¡Prepárate, Gelmírez, viene el verano!

A pesar de que teño unha relación de amor-odio con este particular campo de estrelas que muda, ás veces, nun campo onde estrelarse, gozo moito de camiñar a cidade, éme relaxante.

Hai uns días, acoirazado cos óculos de sol, auriculares e macuto, baixei até a biblioteca pública. Por unha desas serendipias, inesperadas e lúdicas, xusto no momento que pasaba diante do comedor de Xelmírez (a pasaxe que conecta Obradoiro e Acibechería), esquivando pelotóns de guiris vomitados por ese arrepiante maquinillo turístico que caricaturiza un tren, lostregou nos auriculares unha frase dos Siniestro Total que definía nunha acaída e panfletaria locución o que vivimos nesta Disneyland Sancti Iacobi. Dá título a este texto e xa é o meu berro bélico preferido contra este modelo urbano: peregrinos e peregrinas orneando, vociferando, de rally coa bici, comandos armados con vieiras, con bula motorizada previo pago da taxa Paradores, souvenirs plasticosos, mimos horteras, hostalería franquicia, paellas conxeladas, terrazas parásitas, arbienbis e degradación do espazo público. De ruído e máis ruído. De abusar da cidadanía en nome dos mercaderes do templo.

Cruceime con especímenes rosa pálido, embutidos en combinacións cromáticas aínda inexploradas por Okuda San Miguel, kamikazes suorentos en velocípedes de luxo e soldadesca paleocristiá de pulseira e bandeira rojigualda e cántico de lexionario de cristo. Pensei nese intre que non sei se esta cidade é un parque de atraccións ou un zoo, mais si que o Pato Donald e os leóns deprimidos somos nós. Mírannos como á fauna a alimentar, ocupan o noso espazo, invaden as nosas vidas, enchen de ruído, esixen que falemos linguas que non molesten. Cobran décimos en forma de servizos só para eles. Obrigados a renunciar a nós para cumprirlles os soños de conquistadores decimonónicos, penamos a estupidez política de quen só acredita na nosa capacidade de sermos animais cativos na nosa propia reserva.

Na miña contorna social está xa asumido evitar a zona vella ou ir a sitios descoñecidos para os foráneos. E non, non é xenofobia, é fastío, cansazo e, por que non dicilo, rendición ante un modelo político de cidade espantoso e inxusto: neoliberal.

Co cambio de plutócrata na Sunta cantamos liña: Turismo volve á Presidencia. Malas novas. Máis Xacobeo e masificación. Sen taxas turísticas que iso é de marxistas e martiñarras.

Lectura inmediata: Rueda precisa fotos, portadas e pezas no telexornal. Continuamos co modelo Xacobeo pepero. Saqueo. Cifras e titulares. Pirotecnia turística. Bugallo absorto contando pernoctacións. Os dous de sempre tan de acordo. Populismo mal. Cantamos bingo.

A seguinte e premonitoria canción foi de A Marabunta: «Hoy me vuelvo al pueblo, me voy, hoy me vuelvo allí».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail