«Ímonos poñer en que se vai»

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

«Ímonos poñer en que se vai», debullaba onte un amigo meu a súa hipótese sobre a actualidade da política galega. Quen se tiña que ir para que nos poñamos en situación era Alberto Núñez Feijóo, catapultado ao posto de presidente do PP e xefe da oposición en España. «Se se vai, non entendo que se pida que haxa eleccións, porque o PP ten maioría no Parlamento galego e pode poñer a quen queira. Mesmo creo que podería poñer a alguén que non sexa agora deputado, como fixeron no Congreso, propoñendo de presidente do Goberno a alguén que se botara fóra del hai un ano».

Sen darlle a razón de todo, pero tamén sen mostrarme en desacordo total, repúxenlle que unha cousa é a legalidade e outra o que se debe facer. O que é legal é indiscutible que se pode facer, porque no caso de non selo, non habería nada que discutir. Hai debate cando hai varias posibles interpretacións sobre algo dentro do que se pode facer. Escoller entre varios camiños, uns bos, outros malos, outros nin unha cousa nin a outra. Mesmo non sei quen dicía que en política sempre había que escoller entre dous males. Pero se algo non é legal e se discute, o que hai son uns presuntos delincuentes organizando algo, uns rebeldes procurando estirar os límites actuais das leis (que non creo que sexa o caso) e, máis habitualmente na política española, uns túzaros turrando uns contra os outros.

A campaña que puxo de presidente a Feijóo nesta lexislatura o que lle ofrecía ao electorado era Feijóo, non o PP. Meter nestas circunstancias a outro é como poñer unha foto que non é a túa nun chat de citas

Eu púxenlle como exemplo de algo perfectamente legal, que non era moi aló en estrita democracia, a campaña que puxo de presidente a Alberto Núñez Feijóo nesta lexislatura. A opción que se lle ofrecía ao electorado era Feijóo, non o PP. O partido aparecía na propaganda cun corpo de letra do mesmo tamaño que o pé de imprenta. Meter nestas circunstancias a outro é como poñer unha foto que non é a túa nun chat de citas. Puidéronse namorar de que cousas dicías, pero logo quen aparece no café cun libro de Vargas Llosa para que o recoñezas é outro, por moito que o discurso sexa exactamente o mesmo. Aínda máis, recordeille o caso de Eduardo Zaplana que hoxe era presidente de Valencia e foi coller o avión para converterse ao día seguinte en ministro de Aznar.

O meu amigo retrucoume que, dado que non era deputado en Cortes, Feijóo podía compatibilizar o seu cargo oficial de presidente da Xunta co posto de presidente nacional do PP, tal e como Dolores de Cospedal era presidenta de Castela-A Mancha e secretaria xeral dos conservadores. Aí si que o pillei: «Ti pensas que podendo estar na capital, coas súas pompas e as súas obras, o seu palco no Bernabeu, os seus medios nacionais e o seu glamour, Feijóo ía quedar aquí, co que se aburre?». «Non claro, niso tes razón», rendeuse, «pero agora ímonos poñer en que non se vai». Deixeino. Estaba claro que tiña ganas de bulla.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail