Rueda, de escudeiro de Feijóo a presidente de Galicia sen pasar polas urnas

O novo presidente da Xunta, case un perfecto descoñecido para os galegos a pesar dos seus dezaseis anos á sombra do líder do PP, ten como reto convencer o seu propio partido de que poderá renovar a maioría absoluta en 2024

A Coruña.- A principal dificultade coa que se vai a atopar o novo presidente da Xunta é construír un perfil propio que estea á altura do hiperliderado que exerceu durante trece anos Alberto Núñez Feijóo. Porque toda a carreira política de Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968) foi construída desde esa posición de escudeiro.

Fillo dun militante de AP que apoiou os populares tránsfugas que acabaron co goberno de Gerardo Fernández Albor en 1987 , Rueda foi un bo estudante que se fixo opositor despois dunha breve etapa como comercial do Banco Santander. Sacou a carreira de Dereito en cinco anos e a oposición para secretario municipal á primeira. O seu primeiro destino en prácticas foi Bueu, e hoxe está en excedencia no Concello de Marín.

Dá a impresión de que sempre se sentiu cómodo con esa imaxe pública de opositor pulcro e educado que pasa desapercibido en todos os círculos. De feito, nunca gañou unhas eleccións como cabeza de cartel. A pesar do ostracismo ao que o PP someteu ao seu pai desde 1987, iniciouse en política nas Novas Xeracións do PP de Pontevedra, ascendeu a concelleiro da cidade en substitución doutro edil que deixou o seu escano, e a xefe de gabinete de Xesús Palmou, un dos conselleiros de Fraga, ata que Feijóo regresou a Galicia e, por consello do propio Palmou, o converteu no seu segundo como secretario xeral do PPdeG.

Desde entón sempre se presentou aos comicios detrás de Feijóo -nos últimos, no 2020, como número tres por Pontevedra-. E a pesar de que é das poucas persoas ás que o presidente do PP entregou certo poder na Xunta e no partido, mantívose nese segundo plano á sombra do líder, que no 2009 o nomeou conselleiro de Presidencia cando os populares recuperaron a Xunta, e no 2013, vicepresidente, cargo que ocupou ata a data.

Esa condición, sumada á estratexia de Feijóo de construír tanto os seus gobernos como as executivas do partido con personalidades de escaso carisma que non puidesen eclipsar ou seu, fixo de Rueda practicamente o único perfil da formación con posibilidades para sucedelo. Con todo, tras a negativa de Feijóo a pelexar pola presidencia estatal do PP tras a moción de censura contra Mariano Rajoy en 2018, pareceu que el mesmo daba por feito que nunca herdaría a Xunta.

Feijóo e Rueda, nunha imaxe de arquivo.

Para a cidadanía é un perfecto descoñecido, e é difícil anotar unha soa medida ou proxecto propio que puxese en marcha nos últimos anos e que poida vender como éxito de xestión. Ao contrario, se por algo é lembrado é pola folga de funcionarios de xustiza que entre o 2017 e o 2018 paralizou por completo durante 114 días os xulgados galegos, que aínda arrastran hoxe o enorme atasco que provocou a súa negativa a negociar cos traballadores.

Segundo unha enquisa de Sondaxe realizada pouco despois da caída de Pablo Casado o pasado febreiro, máis da metade dos galegos declaraban que nin sequera saben quen é Rueda, menos da metade do índice de coñecemento que ten a líder da oposición, a nacionalista Ana Pontón.

E iso a pesar de que leva trece anos contando co favor dos medios públicos -a Televisión de Galicia e a Radio Galega, agrupados na Corporación Radio e Televisión de Galicia CRTVG)- e dos medios privados que puxeron a súa liña editorial ao servizo do diñeiro público que aos executivos de Feijóo lles foi entregado en forma de axudas millonarias inxustificadas.

O novo presidente da Xunta contribuíu, desde a súa posición de responsable da administración pública autonómica, á manipulación que levan anos denunciando os traballadores da CRTVG, rebentando folgas incómodas, como as do 8M, con servizos mínimos abusivos declarados ilegais polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Rueda segue facendo o mesmo, consciente de que esas condenas non conlevan máis efectos que o limitado reproche moral que transcende a opinión pública.

Para iso conta co favor da maioría de medios. E tamén con apoios relevantes -é íntimo de José Benito Marín, parella da exministra Ana Pastor e alma máter do clan de Pontevedra que ampararon tanto Mariano Rajoy como o propio Feijóo-. Pero dentro do seu partido hai quen cuestiona que vaia a ser capaz de conter a quen non confían na súa capacidade para darse a coñecer e convencer o electorado de que entregue ao PP unha nova maioría absoluta en Galicia.

Quédanlle pouco máis de dous anos para superar esa imaxe de eterno segundón.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail