Cando o futuro é a pobreza

María, Antón, Damaris, Cristian, Uxía, Pablo…Os cativos pobres de Galicia regresarán á súa rutina diaria pois do verán, un día a día que xa era difícil moito antes da COVID-19.

María Andrade, Antón Bouza, Damaris Espinosa, Cristian Guerrero, Uxía Castro, Pablo Guzmán… Os nenos pobres de Galicia poderían ter estes nomes e apelidos, aínda que as estatísticas oficiais reduzan a súa existencia a simples apuntamentos numéricos. María e Antón saen da casa somnolentos, apenas lavadas as lagañas e co leite do almorzo bulindo quente no estómago. Os alumnos máis cativos da última escola rural dunha esquecida comarca do interior de Galicia, que descoñecen que forman parte das estatísticas oficiais da pobreza infantil, deben percorrer a diario varios quilómetros para asistir ás clases. A escola unitaria do seu concello pechou as portas o curso pasado. Hai quen di que van aproveitar o edificio para facer un tanatorio, como xa aconteceu en Chandrexa de Queixa.
O caso é que este curso, chova, neve ou faga sol, a avoa de María ten que acompañar á neta camiñando ata a parada do transporte escolar, onde o pequeno Antón tamén agarda a chegada do minibús. Alí estará de novo Carmiña cando regresen, xa entrada a tarde.
Visto o panorama, por moito que se fale da posible apertura dunha casa niño noutra aldea do municipio, os pais de María están pensando en vender a granxa familiar e mudarse á capital, emigrar como levan facendo a meirande parte dos mozos e mozas da parroquia dende que os vellos teñen memoria. Pola casa e as fincas non lles van pagar nada, mais as vacas son boas e teñen uns cartiños aforrados. Se montasen un bar na cidade, talvez…

Galicia segue a ser, en pleno século XXI, un país de desertores do arado. A mecanización do campo e das tarefas gandeiras, a mellora das comunicacións ou a implantación das novas tecnoloxías non semellan resultar abondo para fixar xente nova nun rural que esmorece, con comarcas enteiras avellentadas e ao borde do despoboamento. Ofrecendo o agro galego unha calidade de vida que non se atopa nas cidades, os problemas de mobilidade e a accesibilidade a servizos básicos como sanidade e educación convértense nun escollo á hora de frear e tentar inverter esta tendencia.
Mais, polo que se vai sabendo na casa dos Bouza, os tránsfugas do rural dos que se ten noticias apenas conseguen sacar adiante ás súas familias con empregos precarios, vivindo de alugueiro nos barrios máis humildes de distintas urbes galegas. Só o continuo trasfego de sacos de patacas, ovos da casa, chourizos e outros produtos da horta que os vellos aínda colleitan na aldea fai soportable a crise económica na que moitas familias seguen instaladas aínda hoxe nas nosas cidades. Así vai resultar que, como reflicten os estudos estatísticos máis traballados, a pobreza infantil evidénciase menos nas zonas rurais.

Comarcas enteiras sen nenos nin escolas
Aínda que hoxe xa teñan Internet na casa, as familias de María e Antón non precisan consultar a web do Instituto Galego de Estatística para decatarse de que a comarca na que viven está a perder poboación e a cousa tende a empeorar día tras día.
Sendo así, as proxeccións de poboación a curto prazo que poden consultarse na páxina do IGE amosan un desesperanzador resultado, cunhas cifras de crecemento vexetativo (diferenza entre nacementos e defuncións) especialmente negativas nas comarcas do interior.
A curto prazo, na entrada do ano 2019 que se achega, Galicia superou os 2,6 millóns de habitantes, cen mil por debaixo dos que reflectían as estatísticas de 1989 (hai trinta anos eramos 2.751.383 galegos). Para o 2031 a poboación do país non chegaría ás 2.490.000 persoas.

As cifras de nacementos previstas para o 2020, como vén sendo habitual nos últimos anos, nas áreas xeográficas da costa e principais cidades galegas, mentres que as taxas de mortalidade máis elevadas corresponden ás áreas do interior de Lugo (Quiroga, A Fonsagrada e Os Ancares) e Ourense (Terra de Caldelas, Trives, Baixa Limia e Celanova). Dos 17.035 nacementos previstos en Galicia polas estatísticas, a meirande parte concentrarase nas áreas xeográficas da Coruña (3.107), Vigo (2.921) e Santiago de Compostela (1.402), seguidas de lonxe pola área de Ourense (948), Pontevedra (910) e Lugo (830). O futuro complícase para Terra de Caldelas (7 nacementos), a Baixa Limia (10), Terra de Trives (10) ou Viana (17), A Fonsagrada (11) ou Meira (16).
De consumarse o desastre que profetizan as frías estatísticas para a vindeira década, en toda a comarca de Terra de Cadelas (313,25 quilómetros cadrados) no 2031 apenas se contabilizará unha decena de nenos con idades comprendidas entre os 0 e os 4 anos. E iso, se as familias de María e Antón, que quixeran ter máis fillos cando a economía mellore un pouco, deciden quedarse.

Miserias urbanas
«En termos absolutos, os/as nenos/as que viven en fogares por debaixo do limiar da pobreza concéntrase nas sete cidades galegas e nas súas principais áreas de influencia». Así de rotundo se recolle no estudo O estado da pobreza infantil en Galicia, feito en 2014 pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. O traballo, realizado en base aos datos cuantitativos achegados polo Instituto Galego de Estatística, fai unha análise cualitativa na que participaron persoas expertas das universidades galegas e de entidades de iniciativa social, así como profesionais do ámbito educativo.

Damaris Espinosa leva días axudando á súa nai a buscar os libros que precisa para o novo curso en Internet, porque non quere pedirllos prestados a ninguén e non teñen cartos abondo para mercalos novos. Os seus traballos de limpadora permítenlle abonar o alugueiro do pequeno piso das aforas no que residen dende que chegaron a Galicia, pagar o recibo da luz e o teléfono, comer quente todos os días e pouco máis. Agora, coa chegada do novo curso, a nena xantará de balde no comedor escolar, logo de acadar unha bolsa de axuda do seu concello.

Máis de 75.000 nenos e nenas galegos son usuarios dos servizos de comedor escolar nos seus centros de ensino, moitos deles grazas ás bolsas de axuda concedidas ás familias con menos recursos pola Xunta e os concellos nos que residen. Das 75.700 prazas de comedor habilitadas en toda Galicia, case 14.500 son xestionadas polas asociacións de nais e pais dos centros ou os concellos nos que se atopan, con financiamento autonómico a través de diversos convenios de colaboración. Segundo as cifras publicadas polo departamento educativo da Xunta, a propia Consellería xestiona 437 comedores, deles 302 de forma directa e outros 135 a través de empresas que serven menús.

As ANPAS son responsables de 131 comedores e outros 50 son xestionados por concellos. Educación lembra que «a Consellería subvenciona os menús de máis de 4000 comensais en 50 centros escolares dos Concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Manzaneda, Meaño, Mugardos, Muíños, Lugo, Oroso, Ponteareas, Santiago de Compostela e Sarria. Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 494 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 13 entidades». Tamén contribúe ao financiamento das becas de comedor e transporte que conceden os distintos concellos aos usuarios destes servizos.

Polos escasos recursos económicos das súas familias, este ano Uxía e Pablo son beneficiarios das bolsas de comedor que conceden os concellos nos que residen, en distintas localizacións de Galicia. Á marxe das axudas concedidas pola Xunta en toda Galicia, que son excluíntes, A Coruña outorgou 1.620 bolsas comedor para alumnos de centros educativos de infantil, primaria e secundaria, ás que destina un orzamento de 1,5 millóns de euros. Algunha das familias numerosas beneficiarias poden superar os 4.500 euros de axuda anual. Tamén Santiago de Compostela concedeu bolsas para cubrir os gastos de comedor, material escolar ou a realización de actividades extraescolares ás unidades familiares e de convivencia con maior escaseza de recursos económicos.

Os escolares lucenses de menos recursos tamén se benefician de bolsas de axuda de comedor escolar. O prezo do xantar habitual do servizo do programa Escola Aberta, contratado a unha empresa, é de 3,96 euros. O importe do xantar esporádico ascende a 4,94 € por menú, mentres que o prezo do Programa Madruga, con almorzo, é de 1,98 euros por neno e día. As familias con escasos recursos puideron solicitar bolsas de axuda a través dos servizos sociais municipais do Concello de Lugo. Ourense concedeu 437 bolsas para comedores, aboando aos centros o custe mensual dos menús durante todo el curso, ata un máximo de 90 euros por alumnos nos colexios públicos e 45 euros nos centros concertados. Tamén distribuíu 172 axudas de material escolar, con contías que oscilan entre os 90 e 125 euros en función do curso de Educación Infantil de cada beneficiario.

En Pontevedra os comedores escolares dos centros públicos son xestionados pola FANPA (Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra), que presta o servizo a prezos reducidos grazas ao convenio de colaboración asinado co Concello de Pontevedra. Todos os anos os Servizos Sociais e a propia Fanpa conceden axudas de comedor a familias con dificultades económicas. Tamén en Vigo as familias con dificultades socioeconómicas teñen prioridade á hora de acadar as axudas de libros, material escolar, comedor e actividades de conciliación. Con 1,2 millóns de euros de orzamento, ampliables ata outros 120.000€, estas bolsas están destinadas ao alumnado que, residindo no municipio de Vigo, estean matriculados en centros docentes públicos ou privados concertados, en educación infantil (segunda etapa), educación primaria e secundaria obrigatoria. Asemade, o Goberno local asinou un convenio de 600.000 euros coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FOANPAS) para que as familias de maior capacidade económica non tivesen que correr cos grandes desembolsos que supón a escolarización dos seus fillos.
Nalgún lugar de Galicia, Cristian Guerrero acompaña á súa nai ás portas da entidade social á que acoden todas as semanas na procura de alimentos básicos e cueiros para a súa irmá pequena. Cristian debería estar en clase, pero prefire acompañar á nai e axudala a cargar coas bolsas ata a súa casa, na outra punta da cidade.

Hoxe recibirán unha cesta de catorce alimentos básicos nos que se inclúen arroz, potitos de polo e de froitas, cereais infantís, leite de continuación en polvo, fabas brancas cocidas, leite enteiro UHT, cacao soluble, conservas de atún, macarróns, tomate frito en conserva, galletas, xudías verdes en conserva e froita en conserva en xarope lixeiro. Son alimentos nutritivos de fácil transporte e almacenaxe, pouco perecedoiros e que permiten que a súa nai poida preparar unha comida completa para toda a familia, incluída a súa irmá pequena, que aínda é un bebé.
Como Cristian e a súa familia, no pasado mes de xuño de 2018 contabilizáronse na nosa comunidade un total de 58.161 persoas cuxa situación económica ou familiar de necesidade lles impedía adquirir alimentos de forma regular. Tantas como a poboación dos municipios de Betanzos, Burela, Allariz e Lalín no seu conxunto. Este é o número de beneficiarios en Galicia do último reparto de comida do programa de axuda alimentaria do Fondo de Axuda Europea para as Persoas Máis Desfavorecidas (FEAD), que pretende erradicar a pobreza na UE.

A familia de Cristian Guerrero acode a buscar comida de balde á Cruz Vermella, do mesmo xeito que os pais de Uxía Castro reciben axuda alimentaria de Cáritas na súa parroquia ou a nai de Pablo Guzmán é beneficiaria do reparto do Club de Leóns… En Galicia contabilízanse ata un total de 445 organizacións autorizadas para o reparto de comida do programa de axuda FEAD. Todas elas figuran nunha longa lista de 168 páxinas que pode consultarse na web do Fondo Español de Garantía Agraria (www.fega.es), e que nestas datas reciben, para a súa distribución en Galicia, máis de un millón de quilos de alimentos cos que afrontar a fría campaña de inverno que se achega. Isto, á marxe das campañas que se realizan puntualmente na práctica totalidade do territorio galego para recadar fondos (Operacións quilo, festivais benéficos e un longo etcétera), as achegas de administracións autonómica, provinciais e locais, doazóns de fundacións vencelladas a entidades bancarias ou grandes empresas, axudas particulares…

Estes días a Federación Española de Bancos de Alimentos e maila Cruz Vermella, a través dos seus centros de almacenamento e distribución, aprovisionan esas mil toneladas de alimentos que van repartir as preto de medio milleiro de organizacións. Xunto coas sedes da Cruz Vermella, en múltiples localidades atopamos unha nutrida relación de asociacións benéficas e colectivos veciñais, grupos parroquiais de Cáritas, comunidades relixiosas e igrexas de diversas confesións, centros culturais e sociais espallados por toda a xeografía e fundacións de todo tipo. No reparto das cestas de alimentos do programa FEAD da Unión Europea tamén participan neste intre un total de 48 concellos na provincia da Coruña, 52 na de Lugo, 77 en Ourense e 34 en Pontevedra.

Asemade, os alimentos financiados con fondos europeos (85%) e do Ministerio de Agricultura (15%) tamén se distribúen ás cociñas económicas de cidades como A Coruña, Ferrol ou Santiago de Compostela, albergues de transeúntes e residencias de maiores, pisos de acollida para mulleres maltratadas ou refuxiados, neste caso para o seu consumo nas propias instalacións. No mes de maio de 2018 a Cruz Vermella e FESBAL distribuíron na provincia da Coruña, a través de 109 organizacións de axuda, un total de 299.287,84 quilos de alimentos por valor de 221.197,34 euros que chegaron a 16.098 beneficiarios. En Lugo a cantidade de alimentos foi de 174.283,20 quilos, cun valor de 129.022,60. Do seu reparto entre 8.737 beneficiarios encargáronse 73 organizacións asociadas nesta provincia. No territorio ourensán 10.143 persoas recibiron, na distribución realizada en maio a través de 123 puntos de reparto, un total de 210.418,16 quilos de alimentos por valor de 154.897,90 €. As cifras en Pontevedra, que concentra a metade das aportacións recibidas por Galicia, case duplican as da provincia limítrofe. A data do pasado 12 de xuño de 2018, as 140 ODAR inscritas no programa repartiron preto de medio millón de quilos de comida (487.567,68 kg) por valor de 359.274,36 euros entre as 23.183 persoas en situación de pobreza que solicitaron axuda alimentaria.

Nas últimas semanas, os camións da Cruz Vermella e a Federación Española de Bancos de Alimentos realizan o segundo reparto deste Programa de Axuda Alimentaria. O programa anual terá unha terceira fase de reparto, programada para principios de febreiro. Logo, para que estes alimentos cheguen ás familias que precisan deles, as entidades de auxilio social terán que traballar arreo.
«Durante a crise procuramos que os nenos e as persoas maiores non pasasen fame nas súas casas. Unha das nosas instrucións aos voluntarios das Cáritas parroquiais é que estean pendentes destes sectores de poboación, que para nós son os máis vulnerables -explica Anuncio Mouriño, director de Cáritas Diocesana de Santiago-. Numerosas familias reciben, ao longo de todo o ano, a nosa axuda. No verán intentamos que os rapaces que non teñen servizo de comedor, non queden sen comer. E agora que comeza o curso, a Xunta e os concellos dan axudas para a compra de material escolar e comedores, pero non chega».

En Galicia, a marxinalidade e a pobreza teñen nome e apelidos. Tamén rostros infantís. Pero «moita xente non se atreve aínda a chamar á porta de institucións para solicitar a axuda que precisan. Pobres avergoñados hóuboos sempre, hainos e seguirá habendo. Hai xente que, como hai persoas máis pobres ca elas, prefiren que lle dean a axuda a outro, porque así poden pasar». Hai lugares da xeografía galega nos que «a pobreza está enquistada e nos preocupa, porque é moi difícil chegar a estas persoas. Procuramos ter os ollos abertos para chegar o máis lonxe posible e evitar que estas persoas sufran situacións de miseria en silencio».
A pobreza e a marxinalidade están presentes ao longo e ancho de toda a xeografía galega, aínda que con matices. «Nas cidades e no campo atopámonos con pobrezas ben distintas. Nas cidades hai que pagalo todo: Comida, recibos de alugueiro, luz, comunidade… Nas zonas urbanas temos que axudar máis nós. No rural, onde teñen unha pequena horta sempre poden axudarse á economía doméstica e van tapando os buratos con pouco».

Un futuro de miseria?
«Organizar a solidariedade de cara ás xeracións máis novas de forma prioritaria no seo das familias, reforza a transmisión xeracional da pobreza. Na actualidade existen xa evidencias desa transmisión. Conforme aos datos do Instituto Nacional de Estatística, as dificultades para chegar a fin de mes son un 25% maiores para aquelas persoas procedentes de familias que xa chegaban con dificultades a fin de mes».
As conclusións do estudo O estado da pobreza infantil en Galicia non deixan moita marxe para o optimismo. Neste outono, milleiros de nenos e nenas acoden ás aulas cada día na procura dun refuxio e dun xantar quente. Apenas uns poucos serán quen de crebar o teito de cristal da marxinación e aproveitar as oportunidades educativas que lles permitirían compensar as desigualdades económicas e sociais nas que se atopan as súas familias.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail