Ética e valores na sanidade

Había un lume aceso

na casa dos avós

Agora ben entendo

que o lume eramos nós.

Celso Emilio Ferreiro.

A tremenda crise que asola o noso país deixou expostas con crueza as carencias, contradicións, e debilidades do noso sistema de protección social, pero tamén evidenciou a necesidade duns servizos públicos e gratuítos cunha dotación de recursos adecuada. Gústanos moito que sexa etiquetada como unha sanidade modélica pero este tipo de comentarios acríticos soamente impide facer unha análise da súa situación. Entre as súas mellores virtudes están seguro a súa equidade, a súa eficiencia (dado que ten un investimento modesto en comparación con países do noso entorno e alcanza uns resultados sobresaíntes en moitas vertentes), e a súa excelencia especialmente na medicina máis aguda e espectacular.

Pero tamén é xusto recoñecer que o noso sistema padece un evidente hospital-centrismo, dedicando a maioría dos seus recursos á atención hospitalaria, cando é ben sabido que o que ten maior impacto na saúde da poboación é a potenciación da atención primaria; é a forma de asistencia máis integral que se pode ofrecer, ao tomar en consideración o doente como un todo: a familia, o entorno circundante, e a situación socioeconómica. Leva demasiado tempo a primaria sufrindo escaseza en recursos humanos e técnicos e unha falta absoluta de consideración ao seu papel potencial.

O imperativo tecnolóxico é un dos grandes males do noso traballo, non todo o que pode ser feito debe ser feito

A medicina hospitalaria ten unha enorme dificultade para confrontar as incertezas inherentes á nosa actividade diaria. Tanto doentes como médicos queremos crer que sempre facer é mellor que non facer, cando en tantas ocasións non é así. As presións sociais por aplicar medidas e probas diagnósticas moi tecnolóxicas das que a industria se encarga de convencernos das súas grandes bondades, empúxannos a gastos desorbitados en robots cirúrxicos, monitores, dispositivos e técnicas; a innovación é moi cara, pero adoptala de forma acrítica aínda máis. O imperativo tecnolóxico é un dos grandes males do noso traballo, non todo o que pode ser feito debe ser feito.

A formación que se nos proporciona nas facultades carece de aspectos básicos e transversais á nosa actividade, como son as habilidades comunicativas, a empatía, e moi especialmente a formación en bioética, que agora semella máis necesaria que nunca. A distribución dos recursos en tempos de escaseza, a proporcionalidade nos coidados, o respecto ás preferencias dos doentes están agora de xusta actualidade; foi necesario que chegase esta labazada infecciosa para darnos conta. Costa atopar unha nota de prensa que sexa capaz de explicar con rigor as diferencias entre a adecuación do esforzo terapéutico, a eutanasia e o rexeitamento ao tratamento ao que cada doente ten sempre irrenunciábel dereito. A decisión de ofrecer a unha persoa de idade avanzada un tratamento agresivo e de resultados incertos sempre foi problemática, porque sabemos que a capacidade de recuperarse con éxito redúcese drasticamente a medida que se incrementan os anos de vida de cada doente. Pero isto é un conflito que non ten que ver en principio ca escaseza de recursos, senón ca futilidade terapéutica, a inutilidade de ofrecer un tratamento a quen non se vai beneficiar del.

Hai que defender radicalmente a autonomía dos doentes, pero isto é moi diferente do autonomismo, que sería permitir que os doentes decidisen de forma libre e sen mediación o tratamento que queren; os doentes deben ser conducidos a través dunha deliberación a unha decisión despois de sopesar riscos e beneficios de cada procedemento, escollendo entre as posibilidades que o médico ofreza; o contrario sería chegar a unha situación na que os doentes visen cumpridos os seus desexos como se fose unha lista de supermercado. Non se trata de paternalismo senón de aportar o noso coñecemento e experiencia para axudar a tomar unha decisión informada.

Non se trata de abandonar a ninguén, senón ao contrario acompañar, entender, e tratar de forma humana o paso pola última fase da vida

Outra das carencias dramáticas como médicos, é a nosa escasa formación en enfoques paliativos, xa que todas as especialidades médicas temos que ver diariamente doentes aos que non lles podemos ofrecer tratamentos curativos, e nos que debe impoñerse á forza esta aproximación, os doentes, desafortunadamente falecen a pesar dos nosos esforzos. Nas unidades de coidados intensivos unha gran parte dos falecementos están precedidos de limitacións dos esforzos terapéuticos, e non hai especialidade que sexa allea a esta necesidade: como afrontar os últimos días, como comunicar, como tratar de forma eficaz e sistemática as incomodidades, a dor, a dispnea, a angustia.

As unidades de paliativos sofren unha xeneralizada carencia de recursos que lles impide facer fronte a esta infinita demanda, pero ademais soamente unha asunción de todos os especialistas deste necesario enfoque pode aliviar este sufrimento; non se trata de abandonar a ninguén, senón ao contrario acompañar, entender, e tratar de forma humana e digna o paso pola última fase da vida que todos imos transitar a maior ou menor velocidade. As unidades especializadas son imprescindíbeis para manexar con éxito os casos máis complexos, pero debe ser este un coñecemento transversal. Non podemos vivir de costas a esta realidade inseparábel da vida.

A influencia da empresa farmacéticas é tan esmagadora, que lles permite definir enfermidades (convertendo en doentes a milleiros de persoas sans), convencer da eficacia de fármacos a través de estudos que elas mesmas financian

Se queremos unha atención sanitaria xusta e eficiente, debemos eliminar os conflitos de interese derivados das presións das empresas farmacéuticas. Resulta enormemente complexo, porque a dimensión do problema é tan xigantesca que lles permite defender os seus intereses a todos os niveis, dende as institucións europeas, até os propios facultativos. Centrándose soamente no nivel máis baixo, a súa influencia é tan esmagadora, que lles permite definir enfermidades (convertendo en doentes a milleiros de persoas sans), convencer da eficacia de fármacos a través de estudos que elas mesmas financian (ocultando a parte dos datos que non lles interesa), e subvencionar de forma supostamente altruísta tecnoloxías hospitalarias (o que lles permite que se utilice nos doentes que elas decidan ou para os estudos que deseñan; en definitiva influír nos deseños das políticas sanitarias).

Aínda máis preocupante, é a maneira na que moldean a formación médica, ao “financiar” eventos científicos de todo tipo, como cursos de formación, congresos médicos ou reunións de expertos; todos cremos ser inmunes ás súas pretensións, pero alguén cre que regalan algo a cambio de nada? Os seus formidábeis departamentos de promoción saben ben que estratexias lles permiten influír da maneira máis eficaz nas opinións médicas; seremos os vendedores perfectos, nin sospeitar que o somos!

Se queremos que realmente algo cambie, necesitamos un sistema con máis primaria, máis medicina preventiva, máis formación en bioética e coidados paliativos

Volvendo ao evocador poema que abría este texto, a alma do noso sistema de saúde non é soamente o número de camas, o volume de cirurxías, a redución ou aumento das listas de espera, ou o número de transplantes que realicemos. O lume do sistema somos os traballadores que o formamos, e sobre todo a nosa maneira de formarnos e entender a asistencia que prestamos; se queremos que realmente algo cambie, necesitamos un sistema con máis primaria, máis medicina preventiva, máis formación en bioética e coidados paliativos e con maior independencia das empresas farmacéuticas. Queda moito por mellorar, non esperemos máis.

Alexo López Álvarez é médico anestesiólogo

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail