O de Compos… tela!

Pola súa simboloxía como capital do país e polo inédito do seu resultado, os movementos para a formación de goberno en Compostela son do máis interesante –e ilustrativo– que nos deixou a resaca das municipais. O outro caso é Ourense, claro, e penso que aí imos esgotar todos os flocos de millo (a miña sensación é que o voto a Jácome é, en realidade, o auténtico voto antibaltar, pero non teño probas nin dúbidas). En Santiago, porén, as posicións vanse clarificando e distan moito do que ninguén consideraría unha situación ideal.

A decisión do PSOE de non entrar nun tripartito encabezado polo BNG é decepcionante para a esquerda, unha esquerda que viu como esa fórmula funcionaba con éxito da outra banda da rotonda do Milladoiro. Pero, máis aló de indicar un mal perder, é coherente coa deriva do partido na cidade na última década (polo menos).

Os socialistas non quixeron entender que o seu resultado de hai catro anos foi absolutamente ficticio. Boa parte dos seus dez concelleiros debéronllos a todos eses votantes da dereita (mesmo da dereita máis ultra) que, naquel momento, viron en Bugallo a única opción para librárense do anticristo Martiño Noriega.

Unha vez comprobado que Agustín Hernández non ía ser quen de expulsar os okupas de Raxoi –non esaxero, neses termos se xogaba aquela campaña– precisábase un home providencial. Alguén que puidese espertar ilusións durmidas, activar paixóns latentes ou resucitar sorrisos esquecidos. Si, iso sería o ideal, pero o único que estaba a man era o mal menor: Sánchez Bugallo.

Exacto: o mesmo Sánchez Bugallo que oito anos atrás marchara para casa culpando a Zapatero da maioría absoluta que viña de acadar o PP por unha presiña de votos. E non un PP calquera, non: o PP de Gerardo Conde Roa. O que nos deu tres alcaldes en 48 meses –os meses máis divertidos na historia da crónica municipal– e o que permitiu a Noriega surfear a onda das mareas simplemente dicindo «rexeneración democrática». Pois ese mesmo Bugallo era o que regresaba en 2019 como redentor. E funcionou.

Catro anos despois, tras un mandato marcado pola covid pero tamén polas obras de Concheiros ou o culebrón do vello Peleteiro (se fose hoxe, apostaría que Bugallo non faría que os seus tombasen o proxecto de Compostela Aberta, aínda que estivese ás portas das eleccións), o voto compostelán volveu ao seu. A dereita recuperou o seu lugar natural, maioritario pero insuficiente, e a esquerda cambiou de líder. De súpeto, Bugallo volvía ser o de 2011 pero doce anos maior, Compostela Aberta conseguía evitar a desaparición –cousa que non todas as mareas poden dicir– e o BNG rompía o seu teito con Goretti Sanmartín como primeira muller e primeira nacionalista chamada a gobernar a cidade.

O PSOE compostelán está obrigado a favorecer esa investidura polo acordo marco entre socialistas e Bloque, pero aí remata todo. Tras moita discusión no seo dun partido dividido dende tempo inmemorial, perderon os que apostaban por entrar no goberno. Seguramente eran os mesmos que tamén apostaran por integrar a Compostela Aberta no Executivo –meses despois da vitoria de Bugallo, con Martiño xa na casa e coas feridas abertas entre ambos os grupos en proceso de cicatrización–. Os mesmos que, se levasen ata o final a súa reivindicación de primarias, quizais poderían liderar unha coalición máis resistente que ese executivo dividido, encastelado e en minoría que caeu ata ser terceira forza. Claro que, hoxe en día, isto só é política ficción. Pero hai catro anos puido non selo.

Quen di que non entran no goberno en resposta á negativa do Bloque no anterior mandato esquece que as circunstancias son moi distintas. Este tripartito si contaría coa maioría absoluta, algo que non se acadaba coa suma das dúas concelleiras nacionalistas ás 10 do PSOE de Bugallo. O mesmo, por certo, que aconteceu en 2019 con Compostela Aberta, aínda que aí un intúe motivos… un chisco diferentes…

Pero polo menos tan importante como saber se o PSOE entraba ou non nun tripartito será coñecer cal vai ser a súa actitude durante o mandato. Se remará a prol dun goberno de progreso ou torpedeará a súa acción, como fixo de 2015 a 2019 con Compostela Aberta. O seu voto vai ser chave e deles dependerán os grandes proxectos de cidade que non deberían agardar catro anos máis, porque xa son demasiados os que levan no dique seco.

Quizais con Bugallo no Senado (iso que el entende eufemisticamente por «xubilación» as cousas sexan máis doadas. Sempre, por suposto, que non estea planeando volver outra vez. Non vaia ser que alguén, en algures, decida que Goretti é outro anticristo e de novo faga falla un redentor.

Claro que, antes, agardan unhas eleccións autonómicas –imaxinades chegar a ese escenario sen un Baltar na deputación ourensá…?– e iso debería facer que se gardasen as formas. Sempre que, desta vez, como diría Zapatero, os socialistas volvan ir en serio…

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail