A universidade é miña!

Vimos de comprobalo coa supresión por parte do reitorado das Xornadas sobre traballo Sexual organizadas na Facultade de Socioloxía da Universidade de A Coruña.

As autoridades académicas amedentráronse perante as presións e ameazas exercidas por un sector do feminismo de dentro e fóra da universidade que, arrogándose a representación do mesmo e falando no seu nome, usou todos os medios ao seu alcance para limitar a liberdade de pensamento e a expresión desa liberdade.

É unha moi mala nova.

A censura e a autocensura; ceder ás presións e ameazas de comportamentos autoritarios e partidarios do pensamento único, e todo isto en nome dun movemento que naceu reivindicando a liberdade para as mulleres, causa pasmo.

Un movemento que moi sinaladamente loitou para que as mulleres puidésemos decidir sobre a maternidade (si, non, cando, con quen, como) e das nosas sexualidades, dúas das «pezas» coas que se veu mantendo ás mulleres atadas e subordinadas (se ben moito máis matizadamente).

Hai algún tempo que sectores do feminismo centraron e concentraron toda a súa actividade na loita contra a violencia machista, enorme e terrible problema (violacións, asasinatos, abusos, malleiras, acoso…) porén teimando en defender e difundir que TODO é violencia e que as mulleres precisan ser protexidas para o que fai falta impor isto e aquilo. Precisan salvadoras porque non son quen de decidir de si propias e por si mesmas excepto cando deciden o que «as que saben» consideran acaído.

Que iamos Por mal camiño advertíanos hai uns anos I. Badinter nun libro publicado en Francia no 2003 (Fausse route). Sen compartir necesariamente algunhas das súas reflexións, si podemos aceptar o envite de botar a vista atrás e explorar como se ten ido tecendo este camiño. Cabe, talvez, preguntarnos… Eran estas as liberdades que reivindicaba o feminismo?

O feminismo non é teu… é variado, diverso, plural, mesmo contraditorio. Hainos disidentes e de orde; hainos pro-sexo e anti-sexo; hainos que miran ás de abaixo e quen mira ás de arriba…

Hai moitos feminismos, podemos dicir e TODOS deben poder falar e propoñer aceptando, ao tempo, a crítica, o debate, o intercambio. En calquera ágora e de xeito moi denotado na universidade excepto que tamén se queira que a universidade «é miña» emulando a aquel Manuel Fraga Iribarne ministro de Interior de Franco que nos advertía ás persoas vellas do lugar: «A rúa é miña».

Mal camiño, moi mal camiño o que tomaron as autoridades da Universidade da Coruña por medo ou polo que lles pete xustificarse agora.

Mal camiño, tamén para quen xa o vén andando e para quen queira acompañar ou secundar as promotoras. Nos feminismos e non só neles.

Tempos estes onde as liberdades retroceden. Tamén no feminismo como hai algún tempo que vimos constatando nalgunhas cuestións.

E… non nos veñan co conto que en nome da liberdade todo nos parece ben que temos unha traxectoria de loita de moitos, moitos anos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail