Os restos de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, asasinados polo franquismo, volven á casa

Eran loitadores  pola liberdade. E matáronos. Pero seguen na memoria da súa xente e agora tamén na memoria colectiva do País. Foron asasinados pola Garda Civil en xuño de 1952. José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto foron exhumados polo equipo interdisciplinario da Asociación Para A Recuperación da Memoria Historia (ARMH) no cemiterio de Visantoña (Mesía) en agosto do ano 2024. Agora volven á casa.

O luns día 25 de agosto serán entregados ás familias nunha cerimonia no Salón de Plenos do Concello de Culleredo coa participación dos alcaldes de Culleredo e Mesía, membros da ARMH, veciños de Culleredo e de Visantoña e familiares dos represaliados. Despois serán enterrados no cemiterio de Almeiras (Culleredo).

Exhumación en Visantoña, o 24 de agosto de 2024. Foto de Óscar Rodríguez – ARMH.

Dolores, a nai de José Galán

«Agora sabemos que non eran lendas nin contos de lareira, senón feitos reais» (Peli e Iria, libro de visitas da exhumación de Visantoña).

Dolores Núñez vivía na Regueira de Alvedro. Co seu mozo José tivo un fillo, José Galán Núñez, a quen moito quería. Despois casou con Antonio Rodríguez, que era fogueteiro, e tivo a Nieves, Lolita e Antonio. Di a familia que José, o fillo de Dolores, «falaba bonito» e que era «moi intelixente e sempre estaba lendo libros na súa habitación… E era moi guapo».

«Un sujeto de una talla aproximada de 1,70 metros, tez morena, ojos oscuros, lleva bigote recortado, pelo negro rizado, cara menuda, delgado, de una edad aproximada de unos 30 años. Viste ropas deterioradas, calza zapatos llamados de fuelle de piso de goma en buen estado» (Informe da autopsia, 23 de xuño do 1952).

Tamén dicía a familia que «loitaba pola liberdade, por un mellor futuro».

«Por iso, estes guerrilleiros, valentes, defensores da liberdade, idealistas, loitadores, merecen todo respecto e valoración por todos nós. Eles tiveron a valentía de enfrontarse a quen os quixo silenciar, dobregar… Loitaron por todos nós, pola nosa liberdade» (C. Pedreira, libro de visitas da exhumación de Visantoña).

Ao medrar, José Galán e a súa moza Maruja tamén tiveron un fillo. No ano 1947, cando José estaba facendo o servizo militar en Lugo, foi á casa para o bautizo do neno. Xa non volveu incorporarse ao exército. Desertou e tivo que fuxir ao monte. Entrou a formar parte da guerrilla, á IV Agrupación Guerrilleira de Galicia. Mentres estaba fuxido, visitábao súa mai Dolores para levarlle comida.

Na casa de Dolores, producíanse controis da garda civil decote. Levantaban da cama a toda a familia na busca de José. Nunha desas incursións levaron a nai, Dolores, e os tres fillos, xunto a Maruja, a moza, e outra muller. Leváronas á Coruña e, mentres marchaban con elas, segundo conta Lola, a filla, un axente dicía: «Eu non aguanto isto».

Á mai desterrárona coa filla Nieves. Tamén foi desterrada Maruja, a moza, esta última a Roa del Duero (Burgos). Dolores e Nieves foron levadas a Ferrol, onde durmiron nun calabozo cheo de chinches. Despois partiron cara a Zamora, concretamente a Corrales del Vino, onde permaneceron nunha casa familiar na que as trataron ben. A Nieves aprendéronlle a facer puntillas, aínda que a chamaban «La deportada».

Un veciño de Vilaboa intercedeu para que volveran á casa. En Almeiras tiveron un gran recibimento á chegada e moita solidariedade nos meses seguintes. Mais a Dolores non a deixaron vivir na súa casa. Tivo que ir onda unha compañeira da fábrica de tabacos, que era onde ela traballaba. Mentres, a familia non sabía nada de José.

Os compañeiros ían caendo no monte.

A un deles, Manuel Pose Naya, disparoulle a Garda civil. De seguido, o 18 de xullo de 1951,  José Galán tivo que fuxir con María Amado Otero e Juan Couto Sanjurjo «Simeón», despois da morte de José Antonio Cortiñas Blas, «M. Vega» , en San Pedro de Nós.

En novembro de 1951, as forzas da Garda Civil matan a Manuel Vilar Arnoso, «Manolito», en Regueira (Oza dos Ríos), no curso dun enfrontamento.

En marzo de 1952 deteñen a «Foucellas».

Nese mesmo mes de marzo de 1952 , Manuel Ramiro e José Galán, «Dereito», marchan á zona de Betanzos con Juan Couto Sanjurjo, «Simeón», axudados por Lino Lata. Pero deben fuxir ante a ameaza dunha partida de gardas civís e van cara a Visantoña. O 10 de xuño de 1952 son tiroteados pola Garda Civil. Juan Couto Sanjurjo saíu con vida do refuxio, mais José Galán e Manuel Ramiro quedaron mortos no  interior.

A mai, Dolores, non volvera ver o seu fillo. Aínda que a avisaron da morte, non deu tempo a que ela vira o corpo. Con todo, e a pesar de ter que viaxar lonxe, ía levarlle flores: Alvedro, Mesón do Vento e, desde alí, andando ata Mesía e Visantoña.

Dolores continuou chorando polo seu Pepe.

O neto de Dolores, Alberto, foi buscar durante moitos anos o lugar da sepultura coa idea de poder exhumar o corpo do seu tío José.

A señora Amalia, do estanco en Visantoña, deu moitas facilidades e explicoulles onde estaban os corpos con exactitude.

Ninguén de Visantoña esquecera o sucedido. Contáronlle á familia que foran enterrados nunha caixa de piñeiro verde que aguanta mellor a humidade e relataron moitas cousas do sucedido.

Os corpos, a instancias da familia, foron finalmente exhumados en agosto do ano 2024 pola Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).

Contan Lola (irmá de José Galán e filla de Dolores) mais o seu fillo Alberto que a xente de Visantoña se implicou moito coa familia. O último día veu un matrimonio e deixou dúas rosas no oco que fixera o equipo para a exhumación. Esas floriñas lembran os máis de setenta anos que estivo lonxe da casa, sen que ninguén recoñecera o seu labor na loita antifascista.

Foto de Óscar Rodríguez – ARMH.

Familia de Ramiro Souto

Pedro Ramiro e Andrea Souto vivían no lugar de Laxe e despois marcharon a Ombre, en Almeiras, e tiveron a Pedro, Estrella, Josefa, Dolores e José.

No ano 1936 detiveron a Manuel Ramiro Lorenzo, fillo de Pedro. Era un home comprometido, e iso era delito despois do golpe de estado. No cárcere foi torturado. A avoa Andrea foi visitalo á prisión e soubo do seu estado penoso. Tiña as unllas rotas e o corpo estragado. Foi fusilado, acusado de rebelión militar, o 25 de xaneiro de 1937.

Na casa nunca o esqueceron. Só lles quedou del unha caixiña de cartón marrón con piquiños feita no penal, unha foto que presidía o corredor da casa e o permanente recordo del.

Manuel Ramiro Souto, o seu primo, tiña once anos cando sucedeu o fusilamento. Era fillo de Dolores, criada na casa dos Marchesi, e por vivir no estranxeiro deixou o fillo Manuel a cargo da súa mai Andrea, da irmá Josefa e cuñado Ramón Romay, que vivían co resto da familia nunha vivenda en Ombre (Almeiras).

A casa de Ombre acabou sendo lugar apoio dos guerrilleiros

Conta a sobriña Teresa que «a casa era pequena. Á esquerda tiña a cociña, tamén á esquerda as cortes das vacas, e logo unhas escaleiras arriba cun piso corrido onde estaba as camas. E tiña unha horta cunha pereira e ao redor había taboas e leña para a lareira e tamén para a bilbaína. Había unha fiestra que daba á rúa». E continúa: «Nós podiamos xogar por todos os lados sen problema, pero tiñamos terminantemente prohibido achegarnos á pereira. Co paso do tempo, cando soubemos o que pasara nesa casa, pensabamos que habería  agochado alí. Sempre nos quedou a dúbida».

Os tempos eran difíciles e Manuel botouse ao monte cos seus tíos Ramón Romay Ramoné e Josefa Ramiro Souto, cos que se criara. Participou co seu tío Ramón Romay nunha ofensiva guerrilleira no ano 1948 contra o concello de Abegondo como contestación á caída e morte de José Gómez Gayoso, secretario de organización do PC, e Antonio Seoane, xefe do Exército Guerrillero de Galicia. Tamén noutros actos nos que participaron Vicente Peña Terrasa «Pedro Borrás», Jesus Valeiro Gómez «Calias», Manuel Pena Camino «Flores», José Antonio Cortiñas Blas «M. Vega» e José Mª Castelo Mosquera «Doctor».

Josefa Ramiro Souto foi asasinada polos propios guerrilleiros. Ramón Romay puido fuxir a Venezuela. Manuel seguiu no monte.

O 5 de marzo de 1949,  agochados nunha casa de Zas, en Negreira, Manuel Pena Camino, José María Castelo Mosquera, Carmen Temprano, Vicente Peña Terrasa e Manuel Ramiro Souto foron cercados pola Garda Civil. No enfrontamento morre Carmen Temprano e o resto, xunto con Manuela Teiga, a mociña da casa, son asasinados despois da fuxida en Paramos, no Val do Dubra. Os seus corpos, por certo, foron exhumados no ano 2016 pola ARMH.

Despois daquela matanza, decenas de veciños de Paramos foron represaliados. Manuel Ramiro Souto consegue fuxir. Nos seus últimos tempos de estadía no monte, xunto con Juan Couto Sanjurjo e José Galán Núñez, estaba integrado no Destacamento Manuel Ponte. Mentres, á súa tía Josefa Ramiro Souto matárona. Seu tío conseguiu fuxir ao extranxeiro.

Finalmente, Manuel Ramiro Souto foi cercado polas forzas da garda civil nunha casa de Visantoña (Mesía), onde estaba con José Galán Núñez, «Dereito», e con Juan Couto Sanjurjo, «Simeón». Foron asasinados pola Garda Civil o 22 de xuño de 1952. No 1953, Juan Couto Sanjurjo foi condenado a prisión.

Manuel Ramiro Souto e José Galán Núñez foron soterrados en Visantoña (Mesía). Os seus corpos foron exhumados en agosto do ano 2024 pola Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Foron enterrados xuntos o mesmo día e na mesma caixa.

Aos veciños de Visantoña arrepiounos o terror. Á exhumación acudiron persoas de todas as idades e, na foxa aberta, viron o horror dos cranios estragados e as balas cravadas nos ósos.

Acudiron moitos rapaces, e MPG contounos: «Dixéronnos que a terra era efémera, mais penso que alén dunha terra ou unha tumba en Visantoña estes días vivimos co sentimento de algo que, case un século despois, remata ben. Xente que nunca antes quixera falar, hoxe dá un respiro a ese medo que no fondo nunca marchou. E, agora, sentir que se fai xustiza».

Os corpos de Manuel Ramiro Souto e José Galán Núñez serán entregados á súa familia e homenaxeados en Culleredo coa presenza dos seus veciños e mais da xente de Visantoña que tampouco quixo esquecer.

E, como di Selma, «abrimos una ferida xa baixo terra, mais non cicatrizada nos corazóns, para facer xustiza e poder así recordar non só a José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, senón a todos aqueles que loitaron contra a represión e foron capaces de poñer en risco as súas vidas para sementar un pobo libre» (Libro de firmas da exhumación de Visantoña).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail