de miseria, da ameaza constante da repentina morte propia ou dos seus compañeiros, e requiridos dunha inmensa forza para poder desenvolver as tarefas que se lles encomendan nun ambiente tan pouco adecuado para tarefa algunha–. Pero a eles quedáballes a posibilidade de ir ao bar, de impoñerse na casa, ou de ignorar as súas mulleres e fillos e pensar só nos seus problemas, eclipsando con eles os dos demais. Que lle quedaba a Úrsula, e a outras como ela, que tamén se introduciron nos pozos, ou incluso as que, como Jacinta non o fixeron? Nada, salvo a resignación e a resistencia, calidades sen as que estas sociedades se terían esborrallado.

A historia e a memoria colectiva, xa non só os capataces, seguiron enterrando o relato de todas elas. E a literatura, se raramente dedica as súas afagadoras odas ou os seus himnos ás mulleres, moito menos o fai coas pobres e as obreiras. O seu anonimato, amparado nas súas siglas, permanecerá por sempre; mais cada aldea berciana, aínda que sexa dende o profundo sepulcro das súas raíces baixo capas e capas de terra e de negro mineral, sempre atopará na perseveranza e a obstinación destas mulleres a razón da súa supervivencia.

*Na foto da capa, tres mineiras cos cestos para traballar. A do medio é Luisa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail