Podemos falar menos (e mellor) de saúde mental?

É difícil sinalar o momento preciso no que comezou, pero aí está. Nas redes sociais, na televisión, nos parlamentos autonómicos, no congreso dos deputados, no bar, no xornal, no salón de peiteado. Aquilo que antes era tabú emprendeu, duns poucos anos a esta parte, o camiño inverso, ata situarse no extremo oposto da conversa. Algo así como un antitabú, tan presente, comentado e lambido que está por perder, nese percorrido oposto, o seu significado.

A saúde mental. Onte, eterna materia pendente. Hoxe, e as mais das veces, concepto cofre baleiro de contido e no que todo cabe. Levo meses rumiando un pensamento que me fai sentir culpable, e, certa medida, desconectada desa conversa omnipresente: definitivamente, non me atopo nada cómoda no xeito no que estamos escollendo, como sociedade, abordar esta cuestión. E o principal problema, penso, sen coñecer os intríngulis do gremio máis que froito da miña experiencia directa como vella usuaria do diván, é que o termo se desdebuxa.

Comeza a resultarnos complicado diferenciar que é enfermidade mental do que é unha reacción natural, sá e adaptativa a certas circunstancias vitais. Non toleramos a frustración ou o pesar, e buscamos, pola contra, quen as etiquete e nos axude a eliminalas.  Patoloxizamos a vida cotiá e as emocións naturais do ser humano. Semella que non permitimos á tristeza, o fastío ou a irritabilidade existir como sentimentos de pleno dereito, pois procuramos case sempre explicacións médicas. Os datos sobre o incremento de enfermidades mentais dende o inicio da pandemia son demoledores, certo, pero fraco favor facemos incrementando, cando non procede, esta sensación colectiva de malestar. A tristeza ou a apatía non sempre significan depresión, nin a angustia é decote un síntoma incontestable da ansiedade.

Unha das mellores ensinanzas ao respecto deixouna a que é, para min, unhas grandes obras mestras do cine de animación dos últimos anos. Inside out, de Pixar, un filme que dota de sentimentos aos propios sentimentos, explica que un amplo espectro de emocións pode convivir no mesmo ser humano, alternarse e medir forzas sen que haxa que observar o comportamento ante os pesares dende a vía médica. Que a tristeza ensina, ás veces, a valorar mellor as alegrías. Que a ira é necesaria, como a repulsa ou o desagrado. Que existe a dor pola perda ou a incerteza polo futuro. Que non toda conduta inusual agocha un síndrome. Disfrazar de enfermidade as reaccións normais ás situacións duras ou que non cumplen coas nosas expectativas pode deixarnos espidos ante a frustración e o malestar, desarmados para xestionar as circunstancias menos agradables. Que existen. E son reais, como a vida.

É innegable que o primeiro paso para poñer as realidades no mapa e na axenda é sacalas da escuridade, dotalas de nome e apelido, compartir o sufrimento e facelo visible. Pero este, como digo, só pode ser o primeiro chanzo, e pide unha análise máis seria e profunda.En conclusión, falamos moito sen falar de nada. Nas redes sociais «Hai que priorizar a saúde mental». Prendes o telexornal «Hai que priorizar a saúde mental» consultas con calquera experto na materia «hai que priorizar a saúde mental».  Ben, e despois, que?

Que é priorizar a saúde mental? Semella que unha das cuestións máis importantes da axenda está quedando relegada a un conxunto de mantras vagos e repetidos ata o ridículo que perden o fondo dunha cuestión complexa. O debate debe ir máis aló que as imaxes gastadas con frases comodín («está ben estar mal!» Vale, e despois?) ou das promesas electorais, duns e dos outros, sen solucións tanxibles á vista.

Unha cuestión bastante impopular e que non está demasiado presente no debate é a excesiva dependencia que a sociedade (con posibles, claro) desenvolveu, nos últimos tempos, cara a figura do psicólogo. O profesional da saúde mental aparece debuxado case como unha deidade á que o doente confía o seu benestar, un peaxe necesario e ineludible cara a curación. Unha burbulla que, ligada aos limitados recursos da sanidade pública, redunda en consultas e gabinetes de psicoloxía con listaxes de agarda dignos de Estrela Michelín, e ringleiras de pacientes (ou clientes?) esixindo unha diagnose sobre un papel ou que acoden ao profesional só para confirmar un veredicto autodiagnosticado e, moitas veces, xa innegociable.

Sen menoscabar, mefaltedios, a inestimable labor dos psicólogos e psiquiatras, boto de menos, á hora de propoñer posibles camiños para abordar a cuestión, solucións menos individualistas. Camiños que non pasen, necesariamente, por vomitar os demos internos a porta pechada nunha sala decorada de xeito aséptico e en pantone pastel. Que as solucións trascendan da mera inxección de recursos económicos para facilitar o acceso a esas salas. Podemos escoller vieiros intermedios, apoio mutuo, tecido social para mitigar os efectos dos problemas que non teñen que ver cos adentros senón co funcionamento da sociedade. Hai alternativas. Ten que habelas. E debemos facer por atopalas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail