Non, non había partido

«We can’t go on together
With suspicious minds»
.

Elvis Presley.

«Da TVG non te fíes». Ese foi o wasap que recibín dun responsable do PP que xa vira a enquisa da FORTA. «Nunca o fago», respondinlle. Pero como o resto dos xornalistas, a media hora do peche dos colexios electorais e cunha programación especial a piques de comezar, non me interesaba tanto a veracidade da sondaxe como o seu contido. El non podía revelarmo e non o fixo.

Pouco tardei en entender o sentido da súa frase. O estudo de GFK dáballe a Feijóo un intervalo de 37 a 40 escanos, o que –por tanto– non lle garantía a maioría absoluta. Había partido, era o que viña dicir. Minutos despois coñecíanse outros dous: tanto o de GAD3 como o de Sondaxe apuntaban a cómodas vitorias por riba de 40 deputados. Nin ABC nin La Voz de Galicia (as que pagaban) tiñan por diante un directo de varias horas de duración e, por tanto, podían axustarse sen medo á realidade. O da CRTVG respondía a unha necesidade comprensible: se o resultado está cantado, os espectadores irán buscar as emocións a Netflix. Ou a Tele 5. A enquisa que durante unha hora revolucionou o país naceu dunha pulsión que na nosa sociedade do espectáculo ninguén lle podería afear. Mesmo se fose aposta.

Logo, por cumprir o tópico, pasou o que pasou. «One more time» (Daft Punk, 2007), Feijóo obtivo a maioría absoluta, a cuarta consecutiva, igualando a marca de Fraga. Celebrouno cunha foto na que pousaba catro dedos sobre o corazón, un xesto que o achega máis ás estrelas do reguetón que aos líderes chamados a rexenerar o centro dereita do Estado. Porque ese debate está aí outra vez. Se Feijóo marchará a Madrid ou rematará a lexislatura. O eterno retorno. O bucle infinito.

No debate da tele, o primeiro en recuperar ese vello argumento foi Antón Gómez-Reino. Feijóo daba a sensación de non crer como lle deixaban o balón botando para rematar a porta baleira. «Pero se en Madrid está vostede e a última que mo dixo foi Yolanda Díaz». Yolanda Díaz. A superministra. A do Goberno. Do Goberno de Madrid.

Os cinco candidatos e dúas candidatas á Presidencia da Xunta nas eleccións deste domingo, no debate a sete da TVG.

Hoxe, Gómez-Reino volverá á Villa e Corte como Dilios regresou a Esparta despois da batalla das Termópilas. Sentará de novo no Congreso, onde sempre mantivo a súa acta de deputado, e fará todo o posible por esquecer a campaña do 12X. A derrota, que acarrea a desaparición do espazo rupturista do Parlamento, tivo pouco de honrosa: un candidato obrigado que non quería selo –e nunca se esforzou en disimulalo–, un que si quería e ao que non lle deixaron –Martiño Noriega, que a piques estivo de presentarse por libre á fronte de Anova– e un conxunto de faccións que non se poñían de acordo nin para enviar unha representante a un debate. Aínda así, nin a máis pesimista das sondaxes predicía que fosen ser borrados do mapa. Foi o mellor que lles puido pasar. Prolongar a agonía con dous ou tres parlamentarios capaces de volvérense escindir unha e outra vez ata o infinito só achegaría máis farsa a unha traxedia que guindou ao lixo máis de 52.000 votos que pretendían cambio. Ou non. O obxectivo principal, que era librarse de Villares, xa estaba conseguido. Nunca saberemos se odiaban máis aos romanos ou á Fronte do Pobo Xudaico.

O candidato á Presidencia da Xunta por Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, comparece tras coñecérense os resultados.

O gran beneficiado da masacre mareante foi o BNG. Récord histórico de escanos aínda que Beiras conseguise no seu día máis votos. Non importa. A figura de Ana Pontón, ao contrario que a do leonado líder, permite pensar que estes 19 deputados son unha marca batible e que a presidencia da Xunta pode chegar a ser cousa de dous. Algún día. De momento, cos Comúns fóra de xogo, volve ser cousa de tres. E, historicamente, as dúas patas da esquerda foron necesarias para facer fronte á da dereita, onde Vox e Ciudadanos seguen vendo O Hórreo con prismáticos.

A candidata do BNG, Ana Pontón, avalía os históricos resultados do seu partido este 12X nos que suman 19 escanos.

Din no PSOE que un BNG forte vai sempre acompañado polos mellores resultados do PP, e o domingo confirmouse. Pero como pasa sempre nunha esquerda galega que suma cero, o BNG forte adoita ir acompañado dun PSdeG feble. Como este.

Co executivo central lanzado, con ministros percorrendo Galicia cada día, con Pedro Sánchez implicándose persoalmente –ata que se avariou o avión xusto para o peche de campaña–, Gonzalo Caballero confirma o mal fario do apelido e só mellora o resultado de Leiceaga nun escano que aínda depende do voto emigrante.

O candidato do PSdeG valora os resultados electorais deste 12X.

Hai unha vella teoría conspiranoica que di que o PSOE permitiu no 89 un pucheirazo en Ourense para garantir a vitoria de Fraga e librarse del en Madrid. Outra, máis moderna, fala do interese de Pedro Sánchez (ou de Iván Redondo, vai ti saber) de favorecer o contrapoder interno de Feijóo no PP de Casado –poucos como os socialistas saben canto pode amolar un barón con poder territorial–. Fose o que fose, queda claro que o PSdeG está lonxe de atopar un discurso e un candidato con corpo dabondo para liderar unha alternativa. Se podería ter sido Besteiro, iso xa só Pilar de Lara pode sabelo. De momento, o expresidente da Deputación luguesa apodrece no limbo das sospeitas urbanísticas.

Alberto Núñez Feijóo logo de revalidar a maioría absoluta.

Fixo falla unha sondaxe errada para manter o interese dunha noite electoral. Para aguantalo durante toda unha lexislatura imos necesitar bastante máis. De momento, xa comeza cun relevo no liderado do bando aspirante que permite imaxinar unha contenda máis igualada. Para pensar en que existe alternativa ten que haber alguén capaz de encabezala. Semella que, máis aló de siglas, a esquerda vén de dar con esa persoa. E, desta vez, eu diría que non ten maior interese en marchar a Madrid…

Permanezan en sintonía. E sigan sen fiarse da TVG. Dino os que saben.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail