A Xunta Electoral multa a Jácome por usar a web municipal para facer propaganda na campaña

A Coruña.- A Xunta Electoral de Zona de Ourense acordou sancionar con 300 euros ao alcalde en funcións da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, por vulnerar a normativa electoral durante a campaña do 28M ao utilizar a web do Concello para facer propaganda da súa xestión.

A decisión, que pode ser recorrida diante a Xunta Electoral Provincial, avala a denuncia realizada por Coalición de Centro Democrático (CCD), o partido ao que se adheriron varios dos excompañeros de Jácome en Democracia Ourensá (DO) que abandonaron a formación acusándoo de cobrar mordidas en diñeiro negro dos soldos dos seus colaboradores.

O líder de CCD, José Manuel Palacios, presentou o pasado 22 de maio unha denuncia na Xunta Electoral de Zona alegando que Jácome publicitara os logros da súa xestión na páxina web municipal colgando informacións relativas á «robustez» financeira do Concello, asegurando que nas contas do Consistorio existe un remanente de 130 millóns de euros.

Prohibido usar medios públicos para facer campaña

Palacios referíase expresamente ao artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral, que establece que «desde a convocatoria das eleccións e ata a celebración das mesmas queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que utilice imaxes ou expresións coincidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas que concorren ás eleccións».

A Xunta considera que Jácome usou a web municipal, «un medio financiado publicamente», para desmentir, con expresións como «contas de Ourense son a envexa de toda España» e «existe un remanente superior ao que había hai catro anos», as acusacións do candidato do PP sobre a suposta quebra financeira do Concello.

O alcalde alegara que se trataba só de divulgar «un documento técnico», pero admitiu que a razón era «desmentir as presuntas falsidades» vertidas pola oposición. A Xunta Electoral considera que «se utilizou un medio público para rebater unha información ofrecida na campaña electoral, polo que realmente o que se pretendía era facer fincapé nos logros do candidato de DO para revalidar o seu posto, o que non é admisible conforme o previsto» na lei.

«Saíulle barato»
Palacios valorou positivamente a sanción a Jácome, pero lamentou que se acordou con posterioridade ás eleccións e que, dada a contía da multa, ao rexedor «saíulle barato mentir aos cidadáns utilizando medios públicos para facer propaganda electoral».

«A resolución da Xunta demostra que Jácome xogou sucio durante a campaña, pero tamén que xogar sucio lle sae barato. Moitos ourensáns foron votar o 28M pensando e mesmo dicindo que todos os políticos rouban aínda que fagan cousas. E non é así. En política non se pode roubar nin xogar sucio», dixo o portavoz de CCD, quen asegurou ademais que non é certo que o Concello de Ourense conte cun remanente de 130 millóns. «É mentira. Trátase de cantidades xa comprometidas ou que non figuran nos balances», concluíu.

Luzes-Público tentou solicitar a valoración de Jácome e preguntou ao Concello se planea recorrer a decisión da Xunta Electoral de Zona, pero ao peche desta edición non obtivera resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail