Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Con glitter verde na cara, a rapaciña di que se sente emocionada: «Porque hoxe estamos facendo historia. Todas xuntas estámonos revolucionando». Pode ter 12 ou 13 anos e conta que foi esa tarde coa súa nai e outras amigas da súa idade «Para poder ser mulleres libres e con máis dereitos», engade. A xornalista Luciana Peker, unha das maiores expecialistas en temas de xénero da prensa arxentina, bautizou a esta marea de rapazas e mulleres moi novas que sairon á rúa a esixir o aborto legal, seguro e gratuíto como «A revolución das fillas». Esas fillas que non conseguiron a aprobación da lei o mércores 8 de agosto aínda que foron máis dun millón nas rúas berrándolle ao Senado do país: «Aborto legal, no hospital».
Si no es hoy, será otro día.?
Son ellas. Es de ellas.#abortolegal #seráley pic.twitter.com/XftNEwJiSX— Fundación Huésped (@FundHuesped) August 11, 2018
Nunca a Arxentina estivera tan cerca de despenalizar o aborto que, segundo unha lei case centenaria -é de 1921- só está permitido nuns poucos casos: para salvar a vida da muller, se a nai é «idiota ou demente», ou no caso dunha violación. Con todo, sempre é necesaria a autorización dun xuíz e a Xustiza arxentina non se caracteriza nin pola prontitude nin moito menos pola laicidade. Así, o único camiño é o aborto clandestino.
Datos non hai, como pasa con toda actividade ilegal. Pero o ministro de Saúde do país, Adolfo Rubinstein, explicou no Congreso da Nación por que el apoia o proxecto de lei que legaliza o aborto. «Temos rexistrados 47 mil ingresos e 43 mortes por aborto no ano 2016, das que 31 son por abortos clandestinos. Eses son os datos oficiais. Considerando os nacidos vivos, a taxa de fecundidade e os egresos hospitalarios, pódese extrapolar o número de interrupcións de embarazos estimados no país. Fixemos ese cálculo e deunos 350 mil casos», explicou o día no que o Senado rexeitou o proxecto.
O ministro de Saúde, Adolfo Rubinstein, fala na sesión do Congreso dos Deputados que aprobou en primeira instancia o proxecto.
Case mil abortos por día. Aínda que, claro, hai mulleres que poden pagar os 1400 euros que custa a intervención clandestina en condicións sanitarias seguras. Outras, moito mellor informadas, pagan algo máis de cen euros por unha droga chamada Misoprostol que se pode aplicar na casa pero que sempre require a asistencia médica para controlar ou interromper as hemorraxias. Por último, tamén están as que non poden pagar nada. Entón, xa se sabe: agullas de calcetar, perchas, paus, o talo do apio… as consecuencias son as que sempre foron: órganos perforados, infeccións xerais sen retorno, nenos e nenas orfos.
O proxecto de lei, que xa fora presentado sete veces antes no Parlamento e nunca fora tratado polos lexisladores, chegou á Cámara de Deputados e foi debatido entre o 13 e o 14 de xuño. Se tal cousa foi posible só se explica polo movemento de mulleres que, dende 2003 co Ni una menos, saiu á rúa a esixir dereitos.
Mulleres de todas as idades, de todo o país. Mulleres peronistas, radicais, de dereita e de esquerda. Actrices, cantantes, xornalistas, escritoras, músicas, pintoras, médicas, abogadas, contables, enxeñeiras, arquitectas, fotógrafas, vendedoras, empregadas, funcionarias, profesoras, xubiladas, psicólogas e estudantes. Estudantes sobre todo. Rapazas que non están dispostas a ter menos dereitos ca eles.
A Campaña Nacional por el Derecho al Aborto Legal, Seguro y Gratuito -nacida nos Encontros de Mulleres- escolleu como emblema un pano verde que, en poucas semanas, estaba en todas partes. Os bolsos das maiores, as mochilas das novas, os pulsos, os pescozos, o pelo…
A sesión durou 23 horas e foi acompañada na rúa por máis dun millón de mulleres (tamén homes) que non se moveron dalí aínda que foi a noite máis fría do inverno. Unha marea de panos verdes. E globos verdes. E lumes verdes. E roupas verdes. E glitter verde. Moito glitter verde. Os cálculos previos indicaban que os apoios non eran suficientes, pero a presenza masiva na rúa foi determinante e o proxecto conseguiu 129 votos contra 125 que se manifestaron en contra, máis unha abstención.
Celebración na rúa trala aprobación no Congreso dos Deputados arxentino.
O impensado triunfo disparou todas as alertas da Igrexa que nin contaba con isto. As semanas que van dende o 14 de xuño e a noite do 8 de agosto, as presións aos senadores e senadoras foron explícitas. Tamén os ataques dos católicos e evanxelistas a non poucas mulleres e rapazas que levaban o pano verde. A violencia dun poder desafiado. O resto xa é sabido: o Senado rexeitou o proxecto a noite do 8 de agosto aínda que fóra do Congreso, de novo, un millón de persoas esixían o contrario. Nos días previos, mentres os lexisladores daban entrevistas na televisión, unha muller de 35 anos con cinco fillos agonizaba na provincia de Mendoza como consecuencia dun aborto clandestino. Poucos días antes, aos seus 22 anos, Liliana Herrera morreu pola infección posterior ao aborto.
Con todo, a revolución xa está en marcha. E o antecedente de Uruguai, o primeiro país en legalizar o aborto na rexión, é claro: no ano 2002, os deputados e deputadas uruguaios aprobaron a lei e o Senado non. No ano 2007 as dúas cámaras do Parlamento aprobárono e foi o presidente Tabaré Vázquez quen vetou a norma. No ano 2012, finalmente, as mulleres dese país gañaron o dereito de escoller cando e como ser nais.
Na Arxentina, a revolta verde está claro que non para. O Goberno de dereita de Mauricio Macri, poco xeneroso en materia de dereitos e garantías, anticipa que vai despenalizar o aborto. Así, as mulleres seguirán abortando na clandestinidade pero sen ir presas. Coa medida, pretenden quedar ben co Papa arxentino e calmar «ás verdes». Non parece que vaia funcionar. O proxecto rexeitado agora volverá ao Parlamento o ano que vén -ano de eleccións lexislativas- mentres os panos, lonxe de desaparecer, multiplícanse nos bolsos das maiores, nas mochilas das novas, nos pulsos, nos pescozos, no pelo… Con glitter verde na cara, a rapaciña di que, de maior, ela quere decir que estivo: «Quero decir que eu pelexei polos dereitos das mulleres. Se non é hoxe, vai ser outro día», conclúe segura.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán