A esnaquizada xeración de cristal

Foto de Jose´ Luis Navarro  CC BY-SA 4.0

O luns da semana pasada tiven a inmensa sorte de ser convidada a participar nunha Xornada Literaria organizada polo IES de Quiroga que levaba por título «A saúde mental na sociedade actual». Nela tamén estaban Marisa, a directora do CIM da vila; Laura, mestra de pedagoxía terapéutica e membro do club de lectura de xente adulta; Almudena, en representación das nais e pais; Aldara, orientadora do centro; e por último, pero non menos importante, un par de alumnas do propio instituto. Foron dúas voces que me marabillou escoitar: os e as adolescentes son parte activa dunha sociedade con tendencia a esquecelas. Neste clima electoral perpetuo, supoño que porque non teñen dereito ao voto.

Unha das cuestións presentes no debate foi o da «Xeración de cristal». Ao seren parte integrante, as alumnas falaron primeiro.Non por lóxico quero deixar de salientalo, pois neste noso país gústanos moito debater do pobo pero sen o pobo, que diría aquel, sobre todo cando o pobo vai en 3º da ESO. «Credes que a expresión vos representa?», preguntoulles Aldara, a moderadora do debate. Celia e Nadia negárono con rotundidade. Protestar e elevar a voz, queixarse, non aceptar abusos nin situacións inxustas non pode ser sinónimo de folganza, baixa tolerancia á frustración ou que non estean dispostas a esforzarse, afirmaron.

Para a xente que ande perdida, o termo «Xeración de cristal» acuñouno a filósofa Montserrat Nebrera hai xa máis dunha década para referirse ás persoas nadas a partir do 2 000. Isto é como todo: depende das fontes consultadas, tamén pode facer referencia á Xeración Z; aos fillos e fillas da Xeración X; a unha mestura entre últimos Millennials e primeiros Centennials… Deixando a un lado este popurrí de nomenclaturas, as principais características dos e das integrantes deste grupo serían, grosso modo: nacer nun mundo dixital e de redes sociais, o que determina as súas forma de relacionarse; unha alta sensibilidade e creatividade, o que provoca que expresen máis e mellor as súas emocións e pensamentos, e que teñan máis conciencia ante as problemáticas sociais; e unha baixa tolerancia á frustración e ao fracaso, froito dunha excesiva protección das familias e tamén por medraren nun Estado de benestar sen grandes problemáticas.

Se se busca algo máis (sen esforzarse demasiado, a verdade), tamén se atopan outras cousas como que son inestables e inseguros por dita intolerancia, que teñen unha fraxilidade emocional alta por viviren rodeados de prestacións e servizos, que demandan constante recoñecemento pola súa falta de autoestima e que os pequenos esforzos lles parecen fazañas, que amosan pouco interese pola lectura e polos eventos culturais, e unha que me encanta: que como o cuestionan todo, ata a si mesmos, teñen tendencia a deprimirse. Mellor logo non dubidar de nada, claro que si.

Parece lóxico, xaora, que as rapazas do IES de Quiroga se queixaran da connotación negativa do termo. Algún que outro influencer-cryptrobro-liberal tamén acusou as novas xeracións de quereren ser funcionarios no canto de emprender. Ahá. Coma se a xeración de meus pais (os boomers, por se non queren perderse na lista de nomes… ou por se queren facelo aínda máis) non inauguraran aquilo tan común na época: a esperanza de sacaren unha oposición e teren o futuro garantido grazas ao estudo como meta final, como signo inequívoco da mellora da vida que lles tocara aos os seus proxenitores.

Quizais aí radique o quid da cuestión: na esperanza. Na falta dela, máis ben. A xuventude hoxe en día está farta de escoitar que somos a primeira xeración (non me pregunten en que ano poñer a liña, porque non teño nin idea) que vivirá peor que os seus proxenitores. Algunha pista temos. Contratos precarios, maior brecha social entre ricos e pobres, imposibilidade de acceso á vivenda e á emancipación, e polo tanto de formar unha familia… Todo isto xa está aquí.

Segundo a OMS, unha de cada sete persoas novas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental. Unicef, no seu Saúde mental e infancia no escenario da Covid-19, afirma que isto se agravou tras a pandemia, que provocou un aumento de ata o 47% nos trastornos mentais en menores. Tamén achega outros datos arrepiantes, como que o suicidio é a segunda causa de mortalidade entre xente nova dos 15 aos 29 anos.

A segunda.

Repito.

A segunda.

Quizais o que é de cristal e corre risco de esnaquizar en mil pedazos é a sociedade que levamos anos construíndo para esas novas xeracións, para rapaces e rapazas coma Celia e Nadia, que non calan. Para outras como Tania, que acaban de facer a ABAU e teñen que decidir o seu futuro. Para esas persoas que aínda están por vir, coma a miña filla. Por sorte, elas veñen con forza, dispostas a mudar o vidro en espello para poñernos fronte ás nosas incongruencias.

Elas son a nosa esperanza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail